Fundación Roberto Rivas
O entorno rural está cheo de oportunidades. Frente ao reto demográfico que estamos a vivir e os cambios estructurais que atravesa o rural, xurden cada vez máis iniciativas que demostran que outro futuro é posible.
Dende a Fundación Roberto Rivas, reafirmamos o noso compromiso con ese futuro impulsando espacios de encontro, diálogo e acción. Un deles é o Foro de Emprendemento Rural, que este ano celebrará a súa segunda edición.
Tras unha primeira edición que superou as nosas expectativas, tanto en asistencia como en impacto, preparamos esta nova cita con ilusión renovada. O foro consolidouse como un espacio clave para reunir a personas emprendedoras, axentes do territorio, institucións e colectivos que creen no valor de innovar, de impactar globamente dende o local.
En 2024, o evento serviu para visibilizar proxectos inspiradores, xerar redes de colaboración e poñer sobre a mesa os desafíos e oportunidades que definen o presente e o futuro do rural. Proxectos como Agrolinera, Anceu Coliving, Chorima Cosmética, Puxedo ou Skomb by Tex, foron unha boa mostra da calidade que podemos atopar en proxectos altamente vinculados coa sostibilidade, co medio ambiente, co rural e con altas dosis de innovación. Eles foron os premiados nos Premios de Emprendemento Rural Innovador celebrados no mesmo Foro.
Esta segunda edición chega nun momento clave. A tecnoloxía e a dixitalización, a sostibilidade, o arraigo e a cooperación están transformando profundamente os xeitos de emprender no campo.
Neste contexto, queremos seguir aportando coñecemento, experiencias, contactos e ferramentas para aqueles que apostan por emprender dun xeito ligado ao territorio, cunha mirada innovadora, comprometida e sostible.
Desde a fundación, estamos traballando para ofrecer un programa á altura deste reto, con voces diversas, talleres prácticos e espacios de diálogo que nos axuden a seguir construindo unha comunidade rural, viva e creativa.
En breve, anunciaremos na páxina web (www.fundacionrobertorivas.org) a data e o lugar de encontro así coma as principais temáticas que abordaremos. Invitamos a todas as personas interesadas no emprendemento rural a mantenerse atentas e sumarse a esta nova edición do foro.
Porque o rural non é pasado: é unha promesa de futuro que se constrúe día a día con esforzo, ideas e colaboración.

