Concello da Estrada
Os ríos pintan para o municipio estradense un lenzo coa frescura da terra bañada, para gozar poñendo os cinco sentidos en calquera época do ano.
Pecha os ollos. Sente como as raiolas do sol che quentan a cara. É o sol do verán, da primavera ou ese que fai chegar a súa calor neses días de inverno nos que se ergue fachendoso para reclamar o seu espazo no ceo despexado? Non importa, só goza desa sensación pracenteira. Escoita agora. O río Ulla baixa cantareiro cara o mar, arrolando ao salmón no berce que as súas augas preparan para o monarca fluvial. Ou é o Liñares? Non importa, só goza escoitando. Reláxate co son. Agora, cheira e sente o sabor na boca. Non ule ao salitre. É doce; é terra bañada, é frescura, é…. verde. Abre os ollos e completa a experiencia. Mira o cadro que os ríos pintaron na Estrada. Aquí non hai mar, pero abofé que hai praia.
Cando comeza o bo tempo, a natureza chama. Apetece o paseo, o descanso ao aire libre, o esparexemento, o goce cos cinco sentidos. As terras do Concello da Estrada están bañadas por dous grandes ríos que desembocan na Ría de Arousa: o Ulla e o Umia. O primeiro percorre a zona norte do concello, bebendo das augas que lle levan o Liñares, o Curantes ou o Vea, e que axudan a convertelo nun dos ríos máis caudalosos de Galicia. O Umia rega o sur, atravesando parroquias como Liripio, Ribela, Codeseda, Arca ou Souto. Os dous alíanse para facer da Estrada un concello rico para a pesca, con numerosos cotos, entre eles os catro (Ximonde, Sinde, Pontevea e Couso) que atraen aos moitos pescadores que ansían levar o salmón á súa sacadeira.
Pesca e lenzo
A pesca fluvial e o goce dos ríos para aos deportistas que a practican son todo un atractivo turístico, como o son os espazos pensados para desfrutar relaxadamente dun marco no que quedar engaiolado. As praias fluviais da Estrada animan a veciños e visitantes a deixarse atrapar por estes lenzos naturais, compartindo
xornadas en familia, entre amigos ou coa sempre boa compaña do pensamento propio.
Moi preto do casco urbano, A Estrada ten plantada toda unha bandeira azul na praia de Porta Pousada, nas augas do río Liñares. O Concello acadou un convenio coa Sociedade Deportiva Río Ulla para que este paraxe sexa hoxe de acceso público para todos os estradenses. A praia fluvial esténdese nun tramo de 150 metros na ribeira deste afluente do Ulla, creando un recinto natural para o esparexemento de preto de 27.000 metros cadrados. A parcela, con un elevado valor natural, dispón dunha zona de baño de 2.000 metros, que se combina cunha carballeira centenaria,

