Manuel Figueiras F.
Chama a atención o dinamismo da música en Galicia, un sector da cultura emerxente que, ademais, conecta coa poboación nova. Hai unha eclosión de cantantes e grupos, que se proxectan máis aló dos escenarios e festivais galegos. A eles hai que engadir as foliadas, seráns e os cantos de taberna, que se celebran por todo o país. A música de raíz, a que bebe na tradición, espállase cada vez con máis pulo pola nosa xeografía.
Seguramente, unha das razóns que o explican son as escolas de música. Promovidas polos concellos ou asociacións, fomentan a nosa música a todas as idades. Sorprende que o alumnado destas escolas populares sexa dun abano que vai dende a rapazada miúda aos avós. Son a confirmación de que calquera idade é boa para aprender música.
A escola de Chantada, a Asociación Cultural Casa da Música de Chantada, cumpre quince anos. Ao abeiro do concello, instrúe no goce da música a centos e centos de mozos e non tan mozas da vila. “Cando comezamos había 17 matrículas e agora somos a escola de música de Galicia, das que optan ás subvencións da Xunta, con máis alumnado, con 730 matrículas neste curso 2025/2026″, apunta Manuel Sánchez, director da Casa da Música. “Ademais, somos a escola máis barata de Galicia, facendo equilibrios económicos: o alumnado paga 25 euros ao mes por catro clases á semana”.
A escola
O equipo directivo presidido por Pablo Dafonte ten como director da escola a Manuel Sánchez e a Óscar Rodríguez como director da sección tradicional. É, pois, en realidade, unha asociación xestionada polos músicos que traballan nela, cunha plantilla de dezaseis traballadores, tres deles profesores que comezaron no 2010 como alumnos. Porque moitos que empezan nela continúan formándose e chegan a facer da música a súa forma de vida.
A escola está organizada en tres liñas de traballo: a sección clásica, para aprender calquera instrumento pensado para tocar nunha banda de música (instrumentos de vento, madeira, vento-metal e percusión), a sección moderna (guitarra, baixo eléctrica, piano ou batería) para xente interesada en tocar rock ou música moderna, e a sección tradicional (gaita, tamboril, pandeireta). Hai tamén ballet e danza moderna, ademais do baile tradicional, que aumenta cada curso: foise recuperando desde fai cinco ou seis anos e agora son case noventa bailadoras e bailadores, de entre dez e dezaoito anos .
Materias
Antes só se podía aprender o que mandaban, o que se necesitaba, non o que quería cadaquén. Agora hai unha gran variedade de aprendizaxes posibles. A Casa da Música de Chantada ofrece para este curso académico clases colectivas de ballet, baile galego, banda infantil, batukada, combo, danza moderna, improvisación, linguaxe musical, música e movemento e pandeireta. As formacións individuais son dos seguintes instrumentos: acordeón, baixo eléctrico, batería, canto, clarinete, frauta, gaita, guitarra, guitarra eléctrica, percusión, piano, saxofón, trombón, trompa, trompeta, tuba, ukelele e violín.
No proceso de aprendizaxe son necesarias moitas horas á semana, tamén de práctica na casa, que nun momento dado dá un paso adiante coa formación dos combos. Búscase non só a formación individual senón tamén que se adapten a participar nunha agrupación creada na propia escola e en cada curso. Así, se hai catro alumnos cun nivel semellante tocando a batería, a guitarra, o baixo eléctrico e cantando, o profesorado proponlles montar unha canción e ensaiala en grupo, que se estrea nos concertos solidarios ou na fin do curso. Por razóns de traballo, estudos, etc. os combos non teñen, en xeral, continuidade pero son unha estimulante ferramenta de aprendizaxe.
Mesmo se forma unha banda de música da escola coa incorporación dos diferentes instrumentos (de vento-metal e vento-madeira, saxofón, trompeta, clarinete, frauta…) e de idades diversas, dirixida por Iván Quintana e sen vocación de continuidade máis alá de cada curso.
Actuacións
Como práctica do alumnado e para facer partícipe do seu esforzo a toda a vila, a escola organiza diferentes actuacións. Por unha banda, os festivais de Nadal ou de fin de curso, ao longo de varios días, ademais das festas patronais ou feira do viño no caso da agrupación tradicional. E por outra a colaboración con AFA Chantada (Asociación de enfermos de Alzheimer), co Centro de día Marita Otero, a residencia DomusVi ou a asociación Asdeme. E non faltan os concertos didácticos de introdución no CEIP Eloísa Rivadulla ou no CEIP Xohán de Requeixo ou pequenos concertos do grupo de acordeóns, dun carteto de saxos, dos pianistas en acción, de improvisación de piano e saxo, ou piano e voz.
Este curso, coa celebración do 15 aniversario, o festival de fin de curso, a finais de maio, reunirá a todo o alumnado da escola, que encherá de música todo o día as rúas de Chantada.
Agrupación Tradicional
A sección tradicional da escola ten este curso 250 matrículas en pandeireta, gaita, percusión tradicional e baile. Participa coa súa banda de gaitas nas convocatorias festivas do concello (festas patronais, feira do viño…). No festival de Nadal e de fin de curso reúnen no escenario a todo o alumno en actuacións espectaculares pola cantidade de xente que convocan, tanto participantes como espectadores. E segue medrando. “Este ano debutarán na agrupación entre oito e dez rapaciños novos que empezaron este curso”, conta Óscar Rodríguez, o director. Unha das súas actividades será participar na 60ª Europeade, que se celebrará en Bérgamo, Italia, do 22 ao 26 de xullo de 2026. A Europeade é unha festa popular de cinco días de duración na que interveñen 5.000 bailaríns, músicos e cantantes de toda Europa. Como unha celebración da diversidade, os grupos cantan, tocan e bailan a súa música vestidos cos seus traxes tradicionais. A Acadamudecha xa participou no 2023 en Gotha, Alemaña, o 2024 en Cerdeña, Italia. É, así, unha embaixadora da nosa cultura polo mundo.

