A Fada da Aldea, un proxecto cheo de saber popular

Noelia Cortizo Salgueiro

A Fada da Aldea, un proxecto cheo de saber popular

Gloria Lareo quixo aproveitar todo o saber que colleu dende pequena, compartindo tempo e espazo coas persoas maiores, e as non tanto, para montar un proxecto especial, diferente. Escoitou falar moito sobre as plantas e o coidado das mulleres “e motivoume apostar polo rural e que teña futuro”, destaca.

Lareo deulle así vida a Fada da Aldea, un proxecto que naceu en Silleda, onde ela reside, e se veu cociñando dende que esta muller era moza. “Falaba coas veciñas, traballaba con elas na horta e logo estudaba un pouco os beneficios das plantas, vinculando isto á igualdade”.

Con este proceso, empezou a facer probas con cosméticos e, aproveitando os seus estudos en Pedagoxía, iniciou os obradoiros. “Tamén vinculei todo isto ao gran patrimonio que temos en Silleda”.

En Silleda Fai quixo aventurarse a poñer un posto “e xa que a xente me empece a coñecer. Estou moi ilusionada, e agardo chegar lonxe”, desexa esta moza silledense.

Os seus produtos son adaptados a cada persoa e cada circunstancia. “Escoito como están, que necesitan e partir de aí fago velas, ou perfumes, mesturando as herbas que lle poden ir ben para conseguir  mellorar iso que non funciona ben. Por exemplo, se se notan baixos de concentración, fago un preparado para  que iso mude e consigan os mellores resultados.

 

Trasdeza Natur, un proxecto pensado no rural e para o rural

Rosendo Luis Estévez foi outro dos participantes con Trasdeza Natur, unha  firma de froitos e hortalizas ecolóxicas deshidratadas. Xunto con María José Tallón, traballan dende Cortegada (Silleda) e tamén formaron parte de Silleda Fai. “Foi unha oportunidade moi interesante, na que se dá visibilidade a proxectos locais e rómpese con iso de que “ninguén é profeta na súa terra”. Ademais, permítenos crear sinerxias ou coñecer outros produtos que non sería posible se non fose por estas citas”, relata.

O obxectivo desta firma foi poñer en valor  o territorio dende o propio territorio, “e demostrar que dende o rural, pequenos proxectos tamén poden facer cousas innovadoras”. Así mesmo, lembra que comezaron coa produción ecolóxica e deshidratando tomate e amorodos, pero agora xa teñen 12 referencias diferentes. Ademais, xa están no mercado cunhas novas láminas de amorodos e tomates e tamén en proceso de lanzar patés. “Nós traballamos con moita proba-erro, xa que o noso mecanismo é un prototipo, que era descoñecido, polo que pasamos moito tempo calculando os tempos, temperaturas e xeitos de traballar para cada froita e hortaliza, así coma cos novos produtos que xa están saíndo”, describe.

 

Deixa unha resposta