A Estrada nas túas mans

Concello Da Estrada

O día está frío e chuvioso, pero este taller da parroquia de Berres é un auténtico fervedoiro. Aquí as mans non acusan as baixas temperaturas que aterecen os dedos de calquera, sinxelamente porque son ferramentas indispensables que non permiten nin folga nin preguiza. Os pedidos acumúlanse e hai que sacalos adiante, é por iso que no obradoiro de Atalanta Madeira non hai tempo hoxe para arrincar a atención das pezas nas que se traballa.

 Se hai parroquia do Concello da Estrada onde o oficio dos torneiros está profundamente arraigado esa é Berres. A tornaría está vencellada á familia Neira, polo menos, dende comezos do século XIX. Como acontece en moitos talleres da zona, o torno testemuña o paso das diferentes xeracións e foi mudando con elas, tanto na súa maneira de traballar como no tipo de pezas que foron saíndo del co paso dos anos.

Isabel e Ana Neira levan hoxe en día as rendas de Atalanta. Da súa man, a empresa está presente en diferentes partes do mundo a través de pezas únicas que innovan a tradición. O seu famoso quebranoces chegou ata as tendas da Tate Modern de Londres e os seus coloridos pratos de madeiras autóctonas ofrecen maridaxe idónea para a alta cociña galega.

 A capacidade de modelar a madeira é tamén unha cuestión de familia para os responsables doutras dúas firmas de Berres: Artesanía Ferradáns e Nudima de Madeira. Os irmáns Luis, Manuel e José aprenderon a arte de seu pai, todo un experto na fabricación de pratos para polbo. Dous dos irmáns continuarían no negocio familiar e outro fundou Nudima hai xa tres décadas.

Atalanta Madeira

 Renovación

 Na Estrada a artesanía en madeira soubo ler o mercado e apostar por renovarse cos aires das novas tendencias. O día a día pasa por traballar con mestría a materia prima ata sacar dela pezas únicas, moitas delas personalizadas para ofrecer ao cliente xusto o artigo que mellor o define. Torneado, tallado ou gravado, cada peza leva o selo de fabricación manual, que se alía coas garantías da calidade e a experiencia da tradición.

O municipio estradense conserva un tecido artesanal amplo e diverso, que vai desde a elaboración de instrumentos tradicionais até a marroquinaría, pasando polos tecidos, a madeira, a cerámica, a xoiería artística ou mesmo a cosmética natural.

Nun momento no que o consumo sostible e a produción local gañan protagonismo, a artesanía estradense vive unha segunda primavera. E non é casualidade: formación, innovación, orgullo polo oficio e unha aposta institucional clara están contribuíndo a consolidar un ecosistema creativo no que novas xeracións imprimen o seu propio xeito de dar continuidade ás sagas familiares de artesáns ou exploran un camiño novo no que o talento e o carácter único de cada peza son apreciados e aplaudidos polo consumidor.

A Estrada conta tamén con artesáns que traballan a cerámica creativa, a ourivaría ou o coiro. Coñecido é o saber facer de ceramistas tan destacados como Fernando Porto e Trinidad Barranco, que elaboran pezas únicas a partir dunha gran variedade de materias primas. Eles poñen o enxeño e o lume completa a maxia.

Con producións limitadas saen ao mercado as xoias de firmas como Maysil, que redefine o concepto de exclusividade e introduce o de tendencia en cada colección. O resultado son xoias que sempre resultan especiais e que se subministran directamente dende a fábrica. María Silva e José María Mayer fan que a creatividade sexa unha das materias primas fundamentais coas que traballa Maysil, que sempre encaixan á perfección cos materiais coidadosamente seleccionados para conformar esa peza soñada nun primeiro debuxo.

As mans achegan valor engadido. Un coñecido slogan publicitario asegura “A artesanía di moito de ti”. Sendo así, A Estrada ten moito que contar

Nudima de Berres
Maysil

Deixa unha resposta