A Fundación Roberto Rivas e Silleda: un 2025 que consolidou alianzas, talento e comunidade no rural

R.R.R.

O ano 2025 foi para a Fundación Roberto Rivas un período de consolidación na comarca do Deza, especialmente en Silleda. O Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego mantivo unha intensa actividade, reforzando o acompañamento a persoas emprendedoras e consolidándose como un espazo clave para impulsar proxectos locais.

Esta labor completouse coa colaboración co Concello a través do Viveiro de Empresas, que puxo en marcha por segundo ano consecutivo o Programa de Dixitalización de Pemes e Negocios Locais. Desenvolvido entre outubro de 2025 e maio de 2026, ofreceu formación práctica en comunicación, atención ao cliente e ferramentas dixitais. A elevada participación confirmou a utilidade do programa e o seu impacto no tecido empresarial local.

Tamén se fortaleceu a relación coa Asociación Feiral da Semana Verde. Na Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a Fundación contou cun stand desde o que se deu visibilidade a proxectos apoiados como Amarelas, Souto Life, Juan Carlos Asorey Fotografía, Viralatas Petshop e Agrolinera, promovendo o talento local e novas oportunidades no rural.

Outro dos fitos destacados foi a colaboración co IES Pintor Colmeiro na difusión do libro Mulleres do Deza, unha obra que rende homenaxe ás mulleres da comarca polo seu papel na vida social e cultural, presentada en outubro en Silleda e A Bandeira.

A Fundación apoiou tamén a III Andaina Solidaria a favor do Autismo, organizada por AUPA Deza, unha iniciativa que uniu deporte, solidariedade e comunidade na contorna de Silleda.

Estas alianzas institucionais, educativas e sociais reafirmaron en 2025 o compromiso da Fundación Roberto Rivas co desenvolvemento do rural galego e coa xeración de novas oportunidades de futuro.

Deixa unha resposta