Fitos históricos e para o recordo da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA        

Noelia Cortizo Salgueiro

No repaso da historia da Central Agropecuaria de Galicia Abanca, situada en Silleda, sempre quedará o nome de Rufino Vallín Collado, quen faleceu no mes de setembro aos 90 anos de idade. Vallín era cántabro, en concreto de Comillas, e participou na poxa de Silleda durante case 60 anos. De feito, aínda sen estar en activo, seguía sendo unha das caras visibles.

Chegou a Galicia encandilado pola calidade dos xatos galegos, os cales empezou mercando en Santiago para vendelos en Cataluña, pronto coñeceu a feira de Silleda e xa foi un asiduo destes encontros. Mostrábase asombrado pola calidade dos xatos de Galicia, que foi o que o mantivo tan conectado a este tipo de mercados. Empezou con camión propio para transportar o gando, nunha época na que non había tantos vehículos como agora. Á par disto, traballou na súa gandaría de xatos de engorde que mantiña en Santander.

Percorreu boa parte do territorio español transportando boa calidade de carne galega, da que tanto presumía. Quedou con moita clientela, que cando deu o paso de retirarse lle foi cedendo ás boas amizades que fixo polas terras galegas. Vallín sempre presumiu da Central Agropecuaria, onde, segundo el mesmo dicía, hai os mellores xatos frisóns. Aínda que consideraba que a calidade en tempos pasados era excelente, ata Silleda seguían a chegar exemplares bos, baixo o criterio deste profesional do sector.

Por todo o que significou e seguía a significar para el a Central Agropecuaria, durante a celebración da última sesión do mes de setembro, gardouse un minuto de silencio para lembrar este cántabro que tanto traballou por este mercado.

Rufino Vallina na central.Bernabé/Javier Lalín

Peche de semanas da Central

Outro feito que marcará este 2025 vai ser o peche de cinco semanas da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA. O 27 de outubro, por orde da Dirección Xeral de Gandaría e con motivo da evolución da dermatose nodular contaxiosa, a Xunta de Galicia mantivo suspendidas todas as feiras, concursos, certames, poxas, mercados e concentracións de animais, excepto de cans e gatos, e outros animais de compañía e aves ornamentais, no ámbito territorial galego. Non foi ata a xornada do 30 de novembro que se recuperou a normalidade.

Tratouse dun dos períodos máis longos nos que non houbo mercado neste recinto, seguindo ao período da pandemia da COVID, cando os motivos non tiñan que ver coa saúde animal senón humana.

Esta prohibición incluíu a entrada en Galicia de animais procedentes de explotacións situadas nas zonas declaradas como restrinxidas á dermatose nodular contaxiosa. Todos os animais bovinos que se trasladasen con destino a vida e procedían de explotacións de fóra do territorio galego, independentemente da súa orixe, deberían ser sometidos a unha vixilancia veterinaria oficial dunha duración mínima de 21 días dende a data da súa incorporación á explotación de destino en Galicia.

Así mesmo, as explotacións gandeiras de calquera tipo e clasificación zootécnica que incorporasen animais quedaron inmobilizadas cautelarmente durante o período referido no mencionado punto.

Prezos de récord no 2025

Polo contrario, xusto antes de producirse o peche do mercado, o recinto rexistrou un novo récord: o maior prezo pagado por unha vaca neste mercado. Se ben o prezo máximo da categoría de Vacún Maior, e da Central, se sitúa nos 10.498 euros acadados o 8 de outubro de 2024 por un boi de raza mestiza, en canto ás femias desta categoría o máximo estaba ata ese día nos 7.728 euros (pagados en marzo de 2024). 

Porén, dende a mañá  do martes 21 de outubro, o maior prezo pagado por un exemplar pasou a ser de 7.798 euros, pagados por unha vaca mestiza nacida en febreiro de 2021 e pertencente a unha explotación de Boimorto (A Coruña), a cal foi adquirida por Frigoríficos Bandeira.



Vaca mestiza que bateu o récord

Deixa unha resposta