María José Gómez Rodríguez: “ A xente moza ten que saber que o rural está cheo de oportunidades laborais e persoais”

Texto : Noelia Cortizo Salqueiro Foto:Consellería do Medio Rural

CONSELLEIRA DO MEDIO RURAL

Logo de ser alcaldesa de Guntín (Lugo), senadora e agora conselleira de Medio Rural, que balance fai da súa traxectoria?

En todos os postos que desempeñei e desempeño, intentei traballar ao máximo e sempre baixo as premisas do compromiso, a dedicación e a honestidade. En todas as etapas aprendín moito; a experiencia de conselleira está sendo moi gratificante. Creo na política que escoita á xente e que intenta resolver os seus problemas, e por iso para min é fundamental estar ao pé do territorio, para seguir facendo do rural galego un espazo atractivo, cheo de oportunidades e xerador de riqueza.

Neste verán, atravesou un dos momentos máis complexos coa vaga de incendios. Como os lembra e como van  traballar na súa recuperación?

Sen dúbida, este verán foi un dos momentos máis duros que vivín na miña vida pública. Dende o Goberno galego, en colaboración coas demais administracións, despregamos o maior dispositivo de loita contra os incendios forestais da historia de Galicia. Puxemos en marcha oito liñas de axudas e estamos traballando na recuperación do monte. Comezamos coa técnica do mulching nunha serie de zonas críticas detectadas e estámoslle dando saída á madeira queimada nos montes de xestión pública. Unhas actuacións que continuarán en 2026, con ata 3,2 millóns de euros para a restauración forestal.

Un dos puntos débiles do sector é a falta de relevo xeracional. Que lle diría á mocidade?

En primeiro lugar, a xente moza ten que saber que o rural está cheo de oportunidades non só laborais, senón tamén para crear o proxecto de vida persoal. Dende a Administración estamos a poñer enriba da mesa os recursos necesarios, de xeito transversal, para facilitar que vivan no rural. Facémolo con axudas para a incorporación da mocidade, para plans de mellora nas granxas ou con novas ferramentas coma o Banco de explotacións, que pon en contacto a persoas que van abandonar a actividade agrogandeira con outras interesadas en incorporarse ou en ampliar a súa explotación.

Polo contrario, un dos puntos fortes debería ser a dixitalización. Como debe ser ese paso para lograr un medio rural 3.0 ou xa 4.0?

A tecnoloxía está presente no medio rural e a modernización da gandaría ou a agricultura é un dos maiores atractivos para fomentar esa necesaria remuda xeracional. É importante salientar que as explotacións galegas son un referente en canto a modernización e están á vangarda non só de España, senón tamén de Europa. Así, Abanca Semana Verde segue sendo a referencia da calidade galega e do lecer, concentrando nun mesmo evento o escaparate de Galicia para o mundo.

Tendo en conta a área de cobertura deste boletín, cales son as iniciativas nas que traballan para esta zona?

Case todos os proxectos que poñemos en marcha teñen unha perspectiva global para toda Galicia. Por suposto, con adaptación ás particularidades propias do territorio, coma nesta zona pode ser a gandaría de vacún de leite, que é unha das zonas máis produtoras.

De xeito persoal, cales son os dous sectores cos que sente maior conexión?

Como persoa criada no seo dunha gandaría de vacún de leite, coñezo perfectamente os desafíos e inquedanzas deste sector e sigo plenamente conectada con el, tanto dende o meu posto como conselleira como dende o punto de vista da economía familiar. Pero na Consellería descubrín as grandes potencialidades do sector primario dun xeito completo, e incluso sectores menos coñecidos e emerxentes. Todos eles son o mellor espello de Galicia Calidade.

María José Gómez Rodríguez

Deixa unha resposta