Patrimonio da Galicia Central: FORCAREI monacal, musical e sideral

Texto: Daniel González Alén Fotos: Manolo Seixas

O mosteiro de Aciveiro, as neveiras de Fixó, a torre da Barciela, os gaiteiros de Soutelo, a festa da Richada, o Circuíto de velocidade da Madanela e o Observatorio Astronómico de Levoso, son algúns dos referentes patrimoniais do municipio de Forcarei, encravado ao pé das serras do Candán e do Cando, nas que teñen as súas fontes catro dos principais ríos de Galicia: Lérez, Umia, Verdugo e Deza. Terra de canteiros e gaiteiros, que, superada a emigración secular, ten nos seus dous parques empresariais unha puxante industria; no sector agrario o soporte fundamental da súa economía e no turismo e a gastronomía, importantes recursos, que aproveitan o rico e abundante patrimonio e as boas comunicacións do municipio coas cidades de Pontevedra, Ourense e Santiago de Compostela. Asentado na Terra de Montes, os seus pouco máis de tres mil habitantes, repártense en trece parroquias e nas vilas de Forcarei, onde reside a capital municipal, e Soutelo de Montes, importante nexo de comunicacións.

O  mosteiro de Aciveiro e as neveiras de Fixó.

O monumento máis sobranceiro destas terras é o mosteiro de Santa María de Aciveiro, declarado Monumento Histórico-Artístico en 1931. Conserva a igrexa románica do século XII, na que se celebra o culto parroquial e boa parte das dependencias monacais, que foron restauradas a principios do presente século, para convertelas en Hotel Monumento. As posesións deste cenobio, chegaron a abranguer boa parte da Galicia central, ata que a desamortización de mediados do século XIX acabou cos seus amplos dominios.

Os monxes do Mosteiro de Aciveiro explotaron dende o século XVII as neveiras de Fixó, que lles servían para o almacenar neve e xeo. Logo de décadas de abandono, foron rehabilitadas e atraen a numerosos visitantes, que logo poden seguir ata un erguido miradoiro, que ofrece boas panorámicas da Serra do Candán, e a aldea abandonada de Grobas, coas súas estragadas construcións labregas e mineiras, que xunto á aldea perdida de Silvaescura, da que se conservan as ruínas -que son obxecto de escavacións na actualidade-, merecen unha detida visita.

Igrexa neoclásica de San Martiño de Forcarei
Casa do Concello de Forcarei e monumento a Chano Piñeiro

A torre da Barciela, castros e mámoas.

Na parroquia de Castrelo levántase a Torre de Alarma da Barciela, unha singular construción medieval declarada BIC, feita cos restos da antiga torre fortaleza de Montes, sendo usada ata hai un par de séculos para dar aviso á veciñanza, mediante campás e lumieiras, da presenza das bandas facciosas durante as guerras carlistas, para convocar as xuntas xerais de montes e máis tarde os veciños da zona para o culto na igrexa parroquial, que xunto ao cruceiro forman un fermoso conxunto.

Antes, na prehistoria, os habitantes destas terras construíron e habitaron os nove castros que se teñen catalogados, dos que destacan o extenso castro de Loureiro e o castro de Garellas, obxecto este último de escavación en tempos recentes. Ata os primeiros anos da nosa era, os primitivos moradores de Forcarei foron soterrados no centenar de mámoas que se teñen catalogadas, algunhas formando necrópoles coma as das mámoas do Coto das Antas en Castrelo onde hai unha decena ou a do Carrascal na Madanela, con sete. Tamén desas épocas remotas son as insculturas rupestres coma os petróglifos da Mámoa de Castrelo na parroquia deste nome, e os do Monte Penide, entre as de Dúas Igrexas e Pereira.

Igrexas barrocas e neoclásicas

Fóra da espléndida igrexa do mosteiro de Aciveiro, a arte románica, tan abundante en Galicia, apenas deixou mostras na Terra de Montes, ao ser ampliadas, reformadas ou refeitas as máis das igrexas parroquiais, pola man dos notables canteiros destas terras, nos estilos barroco e neoclásico, imperantes a partir de século XVII. De entre as barrocas destacan a de Millerada e a de Dúas Igrexas, que polas súas dimensións, semellan basílicas e a de Castrelo, con dúas capelas e fermosos retablos. No estilo neoclásico, cómpre mencionar a de San Martiño de Forcarei, de erguida torre, que co seu cruceiro forma conxunto coa Casa do Concello.  A igrexa da Madanela en Soutelo, construída en tempos recentes, é de traza vangardista, cun cruceiro no cemiterio que a rodea e pezas da antiga románica do século XII, reaproveitadas nos muros do templo e da reitoral. Na parroquia de Meavía paga a pena achegarse á capela do Santo Amaro que, malia estar en ruínas, ten sido escenario para o rodaxe de series e películas.

No tocante aos cruceiros, de entre a trintena dos existentes hai que destacar o de Quintillán, con numerosos símbolos da paixón no fuste e os de Millerada e Pardesoa, labrados polo artista canteiro Xosé Ferreiro a finais do século XIX. De mérito son tamén os procesionais de Aciveiro, Ventoxo, Castrelo, Pereira, Pardesoa, Dúas Igrexas e A Madanela. No municipio téñense catalogado medio centenar de cruces e un par de petos de ánimas, ambos en Soutelo. Da arte relixiosa e doutros aspectos de Forcarei ten publicado numerosos traballos o escritor e historiador forcareiés, Francisco Rozados “Rochi”.

Torre de Alarma da Barciela

Boas mostras da arquitectura civil

Na arquitectura civil do municipio cómpre destacar a Casa do Concello, construída no ano 1981, obra temperá do arquitecto pontevedrés César Portela, un edificio no que priman a funcionalidade e os amplos e luminosos espazos. Na fachada principal loce o escudo de armas do Concello e un monumento con efixie, dedicado ao laureado cineasta Chano Piñeiro, un dos pioneiros do cine galego.

Na parroquia de Millerada atópase o denominado Pazo de Hermosende, a única construción fidalga do municipio, con escudo de armas da familia de Alonso de Soto, Cortés e Varela Vaamonde, o último xuíz meiriño da Terra de Montes. É unha notable construción de principios do século XVIII, actualmente deshabitada e camiño da ruína.

Mellor conservada está a singular Casa de González Barros, un edificio entre ecléctico e modernista que destaca entre as casas do núcleo urbano de Soutelo, construído a principios do século XX, con artísticas escaleiras, terrazas e galerías con variedade de azulexos e fermoso xardín.

Alvarizas, muíños, pontes e fervenzas.

Na arquitectura popular das terras que lidan coa Serra do Candán, son típicas as alvarizas, construídas dende a Idade Media para gardar as colmeas dos osos e dos humanos, na súa maior parte propiedade da Igrexa e dos frades de Aciveiro, que delas obtiñan o prezado mel e a cera, tan precisa naqueles tempos para o culto e a iluminación. Rectangulares ou ovaladas, poden ollarse bos exemplares de alvarizas en Aciveiro e Pereira e formando conxunto coas fermosas fervenzas da central eléctrica da Graña, que xunto cun miradoiro instalado nesta ribeira do Deza, está chamado a ser un importante recurso turístico de Forcarei.

Maior é o numero de muíños, que anda polos trescentos, todos eles en desuso e moitos na ruína. Tres xuntos poden atoparse entre os lugares de Castrelo e Gaxín e vense moitos nos catro grandes ríos do municipio, que salvan notables pontes coma a Ponte de Gomail, paso de arrieiros, e a Ponte de Andón, en Aciveiro, construídas en diferentes épocas.

Rutas, Camiños e espazos naturais

Forcarei conta con dúas rutas homologadas de sendeirismo. A PR-G 100 Sendeiro Natural Aciveiro – Candán, é unha ruta circular duns 15 km de lonxitude con principio e fin no mosteiro de Aciveiro, na que pode ollarse a interesante flora e fauna das abas e dos cumes da Serra do Candán.. A Ruta das Pontes do Lérez – Forcarei, PR-G 113 de 14 km, comeza no mosteiro de Aciveiro e chega ata Gaxín, decorrendo en boa parte paralela ao río Lérez, onde se localizan as áreas recreativas do Cotelo, Ponte do Crego e o Campamento Xuvenil de Ponte Maril e a da Ponte Freixeira, que se atopa onda o parque empresarial do Cachafeiro.

De notable importancia e grande futuro para o turismo destas terras é o Camiño da Geira e dos Arrieiros, que atravesa o municipio e que é o único de Galicia que ten tres espazos protexidos polo seu grande interese ambiental na Rede Natura 2000: a zona que abrangue a Lagoa Sacra e Brañas de Xestoso, e as das serras do Candán e do Cando, que comparte con outros municipios de Pontevedra e Ourense. Tamén de sumo interese turistíco, é o Camiño Miñoto-Ribeiro a Compostela, que atravesa Soutelo, nunha etapa que vindo de Pazos de Arenteiro, remata no Foxo da Estrada.

A singular casa de González Barros en Soutelo
As Neveiras de Fixó do mosteiro de Aciveiro

Terra de músicos e artistas

Forcarei destaca no ámbito musical polas agrupacións existentes no municipio e por ser berce de grandes gaiteiros. O máis célebre foi Avelino Cachafeiro, O Gaiteiro de Soutelo (1899-1922), recoñecido individualmente como o mellor gaiteiro de Galicia e tamén co grupo de gaitas que formou cos seus irmáns. Un monumento situado nunha céntrica praza de Soutelo leva o nome destes e doutros virtuosos gaiteiros de Soutelo e Forcarei.

Dende o ano 1979 vénse celebrando en Soutelo, a Festa do Gaiteiro, logo das festas de verán. Está declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, con pregón, concursos e premios, e atrae a milleiros de afeccionados á música tradicional de toda España e mesmo do estranxeiro. Aquí deuse a coñecer a Banda de Gaitas de Forcarei que, fundada en 2006, foi a segunda de Galicia, tendo participado en importantes festivais e certames nacionais e internacionais. O panorama musical complétano a Escola de Música Tradicional e os grupos de folk, Lus de Keikoa Pandeireteiras e Os Charanghaitos e gaiteiros Os d´Aquí.

Na arte da fotografía destacou Virxilio Viéitez (1930-2008), un dos grandes fotógrafos de España, que soubo retratar de xeito excepcional o mundo rural, a emigración e mesmo a identidade das xentes e destas terras dende mediados do século XX. Nativo de Forcarei foi tamén Chano Piñeiro (1954-1995), figura do cine galego, que nestas terras e coas súas xentes, se inspirou para as súas laureadas películas Mamasunción e Sempre Xonxa. Na praza do Concello pódese ollar a escultura que perpetúa a súa memoria.

Destacar tamén ao pintor Xosé María Barreiro Gómez, considerado un dos referentes da pintura galega actual e o político e politólogo, Xosé Luís Barreiro Rivas, nomeado Fillo Predilecto de Forcarei, que foi vicepresidente da Xunta de Galicia entre 1983 e 1986.

Alvariza na Serra do Candán
Fervenza da vella central eléctrica da Graña
Monumento aos Gaiteiros de Soutelo
O Observatorio Astronómico de Levoso

Festas gastronómicas e tradicionais

Dende 1976 ten lugar en Forcarei a Festa da Richada, o primeiro domingo de decembro, coa degustación deste prato típico nos restaurantes e tamén nas casas do municipio, cun amplo programa de actividades e numerosa concorrencia.

Outro evento gastronómico é a Festa dos Cogomelos de Soutelo, que se celebra a principios de novembro dende o ano 1999, coa degustación deste produto que abonda na zona e outras viandas e sobremesas tradicionais, na que tamén se ofrece un programa de actividades lúdicas e deportivas.

De entre as festas tradicionais, destaca a da Virxe das Dores en Forcarei, San Roque e o Carme en Soutelo, no mes de agosto, e a da Santa María o 8 de setembro, en Aciveiro, con concorrida romaría campestre.

Observatorio e circuíto de velocidade

No monte Levoso está o Observatorio Astronómico de Forcarei, inaugurado en 2009 no que se levan a cabo actividades de investigación e divulgación sideral e aténdense visitas concertadas a través da Fundación Ceo Ciencia e Cultura que se encarga da súa xestión.

O Circuíto de Velocidade da Madalena, en Soutelo ten axeitadas instalacións para probas automobilísticas, de xeito especial karts e motos de pequena cilindrada, sendo punto de encontro de afeccionados ao longo de todo o ano.

De recente creación é o Centro Etnográfico de Terra de Montes (CETMO), situado no Multiusos de Soutelo, dedicado á divulgación do patrimonio cultural e material desta bisbarra, con máis de 1200 pezas, as máis delas, apeiros e ferramentas dos oficios tradicionais.

A richada é o prato maís típico destas terras
Circuíto de velocidade da Madanela en Soutelo

Deixa unha resposta