AGOAAP
A vaga de incendios que asolou Galicia e especialmente a provincia de Ourense o pasado verán espertou a vea solidaria da Asociación Galega de Operadores Artesanais de Alimentación e Pensos (Agoap) e do colectivo Slowfood Compostela. Do convenio de colaboración selado entre ambas o pasado mes de maio xurdiu en novembro a iniciativa conxunta de apoio á reconstrución de proxectos afectados polos lumes.
Baixo o nome de ‘Da cinza ao novo xerme’ esta acción benéfica consistiu na recadación de fondos a través da aplicación de suplementos nos menús elaborados polos cociñeiros e cociñeiras sostibles de Galicia integrados en Slow Food Compostela, colecta que se destinará integramente a axudar a dous produtores afectados: Mel Aialma, con sede en Laza, e Aceites Aceiroga, de Quiroga.
A iniciativa desenvolveuse na segunda quincena de novembro e foi presentada polo presidente de Agoap, Carlos Brea, e pola súa homóloga de Slow Food Compostela, Leonor Lorenzo, nun acto ao que tamén asistiron en representación dos chefs o silledense Julio Mato e a orriolense Begoña Vázquez. Ambos foron tamén os encargados de pechar a iniciativa cunha degustación con cociña en directo a comezos de decembro no Chabulli de Toupiña, local que rexenta en Lalín o mencionado Brea.
Arredor dunha vintena de restaurantes de toda Galicia participaron nesta iniciativa solidaria, que tamén contou cunha fila cero para que calquera persoa que non tivese ocasión de saborear as tapas en persoa nos establecementos participantes puidese realizar igualmente a súa achega voluntaria.
Os cociñeiros e cociñeiras elaboraron propostas gastronómicas empregando ingredientes de produtores e creadores galegos, con propostas doces, salgadas, tradicionais ou de creación propia. De cada producto degustado, unha parte económica foi destinada a un fondo solidario creado para axudar aos afectados polos incendios. No caso dos menús degustación a achega foi de 10 euros, e no das tapas, 1 euro por cada unha.
FACTURA ELECTRÓNICA
Noutra orde de asuntos, tanto Agoap como Slow Food Compostela súmanse á preocupación doutros colectivos do sector como a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) e a Asociación de Produtoras e Produtores de Ecolóxico de Galicia (Proecogal) respecto á implantación da factura electrónica, que será obrigatoria a partir do 1 de xaneiro de 2027 para empresas e o 1 de xullo de 2027 para autónomos, logo do recente adiamento anunciado polo Goberno estatal.
Os colectivos cren que terá un impacto negativo por canto implicará unha xeración continua de papeleo e investimento en software certificado, formación, “todo isto agravado na realidade rural e artesanal, onde os recursos e infraestruturas son limitadas”. Outra das súas preocupacións é o novo regulamento europeo de envases e residuos de envases, ao seu xuízo leva aos productores a máis gastos para a súa implantación.
Por todo isto, piden unha aplicación gradual e adaptada das normativas, exencións ou redución de gravames, clarificación na normativa e harmonización, infraestruturas dixitais robustas e unha diferenciación a nivel nacional do que é un pequeno elaborador e unha industria.

