Luca Manuel Rial Gerpe
As feiras de antes eran moi distintas ás de agora, xa que delas dependía todo. As feiras eran o seu medio de vida para sobrevivir, vendendo o que tiñan para mercar o que precisaban.
Ian todas as persoas da casa á feira?
Normalmente, pola mañá ían os maiores e os nenos pequenos que xa podían andar e axudar ós maiores no que precisasen (tremar do ramal dun animal, coidar do cesto dos ovos ou das cousas que ían mercando) pero tamén para que xa fosen aprendendo a mercar e vender, a RELEAR.
Despois, á tardiña ían os mozos e mozas para o “PASEO” onde paseaban en grupos e falaban uns cos outros ata a noitiña que se tiñan cartos podían quedar ó cine ou ir ó salón de baile.
Unha cousa que facían todos os mozos e mozas era levar os zocos para o camiño (xa que os camiños estaban cheos de lama, a única estrada asfaltada era a de Baio a Santiago) e os zapatos nan man para poñer unha vez chegaban a Santa Comba.
Na túa casa como ían á feira?
Cando tocaba levar un animal, tamén variaba se eran vacas ou becerros, se eran vacas chegaban dúas persoas, unha ía diante e chamaba a vaca coa corda e outra ía detrás para que a vaca andase, pero se eran becerros tiñan que levar tamén a nai dese becerro que ía atado á cabezada da nai e así ía tranquilo.
Na nosa casa ían andando ás feiras, no verán xa aproveitaban que o río levaba menos auga para pasar polos “PASOS” que son unhas pedras grandes, que están no río, algo separadas unhas das outras que xa se colocaron para ese fin ou tamén ían na besta atravesando o río; pero de inverno tiñan que dar a volta toda ata ponte vella do Río Xallas, (xa era moito máis o que tiñan que andar).
Como se facían as vendas?
Os compradores e os vendedores negociaban ata chegar a trato, un ofrecía e outro pedía, ó final partían a diferenza e pechaban o trato dando a man. Se tiñan sorte e vendían o animal que levaban a feira, aproveitaban para ir comer algo (sardiñas con boroa) e tomar un viño nas tabernas, pero se non o vendían tiñan que vir xa para a casa porque non tiñan onde deixalo.
Como se organizaba un día de feira?
O día anterior á feira xa me mandaban levar os sacos duns cincuenta quilos con arbellas ou cereais amarrados a cada lado da albarda á casa duns coñecidos e eles gardábanos alí para o outro día (había días nos que tiña que facer varias viaxes). O propio día da feira levaba os ovos nun cesto diante de min no cabalo e miña nai ía andando; cando a besta tiña o poldro pequeno tamén ía a feira, correndo e saltando detrás, comendo por onde quería e dándome máis traballo, xa que se o poldro non ía ó carón da besta esta non andaba.
Na miña casa vendían algo de todo: poldros, becerros, ovellas, galos, galiñas, ovos, cereais… pero o que máis vendían eran porquiños pequenos, xa que tiñamos unha porca de cría, e cando estes eran pequenos, metían dous porquiños en cada saco e atábanos a cada un dos lados da albarda da besta.
Cóntasme algunha anécdota?
Si, os porquiños facíanlle cóxegas na barriga á besta… pero a besta era moi boíña, non levaba nin freo… unicamente unha cabezada de corda. En vez de guiar eu a besta era a besta a que me guiaba a min, pero despois eu tamén coidaba moito dela, mantíñalle a corte con boa cama e levábaa ó prado todos os días antes de ir á escola. Miña nai ía sentada de lado na besta, non coma min que sempre montei a cabaleira.
Podes contarme máis anécdotas?
Outra anécdota, foi un día que levei un cesto de galos na cabeza ata Santa Comba e ó chegar estaba prohibido vender galos ese día, por unha enfermidade, pero as galiñeiras foron esperarme ó camiño e xa trataron alí antes de chegar á feira, e compraron o lote igualmente. O peor de todo, foi que de tanto que me pesara o cesto quedoume a cabeza torcida unha semana.
Outro día, meu irmán vendeu un poldro, pero o comprador quería marcharlle co ramal, porque disque comprara todo, pero normalmente nunca se vendía o animal co ramal, por que dicían que se che levaban o ramal tamén che levaban a sorte cos animais… ó final acabaron no cuartel, pero me irmán trouxo o ramal para a casa.
Na túa casa que mercaban na feira?
Da feira, se vendían o que levaban traían sardiñas, pan, unhas galletas grandes que sabían moito, azucre e arroz a granel, aceite en bidóns de 25 litros, algúns días tamén un litro de gas para acender o candil, unhas pesetas de craviños para os zocos, tamén “amalloas” para atar os zocos porque no tiñan cordóns, e se querían comprar uns zocos levaban da casa un pau coa medida do pé para saber o talle; roupa comprábase moi pouca, normalmente unha vez ó ano para as festas. Tamén se mercaban fouciños, peneiras, pandeiretas…
Na miña casa non mercaban cestos nin zocos porque xa os facía o meu pai. Tampouco pagaban para ferrar a besta xa que o facía meu irmán e así moitas cousas máis, todo o que se podía facer na casa facíase para non gastar, xa que os cartos eran poucos e na casa dun labrador para que entraran cartos tiñan que vender algo primeiro.

