Patrimonio da Galicia Central: VEDRA, o corazón da Ulla no Camiño de Santiago

Daniel González Alén/Fotos: Concello de Vedra e do autor
O río Ulla polo coto de Ximonde
O río Ulla polo coto de Ximonde

Vedra é un pequeno municipio da comarca de Santiago, de pouco máis de 50 km2 de superficie, cun censo de preto de 5.000 habitantes repartidos nunha ducia de parroquias, no corazón do fértil e fermoso Val do Ulla. Son terras que van gañando en altura dende o río Ulla, a escasos 50 metros de altitude, ata os máis de 500 do Pico Sacro, vixía do Camiño de Santiago, que atravesa este concello na última etapa dos camiños Mozárabe e de Inverno que por aquí van xuntos e teñen albergue de peregrinos e punto de referencia preto da antiga capela e da ben  labrada fonte do Santiaguiño na parroquia de San Pedro de Vilanova. Pola súa privilexiada situación, riqueza agraria e paisaxística estas terras concentradas en tempos recentes, son consideradas a horta e o xardín de Compostela.

Notables pontes para salvar o río Ulla

Atravesa o municipio de sur a norte, o antigo e histórico Camiño de Santiago, que aproveitou en longos tramos a estrada N-525 de Ourense a Santiago, que ao igual que a actual AC-42 de Ponte Ulla a Ponte Vea, foron despois camiños reais que unían as parroquias do municipio coas vilas próximas e a capital de Galicia. Co andar do tempo fóronse engadindo novas vías de comunicación coma a  autoestrada AP-53, que ten saída de peaxe en San Mamede de Ribadulla, que xunto ao trazado do Tren de Alta Velocidade e antes a vía do tren que fai a liña Ourense a Santiago e ten estación en Santa Cruz de Ribadulla, atravesan o municipio, salvando o río Ulla por media ducia de pontes, arriba e abaixo da máis antiga e histórica Ponte Ulla, verdadeiras obras de enxeñería que ofrecen fermosas estampas entre os vales e ribeiras destas terras de viñedos, hortas e praderías, repletas de casas señoriais e pazos fidalgos, igrexas e cruceiros, hórreos e fontes, castros e mámoas.

Camiños de peregrinación a Compostela

O Camiño de peregrinación a Compostela xa referido, entra en Vedra por Gundián, con ponte, capela e área recreativa, para continuar ata a Ponte Ulla, unha pequena vila, de orixe medieval coa súa antiga ponte e a súa igrexa románica. O Camiño remata o seu percorrido por Vedra, na notable capela e fonte milagreira do Santiaguiño, preto das que se atopa o Albergue de Peregrinos, onde se poden repoñer forzas para continuar os 16 quilómetros que faltan ata Compostela.

Nos últimos tempos estase a promover o recoñecemento oficial do Camiño Miñoto Ribeiro a Compostela, que atravesa o municipio de Vedra, entrando pola Ponte de Sarandón, para continuar por onda o pazo de Ximonde, ata o veciño concello de Lestedo, onde se xunta co Mozárabe. 

A ponte de Gundián e o Couto de Ximonde

De entre as paisaxes e áreas recreativas do municipio de Vedra, as máis delas na ribeira do Ulla, destaca a da ponte de Gundián, que preside un erguido viaduto construído na primeira  metade do século XX, para a vía do ferrocarril, sobre o estreito e profundo paso de San Xoán da Cova, sacro lugar fluvial no que houbo mosteiro e aínda se conserva capela e sonada romaría.

Augas abaixo transcorre o Ulla vagaroso, salvando presas e pesqueiras, facendo de lindeiro co concello pontevedrés da Estrada e, noutro tempo, movendo  muíños e batáns agora en desuso ata chegar ao Couto de Ximonde, recoñecido coma unha das áreas reservadas para a pesca do salmón máis  importantes de España, onde o río encora nunha grande tosta, que leva a auga ás instalacións dedicadas á cría de peixes e refuxio de pescadores, con áreas de lecer repletas de arboredo e plantas autóctonas.

Fonte da capela do Santiaguiño no Camiño de Santiago
Fonte da capela do Santiaguiño no Camiño de Santiago
Área de Interpretación do Muíños no regato de Merín

Rutas de sendeirismo

Para percorrer o concello, o visitante pode facer uso das ben sinalizadas rutas de sendeirismo que levan aos lugares de maior interese paisaxístico e monumental.

A Ruta de San Xoán da Cova (P.R.-G. 36), de 11 km., que arrinca no indicado miradoiro de Gundián, atravesa o tradicional núcleo da Ponte Ulla e augas baixo chega ao muíño de Reboredo, no que en tempos movía cinco pés de moa, para continuar pola área recreativa de Agronovo, ata o referido Couto de Ximonde, para despedir as terras de Vedra pola área recreativa de Cubelas.

A Ruta do Muíños comeza na Área de Interpretación dos Muíños da parroquia de Vilanova e, ao longo de 2 km. de xeito circular, segue o curso do regato de Merín, mostrándonos os ben conservados muíños coas súas tostas e canles, que tamén serven para o regadío das terras agrícolas e aínda supoñen un importante recurso eco-nómico neste municipio.

Outra ruta que merece mención é a Ruta do Pereiro-Sales, cun percorrido duns 18 km. que comeza na Ponte do Pereiro e pasa pola Ponte de Busacos, pola que decorría a IV Vía Militar romana que unía Braga e  Astorga, e por onde hoxe discorre o Camiño de Peregrinación a Compostela. 

O pazo de Santa Cruz de Ribadulla

Vedra é terra de espléndidos pazos fidalgos e casas señoriais, con fermosos e ben coidados xardíns, nos que xunto as abundantes e variadas camelias se conxugan árbores e arbustos autóctonos  e exóticos, que rodean fontes e estanques. Destaca o Pazo de Santa Cruz de Ribadulla, co seu impresiónante paseo de oliveiras centenarias e unha senlleira colección de camelias. A súa capela barroca serve de igrexa parroquial e un ben labrado cruceiro con imaxes, preside a entrada na herdade. O pazo, que data do século XV, loce os escudos fidalgos dos seus propietarios, sucesores de Andrés Ibáñez Mondragón, que recibiu o título de Marqués de Santa Cruz de Ribadulla en 1681. O Pazo de Ximonde, en San Miguel de Sarandón, é un edificio barroco de fins do século XVIII con escudo de armas dos Cisneros, monumentais escaleiras e fontes. Outros pazos fidalgos e casas señoriais destacados son o de Vista Alegre, tamén chamado de Pardiñas ou de Gasset, na Ponte Ulla; o de Guimaráns, en San Mamede de Ribadulla, edificado no século XVII pola familia Abraldes e, na mesma parroquia, a casa grande da Costa. En Santa Baia de Vedra, as casas grandes de Pousada e a do Burgo; a casa grande de Cibrán, dos condes de Castelo en San Xián de Sales; e a de Galegos ou casa do Cóengo, en San Pedro de Vilanova.

Carreira das oliveiras no Pazo de Santa Cruz de Ribadulla
Carreira das oliveiras no Pazo de Santa Cruz de Ribadulla

Arte relixiosa

Moitas igrexas románicas  do municipio foron ampliadas ou reformadas no barroco, sendo a mostra máis sobranceira a da Santa María Madanela da Ponte Ulla, que conserva moitos elementos románicos, coma a ábsida semicircular ou os canzorros da sopena. Foi fundada ou reedificada por Odoario, bispo de Lugo no século VIII e no interior garda fermosas pinturas murais e unha antiga cruz de prata e acibeche, que se di pertenceu ao desaparecido mosteiro de San Xoán da Cova, do que tamén puido saír un fermoso capitel historiado coa milagre de San Nicolás, que pode ollarse aproveitado nun dos muros dunha casa señorial que se atopa nas inmediacións. 

De entre as igrexas barrocas, destaca a de Santa Baia Vedra, parroquia na que se asenta a capital municipal. Trátase dun templo de boas dimensións, construído no século XVIII, con notable campanario e interesantes retablos tamén barrocos. O templo está rodeado por bos exemplares de oliveiras; unha fonte que reutilizou a antiga pía bautismal; o camposanto feito coa axuda dos emigrantes en América; un artístico palco de música e un ben tallado cruceiro.

Hai media ducia de capelas no municipio, varias delas con romaría anual coma a de Gundián, na Ponte Ulla, ou a do Santiaguiño, en Vilanova, construída a fins do século XVII, canda a fonte milagreira, con gravados referidos ao Apóstolo peregrino.

Preto de medio cento de cruceiros repartidos polas doce parroquias, santifican os camiños, honran a Cristo, a Virxe e os santos e ata lembran desgrazas, algúns artisticamente esculpidos no estilo barroco en voga cando se erixiron.

Cruceiro e igrexa parroquial de Vedra
Cruceiro e igrexa parroquial de Vedra

A Festa do Viño e o Entroido da Ulla

Vedra é tradicional terra de viños e augardentes, formando parte da  Denominación de Orixe Rías Baixas, onde se celebra anualmente a Festa de Exaltación do Viño da Ulla, en San Miguel de Sarandón, que en abril de 2026 chegou á 44 edición, conxugando viño, gastronomía e cultura popular. No municipio funcionan media ducia de adegas e destilerías de viños e licores; fábricas de aceites, queixos  e produción de mel; varios viveiros e almacéns de plantas, froitas e verduras e máis de media ducia de panadarías, que fan un excelente pan artesanal.

Outra celebración anual a destacar é o Entroido dos Xenerais da Ulla, Festa de Interese Turístico de Galicia, que abrangue encontros en dez concellos de ambas marxes do río que lle dá nome, e ten o seu comezo neste de Vedra, no que xenerais e correos, lucindo vistosos traxes militares, percorren a cabalo as parroquias recitando coplas satíricas e atranques con comparsas, música e grande diversión. Participa nesta e noutras actividades culturais e recreativas, a Banda de Música de Santa Cruz de Ribadulla, que vai camiño de cumprir os cen anos de existencia.

Moito se podería contar deste municipio no que deixaron a súa pegada os habitantes castrexos da prehistoria, a presenza de romanos e suevos, que foron dominio da Mitra Compostelá, escenario das guerras da Independencia e carlistas, paso obrigado de viaxeiros, arrieiros e peregrinos, e que na actualidade, polas súas boas comunicacións, servizos e unha boa infraestrutura hostaleira, é doado percorrer e ollar devagar e dende estas terras, achegarse a Santiago de Compostela, cara a onde miran dende tempo inmemorial.

Personalidades e público na Festa de Exaltación do Viño da Ulla
Personalidades e público na Festa de Exaltación do Viño da Ulla
Entroido dos Xenerais da Ulla
Entroido dos Xenerais da Ulla

Deixa unha resposta