Rodeiro reivindica o rural e a auténtica Rubia Galega co impulso de Sabor Labrego                              

Noelia Cortizo Salgueiro (texto e Fotos)

Rodeiro quere converterse nun referente da defensa do rural, da produción alimentaria de proximidade e da recuperación da verdadeira Rubia Galega.

O proxecto nace coa intención de promocionar produtos agroalimentarios de calidade diferenciada, elaborados en pequenas explotacións, proxectos agroecolóxicos ou iniciativas de economía social. O obxectivo é ampliar a oferta, fomentar o consumo de proximidade e demostrar que o rural pode xerar oportunidades e riqueza para as familias que viven del.

Desde o Concello destacan que Rodeiro conta cun tecido produtor diverso e con moitas posibilidades de futuro. Xunto á produción de leite e carne de vacún, tamén se busca impulsar outros sectores como o mel, a castaña, os cogomelos, a horta ou os proxectos de transformación alimentaria.

Vacas en Río, Rodeiro

Recuperación da raza

Mais se hai un símbolo central dentro desta iniciativa é a recuperación da Rubia Galega do país, a raza tradicional que durante décadas marcou a identidade gandeira da comarca. Concello e Asociación de Gandeiros de Rubia Galega do País levan varios anos traballando de maneira coordinada para recuperar e fortalecer esta liña autóctona, convencidos de que nos últimos tempos a evolución da raza afastouse dos criterios que consideran máis axeitados.

A recuperación da histórica Feira da Vaca Rubia Galega, celebrada durante os anos noventa e primeiros dous mil no recinto feiral de Río, converteuse nun dos grandes pasos desa estratexia. O evento regresou no ano 2024 da man das primeiras xornadas de Sabor Labrego e, desde entón, foi medrando ata converterse nun referente autonómico.

A organización considera fundamental defender a raza porque representa moito máis ca unha produción cárnica. Supón tamén unha forma de manter vivo o rural, fixar poboación, evitar o abandono de terras e montes e garantir unha alimentación de calidade baseada en producións locais.

Programación completa

Un dos aspectos máis destacados do programa do evento é o recoñecemento ao traballo diario das familias gandeiras. O Concello insiste na necesidade de poñer en valor ás persoas que sosteñen o sector primario e que continúan apostando pola produción local nun contexto complexo para o rural galego.

A programación de Sabor Labrego inclúe tamén degustacións de produtos locais, concursos gastronómicos, exposicións alimentarias e actividades divulgativas. Entre elas destaca o Cambburguer, un concurso de mini hamburguesas no que os bares e restaurantes participantes deberán empregar carne de Ternera Gallega Suprema ou vaca producida na comarca. Outra das citas importantes é a Festa do Chuletón.

O evento pretende situar o municipio como un referente da excelencia gastronómica ligada ao vacún.

A maiores, organizaranse exposicións de produtos transformados da comarca do Deza, Chantada e Ulloa, exhibicións de manexo de gando frisón e degustacións de queixos e viños, nun programa que combina tradición, promoción económica e identidade rural.

Desde a organización consideran que iniciativas deste tipo son fundamentais para cambiar a percepción do rural e demostrar que existe futuro no sector agroalimentario.

Deixa unha resposta