Texto: Noelia Cortizo Salgueiro/ Foto: Luis Polo
SECRETARIO XERAL DA LINGUA
Como describiría o momento actual do galego?
É un momento complexo porque temos datos que nos fan preocuparnos pola transmisión familiar da lingua e a súa vitalidade nas novas xeracións e o seu uso, pero ao mesmo tempo o galego segue sendo un dos idiomas minoritarios máis maioritarios de Europa. Refírome a que máis do 83 % da poboación afirma saber falar o galego e tres cuartas partes emprégano no seu día a día en maior ou menor medida. Nin o catalán nin o éuscaro, cos que a miúdo se compara, poden presentar estes datos. Daquela, non se debe caer no triunfalismo, pero tampouco no pesimismo, que pode inhibir a acción. É tamén un momento ilusionante porque no marco dun gran Pacto pola lingua estamos a piques de sacar un novo Plan de normalización lingüística que eu espero que nos permita darlles resposta aos principais retos.
Hai unha idea estendida de que o galego é máis forte no rural ca nas cidades. É así?
O rural é o gran bastión do galego e ademais un espazo onde hai hoxe un orgullo de ser galegofalante que ata agora era descoñecido. E si, son as novas xeracións urbanas as que temos que reconquistar para a nosa lingua. En todo caso, non hai ningunha zona de Galicia, nin sequera as cidades, onde non teña presenza o galego. É certo que nunhas cidades se fala máis ca noutras, pero está presente en todo o territorio.
Galicia é cada vez máis diversa, tamén fóra das cidades. Como se poden integrar novos falantes?
Ademais de favorecer a aprendizaxe habitual da lingua, temos que acoller con xenerosidade os neofalantes, perdoándolles os erros, animándoos a practicar e a mellorar e ofrecéndolles oportunidades de uso. Non lle facemos un favor a unha persoa que non sabe o galego se lle falamos sempre en castelán e lle impedimos aprender.
Un dos debates recorrentes é o da transmisión familiar. Está aí o principal reto do galego?
Sen dúbida, aínda que nos últimos anos a ruptura da transmisión familiar se foi moderando; cada familia que abandona o galego é unha perda cada vez máis elevada en termos porcentuais. Coido que os pais e nais galegofalantes, que son moi conscientes da importancia que ten que os seus fillos dominen ben o castelán ou o inglés, ás veces non teñen en consideración as vantaxes que ten para eles ter un bo dominio do galego. A proba da importancia de saber galego é toda a xente que se presenta ás probas Celga porque necesita certificar coñecemento da lingua para acceder a un emprego ou as vantaxes de intercomprensión coa lusofonía.
As novas tecnoloxías e as plataformas están incorporando o galego. Como se afronta isto?
É unha oportunidade. A IA pode facilitar moito a atención en galego por parte das empresas, a elaboración de materiais educativos na nosa lingua… Aínda o outro día se presentou o primeiro coche co que se pode interactuar en galego e as grandes corporacións están comezando a incorporalo. A través do Proxecto Nós estase facendo un esforzo importante para que o galego non quede fóra desta revolución.
Tendo en conta a área de cobertura do boletín, que uso se fai do galego nesta área?
Nesta zona, as porcentaxes de uso habitual do galego son elevadas, entre o 70 % e o 80 %. É unha das zonas de Galicia onde mellor se mantén a lingua.
Se tivese que sinalar unha prioridade clara para garantir o futuro da lingua nos próximos anos, cal sería?
Evidentemente, a de asegurar a transmisión familiar, o avance no ámbito tecnolóxico, a incorporación dos neofalantes e, sobre todo, o seu uso entre as novas xeracións.

