Asociación Feiral Semana Verde  e  Fundación Roberto Rivas: sumando forzas 

Fundación Roberto Rivas

O territorio está constituído pola paisaxe e mais polas mulleres e os homes que o habitan, e sobre todo pola súa interacción coa terra e a maneira que teñen de conformarse mutuamente.

E en Silleda esa interacción fai que as persoas se manteñan conectadas coa terra, que a paisaxe sexa suave nas súas liñas e produtiva nos seus campos. Esta riqueza e esa interacción entre as persoas e o territorio tamén se reflicte na obra creativa de Colmeiro e no son e a música das bandas tradicionais que se espallan por toda a comarca. E nos feitos históricos e o enorme patrimonio que hai na zona, que fixeron do Trasdeza o que é hoxe en día, recollido todo nas follas dos libros. Ademais de todo isto, contamos cun rexo tecido produtivo, moitas explotacións ligadas  ao sector primario pero tamén un ecosistema empresarial forte e en crecemento.

José Luis Rodríguez, presidente da Asociación Feiral e Olga Rivas, Directora da Fundación Roberto Rivas asinando o convenio o pasado decembro (Foto Blanca Paz)

Isto foi o que quixo pór en valor Roberto J. Rivas Martinez  a través da fundación que constituíu e á que puxo o nome do seu pai. Transmitiunos a paixón polo que el amaba: a historia e os libros, a boa música e o patrimonio artístico, as persoas e a terra. E á vez  foi moi consciente que o desenvolvemento económico e social dun territorio pasa por  visibilizar todo o que xa alí hai pero ademais pasa por xerar oportunidades innovadoras que respondan á realidade do século XXI, para que as persoas poidan desfrutar dos seus dereitos e do seu benestar, e así poder levar a cabo os seus proxectos de vida.

Nós pensamos que isto só se consegue a través de xerar oportunidades  para o desenvolvemento sostible económico e social, e soamente será sostible se ten en conta as necesidades das persoas e o aproveitamento e o coidado da contorna no presente e de cara ao futuro.

Para contribuir a isto, dende a Fundación Roberto Rivas poñemos en marcha programas de incubación e crecemento das iniciativas emprendedoras en zonas rurais como o Programa RR_dTerritorio ou o Programa O Noso Reto Solidario. Ou a través do apoio que a Fundación presta na Rede de Polos de Emprendemento ubicados en zonas rurais de toda Galicia, a través da nosa colaboración coa Conselllería de Promoción do Emprego e Igualdade que é quen lidera esta iniciativa innovadora e aberta a calquera persoa que teña interese en emprender en Galicia.

Tamén a través de actividades de fomento dos valores e da cultura emprendedora, naquelas comarcas onde é maís preciso un discurso positivo sobre os entornos rurais para atraer talento e xerar novas iniciativas sociais e económicas,  que dean resposta aos retos e aproveiten as oportunidades de cada territorio.

E neste obxectivo coincidimos coa Asociación Feiral Semana Verde, á que tamén estivo vencellado o noso fundador nos seus inicios, e coa que agora tendemos lazos para sumar forzas e seguir dinamizando e xerando oportunidades na contorna de Silleda e en toda a Galicia interior.

Este é o motivo polo que acabamos de asinar un acordo de colaboración entre ambas organizacións porque a ambas nos move a “necesidade de pór en valor o medio rural en toda a súa dimensión económica, cultural e social” e para as dúas, dalgún xeito,  “este sentir colectivo materialízase en Silleda“.

Pensamos que os colectivos que representamos poden beneficiarse da conexión entrambas as dúas e potenciarmos as posibilidades que cada un dos nosos ecosistemas teñen, para impulsarmos cambios duradeiros que reteñan  e atraian o talento e activen todas as posibilidades do sector primario pero tamén do comercio, da industria,  apoiando proxectos de emprendemento innovadores que transformen o territorio e impulsando a economía verde e circular,  a economía dos coidados e o turismo sostible.

Estamos seguros de que esta colaboración vai a dar moi bos froitos.