Bases Concurso
A Asociación Feiral Semana Verde de Galicia organiza un Concurso de entrevista interxeracional que pretende motivar os máis pequenos/as e maiores da casa para que coñezan mellor o medio rural e as súas orixes; así como incentivar as relacións entre diferentes xeracións. As bases do concurso serán as seguintes:
1. Participantes
Categoría única: estudantes da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) no momento do peche do prazo de presentación de solicitudes e co consentimento dos titores legais.
2. Requisitos
- O traballo deberá ser: unha entrevista interxeracional (dun neto/a realizada a un avó/avoa ou idade similar) en estilo directo, escrita en galego, cun mínimo de 4000 caracteres con espazo e un máximo de 5000, e que teña como tema AS FEIRAS TRADICIONAIS GALEGAS.
- Non se asinará, inédito e non ser publicado ou premiado con anterioridade.
- O traballo, no caso dos/as menores de idade, debe ser realizado polo alumno/a e as persoas titoras deberán certificar por escrito a súa autoría.
- Cada participante poderá enviar un único traballo.
- A participación supón que, no caso de ser premiado/a, está de acordo coa cesión de dereitos de reprodución do seu relato pola Asociación Feiral Semana Verde de Galicia.
3. Prazo de presentación
O prazo para presentar os traballos será ata o 31 de marzo do 2025.
4. Modo de presentación
Para participar deberán presentar a seguinte documentación nas oficinas da Asociación Feiral (Avenida Recinto Feiral nº13, 36540 Silleda Pontevedra) ou por correo postal certificado, sen que conste no exterior elemento de identificación da autora ou autor.
- A entrevista encabezada por un titular.
- Os orixinais irán acompañados dun sobre fechado que conterá o nome do/a autor/a, data nacemento, curso e centro escolar, correo electrónico e teléfono de contacto, título da obra; declaración xurada do titor/a conforme ao modelo que se xunta; que deberá estar debidamente cumprimentada.
- Caso de resultar premiado/a, comprométense a enviar as fotos do entrevistado e entrevistador para publicalas xunto co relato no Boletín Cultura Rural, así como a autorización do entrevistado.
- De non estar completa a documentación, darase un prazo de 48 horas para emendalos, senón o premio pasará ao seguinte clasificado.
5. Xurado
O Xurado estará composto por 3 persoas e un secretario/a que faga os labores de organización e neste caso terá voz pero sen voto. O xurado terá potestade para elixir os 3 gañadores e o seu fallo será inapelable.
O fallo do xurado terá lugar en Silleda, na sede da Asociación Feiral Semana Verde, a finais de abril de 2025 e será publicado nas redes sociais da Asociación e no Boletín Cultura Rural.
A participación neste concurso leva de seu a aceptación das presentes bases.
Os orixinais que non resulten premiados serán destruídos, así como aqueles que non cumprisen as bases.
Terase en conta: a orixinalidade, creatividade, redacción lingüística, transmisión do patrimonio etnográfico, contextualización social e histórica das feiras tradicionais….
6. Premios
Os premios entregaranse de maneira presencial o día 5 de xuño de 2025 (xoves), coincidindo coa inauguración do certame Semana Verde), no Museo do Campo e a Mecanización en Silleda, onde se convidará a xantar aos asistentes, e consistirán en:
- Os gañadores terán agasallos por valor de 500€ o primeiro, 300€ o segundo e 200€ o terceiro.
- A aula do gañador acadará como galardón unha saída didáctica ao Mosteiro de Carboeiro, á Semana Verde en Silleda e ao Museo do Campo e a Mecanización en Silleda, con un máximo de 30 alumnos, o día da entrega de premios.
- Os outros dous finalistas, o día da entrega de premios, están convidados, xunto cos familiares directos e unha representación do centro, a xantar e a visitar a Semana Verde en Silleda e ao Museo do Campo e a Mecanización en Silleda.
- Ademais, aos centros dos tres finalistas entregaráselles un vale para unha visita guiada ao Museo Etnográfico Casa do Patrón de Codeseda (Lalín) con un obradoiro de cerámica prehistórica para o primeiro clasificado, un vale para a entrada ao Museo do Mel O Enredo do Abelleiro en Portodemouros (Arzúa) cun obradoiro para o segundo e un vale para a entrada ao Museo do Campo e a Mecanización en Silleda para o terceiro, con un máximo de 30 alumnos por curso para gozar no vindeiro curso lectivo.
- O traballo do gañador/a será publicado no Boletín Cultura Rural de xuño do 2024 e os finalistas publicaranse na páxina web da Asociación Feiral, así como, nas redes sociais de dita Asociación.
7. Máis información
Chamando aos teléfonos: 986 58 14 13 ou 692 45 29 96 en horario de luns a vernres de 9:00 a 15:00h.
Por correo electrónico: asociacionfeiral@afeiral.com