TEXTO: DANIEL GONZÁLEZ ALÉN FOTOS: FUNDACIÓN SEMANA VERDE

O 21 de abril de 1981, hai agora 44 anos, comezaba a andar a Lonxa Agropecuaria de Galicia, segundo conta José Maril Sánchez, entón presidente da Asociación Feiral Semana Verde de Silleda e principal impulsor co seu equipo directivo daquela primeira lonxa, que sería o antecedente da actual Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, un dos máis importantes e concorridos mercados gandeiros de España e a única poxa informatizada a nivel estatal, realidades ambas que chegan aos nosos días.
Para celebrar dalgún xeito este acontecemento e aproveitando a presenza do gandeiro e empresario catalán Pedro Clos -que xunto ao citado Maril e o seu equipo directivo, con destacados gandeiros de Silleda, nomeadamente o finado Suso Pena de Breixa, aquí representado polos seus fillos Antonio e Jesús, tiveron decisiva intervención na creación do mercado e poxa hai máis de catro décadas- organizouse unha visita ás actuais instalacións da Central Agropecuaria, seguida dun xantar que compartiron con cargos da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, entre os que se atopaban o xefe territorial de Medio Rural en Pontevedra, Antonio Crespo; o do servizo de Gandería, Víctor Muñoz, e a xefa do servizo de Infraestruturas Agrarias, Julia Pérez; e por parte da Semana Verde, o director da entidade feiral Ricardo Durán e outros directivos.
Ao abeiro da Feira Internacional Semana Verde de Galicia, que celebrou a súa primeira edición no ano 1978, fóranse creando diversas asociacións e servizos agrarios nas instalacións deste evento, entre eles unha mesa de prezos para o gando porcino, que ao pouco tempo se convertía tamén, coa de gando vacún, en Lonxa Agropecuaria de Galicia, para a compra e venda de gando e fixación de prezos, que ata entón se viña facendo nas feiras tradicionais xa en declive, por parte dos tratantes e tamén nas granxas polos matadoiros, cando aínda os paisanos actuaban de xeito individual ao non existir apenas cooperativas de gandeiros a non ser as grandes de carácter empresarial, como UTECO, SAPROGAL ou COREN, que marcaban prezos e condicións aos seus numerosos asociados.

Os comezos da Lonxa de Silleda foron moi difíciles, ao bater de fronte cos intereses dos tratantes de ganado, empeñados en manter as feiras tradicionais, mesmo a propia de Silleda que se celebraba os 6 e o 23 de cada mes, ás que concorrían os paisanos co seu gando, boicoteando o novo sistema mediante poxas que se ofrecía nas instalacións da Lonxa, que excluía ao intermediario e lle outorgaba transparencia a un método que evitaba o regateo e optimizaba os prezos.
Os pioneiros Maril, Jesús Pena e Pedro Clos
Para que a Lonxa arrancase, ademais do esforzo e tesón de José Maril e o seu equipo -no que destacou o labor administrativo de Isabel Fernández Viéitez-, foi precisa e decisiva a colaboración de Jesús Pena Calveiro de O Castro, daquela á fronte da recén creada Cooperativa Os Chaos de Cortegada (Silleda), quen convenceu aos socios para que levaran as súas reses á Lonxa e non ás feiras. Tras os de Os Chaos, foron moitos os gandeiros da contorna que cambiaron de sistema e, coas subvencións da Semana Verde ao transporte e a cesión de balde das instalación e os servizos, a Lonxa foise consolidando ata que xa en 1984 adquiría o carácter oficial e unha notable concorrencia de gando.
Tamén foi decisivo o apoio do empresario catalán Pedro Clos, que ocupaba importantes cargos relacionados co sector agrario na súa comunidade e que daquela era un dos principais compradores de gando no mercado Nacional de Gando que se viña celebrando en Santiago de Compostela. Pedro Clos comprometeuse con Maril a mercar as reses da Lonxa de Silleda, proceder que logo secundarían os tratantes de Galicia e doutras autonomías.
En 2009, a Lonxa Agropecuaria pasou a ser a Central Agropecuaria de Galicia, mellorando as instalacións e os sistemas de administración e contabilidade, sendo a única poxa informatizada de España que ía aumentando ano tras ano e mesmo batendo récords de asistencia de gando e prezos fixados nas mesas semanais de contratación para vacún, porcino, aviar e cunícola, ata converterse nun dos principais eventos da Semana Verde de Galicia.
A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA forma parte dunha das principais asociacións agrarias estatais e europeas, como a Asociación Española de Mercados de Ganado (ASEMGA), á que pertencen as lonxas estatais de maior relevancia. A Central Agropecuaria é colaboradora da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, facilitándolle os prezos fixados nas súas mesas e tamén os establecidos na Poxa de Gando Bovino.
