‘Silleda Fai’, un escaparate de talento para dar visibilidade a produtores locais

Noelia Cortizo Salgueiro
Imaxe de vista dos diferentes postos da Rúa Cartaxena. Cedida

O sábado 4 de outubro foi a data escollida para que o Concello de Silleda se convertese nun escaparate do talento e do traballo da súa xente, coa celebración de ‘Silleda Fai’. Trátase dun novo certame no que se lle deu protagonismo a produtores locais. O evento tivo lugar na Rúa Cartaxena.

Durante toda a xornada, as persoas asistentes puideron visitar os postos de produtores e artesáns do municipio, quen ofrecía unha ampla mostra de productos de alimentación de proximidade, artesanía e benestar.

A maiores de mercar, tamén tiveron a posibilidade de participar en degustacións gratuítas e obradoiros abertos, é dicir, foi unha xornada pensada para a aprendizaxe, a convivencia e a promoción e exaltación de produtos locais. 

Ademais, todas as persoas que realizasen compras no certame,  entraron de xeito automático  nun sorteo de vales de compra no comercio local de Silleda.         

En definitiva, tratouse dun encontro que permitiu dar a coñecer os produtos que hai na vila, que en moitas ocasións son descoñecidos, mesmo para a propia veciñanza. Tamén permitiu achegar a foráneos que se interesan por estas producións locais máis pequenas e que se achegaron a Silleda.

Momento da mostra do traxe tradicional levada a cabo por Brand`s. Cedida

Participantes

Cortes de Muar, con queixos elaborados con técnicas tradicionais en producións limitadas, co leite das vacas que pastan nos prados da zona.

Trasdeza Natur, con produción de froitas e hortalizas ecolóxicas, produtos deshidratados e con desgutación incluída.

Branda’s. Tocados e complementos feitos a man. Bolsos, moedeiros, sombreiros, cintos, capazos decorados, toallas de praia, detalles para vodas, bautizos, comuñóns… Baixo pedido realizan arranxos de roupa para home e muller, para bebés e traxes tradicionais.

Sedela, con obradoiro de deseño e reparación de xoias, demostración de fiado á man dun colar tradicional galego.

Adega Castro Brey, con bodega situada no entorno do Río Ulla. Traballa na  terra con máximo respecto para obter unha uva de calidade, predominantemente albariño, ademais de treixadura godello, torrentés e caíño branco e sousón, mencía  e caíño tinto. As fincas xestiónanse con prácticas de agricultura rexenerativa, co uso de cultivos de cobertura sen aplicación de herbicidas; pastoreo rotacional, de ovellas que controlan a vexetación e evitan a compactación do solo mellorando a súa fertilidade.

Avelaiña, con obradoiro onde se realizan artigos de corte con láser e CNC, serigrafía, pendentes ou xoias en metacrilato, caixas de madeira, porta fotos, artigos de decoración, xogos e regalos para eventos.

A Artesa de Rocío, con produtos de panadaría e pastelaría artesanais e degustación de empanadas artesás e tortas.

Isabel, Cestos e Labores de Palla con obradoiro artesanal no que os sombreiros de palla séguense fabricando coa mesma técnica que hai un século. Incluía mostra de trenzado dun sombreiro de palla.

Herbolario Bio, con cosmética natural con explicación sobre a súa elaboración.

Lar do Aquel, con té natural aromatizado con rosas cultivadas en Silleda.

A fada da Aldea, un proxecto emerxente que ofrece produtos de cosmética e autocoidado adaptados a cada persoa e ás súas circunstancias.

Con esta feira buscábase pór en valor o traballo dos produtores locais, fomentar o consumo responsable e impulsar a economía de proximidade, ao tempo que se ofreceu á veciñanza e visitantes un espazo de encontro e dinamización do comercio local e unha cita de lecer diferente.

“Queremos que ‘Silleda Fai’ sexa unha oportunidade para recoñecer o talento da nosa xente e para reforzar a identidade do noso concello coma un lugar que apoia o produto local e a creatividade”, sinala a concelleira de Promoción Económica e Axenda 2030, Estefanía Taín.

Vista dos postos na rúa.Cedida

A Fada da Aldea, un proxecto cheo de saber popular

 Gloria Lareo quixo aproveitar todo o saber que colleu dende pequena, compartindo tempo e espazo coas persoas maiores, e as non tanto, para montar un proxecto especial, diferente. Escoitou falar moito sobre as plantas e o coidado das mulleres “e motivoume apostar polo rural e que teña futuro”, destaca.

Lareo deulle así vida a Fada da Aldea, un proxecto que naceu en Silleda, onde ela reside, e se veu cociñando dende que esta muller era moza. “Falaba coas veciñas, traballaba con elas na horta e logo estudaba un pouco os beneficios das plantas, vinculando isto á igualdade”.

Con este proceso, empezou a facer probas con cosméticos e, aproveitando os seus estudos en Pedagoxía, iniciou os obradoiros. “Tamén vinculei todo isto ao gran patrimonio que temos en Silleda”.

En Silleda Fai quixo aventurarse a poñer un posto “e xa que a xente me empece a coñecer. Estou moi ilusionada, e agardo chegar lonxe”, desexa esta moza silledense.

Os seus produtos son adaptados a cada persoa e cada circunstancia. “Escoito como están, que necesitan e partir de aí fago velas, ou perfumes, mesturando as herbas que lle poden ir ben para conseguir  mellorar iso que non funciona ben. Por exemplo, se se notan baixos de concentración, fago un preparado para  que iso mude e consigan os mellores resultados”.

Trasdeza Natur, un proxecto pensado no rural e para o rural

Rosendo Luis Estévez foi outro dos participantes con Trasdeza Natur, unha  firma de froitos e hortalizas ecolóxicas deshidratadas. Xunto con María José Tallón, traballan dende Cortegada (Silleda) e tamén formaron parte de Silleda Fai. “Foi unha oportunidade moi interesante, na que se dá visibilidade a proxectos locais e rómpese con iso de que “ninguén é profeta na súa terra”. Ademais, permítenos crear sinerxias ou coñecer outros produtos que non sería posible se non fose por estas citas”, relata.

O obxectivo desta firma foi poñer en valor  o territorio dende o propio territorio, “e demostrar que dende o rural, pequenos proxectos tamén poden facer cousas innovadoras”. Así mesmo, lembra que comezaron coa produción ecolóxica e deshidratando tomate e amorodos, pero agora xa teñen 12 referencias diferentes. Ademais, xa están no mercado cunhas novas láminas de amorodos e tomates e tamén en proceso de lanzar patés. “Nós traballamos con moita proba-erro, xa que o noso mecanismo é un prototipo, que era descoñecido, polo que pasamos moito tempo calculando os tempos, temperaturas e xeitos de traballar para cada froita e hortaliza, así coma cos novos produtos que xa están saíndo”, describe.

Deixa unha resposta