ARTE E NATUREZA NO CAMIÑO DE SANTIAGO
Texto: Daniel González Alén / Fotos: Manolo Seixas "Bernabé"

Piñor é un pequeno concello da provincia de Ourense de pouco máis de 50 quilómetros cadrados e 1.119 habitantes, segundo o ultimo censo municipal, que se reparten en sete parroquias de Barrán, A Canda, Carballeda, Coiras, A Corna, Loeda e Torcela.
A estrada N- 525 dende mediados do século XIX e posteriormente a autoestrada AG-53, que unen Santiago e Ourense, atravesan o municipio de Norte a Sur, collendo a remuda dos vellos camiños reais, antes de peregrinación a Compostela, de arriaría do Ribeiro ou da sega cara a Castela.
Son terras da comarca do Carballiño, regadas polo río Arenteiro cos seus afluentes, que se forma aos pés da Serra do Faro e dos montes da Pena de Francia e da Martiñá, que salvan varias pontes medievais e modernas, con fértiles e abundantes praderías que foron gañando terreos ás de cultivo, manténdose ás de viñedo en todas as parroquias. En tempos, este río fornecía a grande fabrica de papel de Lousado e ata dez de curtidos no municipio, movía varios batáns e case un cento de muíños agora fóra de uso que, rodeados de fermosas ribeiras fluviais, aproveitan varias áreas recreativas e rutas de sendeirismo.
A riqueza forestal, que constata o abundante arboredo en todas as parroquias, ten transformación no municipio en tres grandes serradoiros de madeira, que se abastecen tamén no resto de España, destacando o sector da fabricación de ataúdes, que conta con nove empresas e que fan de Piñor un referente en Galicia e mesmo en España, onde vende os seus produtos, e tamén en Portugal.

O futuro museo Casa do Cadaleito
Parar mostrar e divulgar a importancia que ten na economía do municipio a industria da fabricación de ataúdes, dar a coñecer a historia e recoñecer o traballo dos artesáns dedicados a este oficio tradicional, o Concello de Piñor, co apoio da Deputación Provincial, vai poñer en funcionamento o Centro de Interpretación “Casa do Cadaleito”, nun antigo edificio que está a rehabilitar no lugar de Arenteiro, preto do albergue de peregrinos, para convertelo nun recurso cultural e turístico. Será o primeiro e único centro de España que honre o oficio da fabricación de cadaleitos, unha arte moi vinculada a economía e a identidade deste municipio ourensán.
O Camiño de Santiago e rutas de sendeirismo
Polo concello de Piñor decorre o Camiño Mozárabe a Compostela, cos dous ramais en que bifurca esta ruta de peregrinación dende Cea, pasando a principal pola capital municipal, que conta dende 2023 cun ben acondicionado albergue en Arenteiro, preto do que o Concello vai construír un edificio para destinalo a bar-restaurante. A outra variante, que procede do mosteiro de Oseira, atravesa a parroquia de Coiras, seguindo cara o veciño municipio de Dozón, onde se xunta co trazado principal.
Das rutas de sendeirismo sinaladas no concello, destaca o Sendeiro Ecolóxico do Peilán, que percorre un treito do río Arenteiro, no que se pode ollar unha fermosa fervenza que forma a presa que serve para fornecer de auga á antiga fábrica de papel de Lousado, logo de mover varios muíños, situados río arriba, un deles rehabilitado en tempos recentes. Forma parte da ruta circular “Ruta da Andaina do Outono”, que percorre boa parte do municipio de Piñor. Outra ruta, tamén circular é a “Ruta do río Silvaboa”, que vai parella á ribeira deste río, percorrendo a metade oriental do municipio. No mesmo río Silvaboa está a Área Recreativa de Freán, que ofrece boas instalacións para o lecer.
Tamén se poden visitar en varias zonas arqueolóxicas as pegadas que deixaron os habitantes da prehistoria, como as mámoas da Revolta e o Coto de Cubelos, na parroquia da Corna e no Coto da Mina de Torcela, ou os castros de Outeiro do Castro entre A Canda e Barrán; o coñecido por Tras do Castro en Coiras e o dos Castros en Torcela. Na parroquia da Corna téñense catalogadas dúas estacións rupestres con cazoletas no Monte do Cabalo e existe outra inédita, que atopamos nós, esta con coviñas, no monte da Pena Azairiña, no linde co municipio de Dozón. Da época romana, fican restos dunha antiga calzada, de vilas e explotacións mineiras, boa parte aínda sen escavar e catalogar.
Igrexas, reitorais e arte sacro
As igrexas das sete parroquias do concello son barrocas, logo de ser reformadas, ampliadas ou substituídas as románicas máis antigas, neste estilo arquitectónico imperante nos séculos XVII e XVIII. Destaca a de Barrán que forma un notable conxunto co cruceiro procesional tamén barroco e a casa reitoral, con feituras de pazo que, malia ruína que padece, merece unha detida visita, ao igual ca artística fonte milagreira con altorrelevos policromados, agochada entre o mato. Tamén campa a ruína na vella igrexa barroca de Loeda, abandonada ao levar o culto para outro templo moderno construído nas inmediacións, que pide a berros unha axeitada restauración como capela do seu notable camposanto repleto de artísticos panteóns, un deles obra do escultor ourensán Antonio Faílde, que tamén precisa o antigo peto de ánimas que se atopa nas proximidades. De boas dimensións é a da Corna, con escudos do mosteiro de Oseira e coa vella reitoral abandonada. Parella sorte corre a reitoral de Torcela, a carón da igrexa barroca que garda interesantes retablos e imaxes da mesma época. A da Canda, con portada neoclásica na que se ve a imaxe pétrea do patrón San Mamede, ten capela sepulcral dos fidalgos do pazo de Reda e parte dun cruceiro chantado na ábsida. A de Coiras, na aba do castro local, domina as terras que rega o Arenteiro. Para rematar, a de Carballeda ten na fachada o busto de bronce do santo Juan Jacobo Fernández, do que de seguido imos versar, na que destaca o seu retablo neoclásico con antigas imaxes, tendo acceso dende a estrada N-525 onde se pode ollar un vello peto de ánimas, enmarcado o conxunto por un ciprés e a vella casa reitoral, restaurada no ano 2017.
Das capelas, a máis sobresaínte é a da Peregrina en Arenteiro, con medidas de igrexa, presidindo un amplo recinto de festas, lídante co albergue de peregrinos, fonte e pendellos, escenario da Festa dos Callos e outras celebracións. A capela da Milagrosa no Reino, con concorrida romaría a finais de xullo, foi construída nun outeiro que domina un amplo horizonte a principios do século XX, poida que sobre outra máis antiga; o mesmo cá do San Bartolomeu da Devesa, nunha encrucillada de camiños nos lindes con Dozón. A moi antiga de Santiago en Cales, conserva o primitivo arco de medio punto e leva anos sen culto; e a do pazo da Torre en Carballeda, forma conxunto con esta morada fidalga.




O santo Fernández e Camilo José Cela
Do lugar de Moire, na parroquia de Carballeda, era o beato Juan Jacobo Fernández (1808- 1860), frade franciscano e mártir en Damasco que aquí se venera, logo de ser beatificado por Pio XI en 1926 e santificado polo papa Francisco no 2024. O seu busto de bronce preside a fachada da igrexa parroquial, cunha placa de mármore dando conta do seu nacemento e o seu martirio en Damasco. No interior do templo hai unha imaxe deste santo, e outra na próxima capela da Milagrosa do Reino, onde se lle ten popular romaría cada 10 de xullo, levándoa ata a súa casa natal no lugar de Moire, que sinala outra placa de mármore, onde os seus veciños tamén lle erixiron unha estatua no ano 2018. Da familia do beato Fernández era o insigne escritor Camilo José Cela, por parte do seu pai, quen nas súas obras “La Cucaña” (1959) “La Rosa” (1959) e “Mazurca para dos muertos” (1983), fai numerosas referencias ao entón beato e agora santo Fernández e a moitos lugares de Piñor, polos que andou cando novo, nos que os seus antepasados tiñan obradoiros de ataúdes e coiros no río Arenteiro, muíños e venda de xamóns no Reino.
Pazos e casas señoriais
Malia ser un pequeno concello, en Piñor localízanse media ducia de pazos fidalgos construídos a partir do século XVI, algúns sobre antigas torres medievais, que ben conservados polos seus propietarios chegan aos nosos días. Todos eles son de propiedade privada, non sendo visitable o interior, mais paga a pena achegarse para ollalos aínda que só sexa por fóra. Destacan o pazo da Torre en Vilariño, con ata cinco escudos nas fachadas, capela, grande solaina, torre amurallada, cheminea barroca e amplo pombal; e o de Reda, preto do anterior, que loce dous escudos na fachada e que foi ampliado e reformado en varias épocas, ambos na parroquia de San Mamede da Canda. Escudo tamén o ten no lintel da porta de acceso o pazo de Coiras, cos osos e o érbedo do mosteiro Oseira -coma o da igrexa da Corna-, que foi tulla, xunto con outras en varias parroquias, para recoller rendas das moitas propiedades e dominios que tiveron os frades nestas terras, ata medidos do século XVIII.
Na parroquia de San Paio de Loeda hai dúas grandes casas señoriais que carecen de brasón: son o pazo de Lousado, neste lugar, con erguida torre e notable hórreo; e o da Torre, que en tempos puido ser fortaleza e que está a ser rehabilitado na actualidade, comezando pola capela dedicada ao San Brais. Outra casa señorial, de finais do século XIX, é a da fábrica de papel de Lousado, que xa referimos anteriormente ao tratar deste grande complexo fabril e do paseo fluvial do Peilán, que unha adega do Ribeiro pretende rehabilitar para dedícala a hostalaría e aos festexos.
O centro social dos veciños de San Mamede da Canda foi construído a expensas dos emigrantes en América para escola en 1931, no lugar de Cotelas, onde tamén se pode ollar un cruceiro e peto de ánimas nunha encrucillada, con pinturas de Cristo, Santo Antonio e A Virxe do Carme.
Os núcleos urbanos máis importantes son Piñor, onde radica a Casa do Concello e moitos servizos; e O Reino, en tempos importante centro comercial e de comunicacións. Abondan as mostras da arquitectura popular nas sete parroquias do concello: Hórreos de ata catro claros, entre os que destaca o de Moire con pinturas; ou o conxunto de Coiras, con eira lousada; e fontes con lavadoiro, en Freás, Lousado, Coiras, Sobrado, Cotelas ou Porto do Souto.


Festa dos Callos
No eido gastronómico destaca a Festa dos Callos que en outubro deste ano 2025 celebra a 10ª edición, tendo por escenario o recinto da capela da Peregrina en Arenteiro, con xantar, música, exposicións e ruta de motos clásicas.
Das festas que se celebran nas sete parroquias, as máis sonadas son as da San Martiño, festivo local; as da Peregrina, arredor da súa capela, en setembro; a da Milagrosa, no Reino, na última semana de xullo, con romaría na súa capela; o San Roque en Cotelas, a mediados de agosto; e a da Virxe do Carme en Coiras, a finais do mesmo mes.
O Entroido ten grande celebración no concello, sendo día festivo local o martes, con desfiles, concursos, bailes e outras actividades en Piñor e Cotelas e tamén se organizan animados festivais por fin de ano e Nadal.
No ámbito deportivo cómpre destacar o Rallysprint de Piñor, que celebrou a súa 2ª edición en febreiro de 2025, organizado pola Escuderia Piñor Motor, e a II BTT Ruta da Prata a celebrar en setembro.
Para gozar deste importante patrimonio, repousar no Camiño ou participar nas moitas actividades que se celebran neste concello, os visitantes dispoñen de senllas casas de aloxamento rural en Casarellos, na Corna; e Freás da Canda. Tamén contan co hotel Ateneo, restaurante e bar no Reino; e o bar e taberna O Refuxio, en Cotelas, onde o Concello ofrece unha ben dotada área para autocaravanas.
