Javi Casal
O Concello de Caldas de reis distínguese por ser unha das capitais principais do país no que a turismo termal se refire. Con todo, a vila situada nas orelas do río Umia goza de moitos máis atractivos que paga a pena visitar. Un deles ten que ver coa natureza e os hábitos saudables. Caldas conta cunha ampla extensión de quilómetros de sendeiros que fan as delicias dos e das amantes das paisaxes e do deporte. Agora, o Concello vén de impulsar unha iniciativa que busca promocionar e poñer en valor estes espazos, ao tempo que consolida estas zonas como un reclamo para atraer visitantes durante os doce meses do ano.
A Administración municipal promociona unha rede de roteiros que se poden cubrir a pé ou en bicicleta, cunha lonxitude que oscila entre os 10 e os 14 quilómetros aproximadamente. Estas sendas contan cun nivel de dificultade baixa ou media e con varios puntos de interese. Unha das grandes vantaxes destas sendas é que todas elas completan un percorrido circular, con varios puntos nos que se enlazan entre sí. O inicio sitúase nun dos lugares máis emblemáticos da vila, como é a entrada ao Xardín Botánico e á Carballeira, un espazo que está declarado como Ben de Interese Cultural (BIC) e que conta cun gran número de especies arbóreas de diferentes partes do mundo. Desde o Paseo Román López parten as oito sendas que forman parte desta novidosa rede, que serven para completar a oferta lúdica, turística e deportiva de Caldas.
O alcalde, Jacobo Pérez, enumera as vantaxes e os atractivos destes sendeiros. “O primeiro de todo, é que son paseos circulares, polo que poden iniciarse e finalizar no centro da vila”, sinala. Ademais, ao partiren desde a Carballeira, existen prazas de estacionamento nas proximidades. O feito de que todas as sendas estean conectadas entre si tamén permite aos usuarios e usuarias poder combinalas e voltar ao punto de partida sen necesidade de cubrir a distancia completa. A beleza paisaxística do Monte Xiabre ou as Fervenzas de Segade son algúns dos puntos do interese que se poden atopar os camiñantes.
Información ‘on line’
Cada vez máis concellos apostan por este tipo de iniciativas para incrementar o seu valor turístico. A rede de roteiros de Caldas de Reis conta con outro factor diferencial moi importante, xa que os mapas e os detalles de todas as sendas pódense consultar na ‘app’ gratuíta Wikiloc, aplicación que goza de moita popularidade entre os e as amantes do sendeirismo. O Concello paga unha cota para que calquera usuario ou usuaria poida ter acceso a toda a información. Isto permite a calquera persoa cubrir os roteiros cunha navegación en tempo real, ademais de consultar descricións dos percorridos, acadar información sobre os tempos estimados de cada actividade ou acceder a outros enlaces de interese. Pola súa banda, o Concello ten a opción de deseñar folletos informativos para a súa descarga.

