A Asociación Feiral encara os 50 anos

Blanca Paz Muíños (texto e Fotos)

Dos primeiros pavillóns ao maior parque de exposicións rural

Ao tempo que andaba os primeiros pasos na senda da internacionalización, a Semana Verde dou chanzos de xigante nos comezos da década dos noventa do século pasado de cara a consolidarse como o maior parque de exposición ubicado no medio rural. Foi gracias á construción do seu recinto feiral e á aposta firme por continuar o proxecto deseñado ao amparo da constitución da Fundación Semana Verde de Galicia, do que demos conta na última entrega desta serie de reportaxes impulsada para repasar a historia da Asociación Feiral Semana Verde.

No último boletín detivemos o repaso no 1991, ano que marcou un antes e un despóis no devir do colectivo, integrado entón, como xa se dixo, no padroado da Fundación. A feira pasa a ter o amparo da administración pública e con ela a apertura a novos sectores e países, na liña da cobertura internacional mencionada. Neste senso, en 1992 celebrouse a décimo quinta edición da Semana Verde, con presenza do entón vicepresidente de Cuba e do daquela ministro de Agricultura de Portugal, tamén presidente do consello de ministros do ramo da Comunidade Económina Europea.

Foi tamén no segundo ano da década dos noventa, en marzo, cando se adxundicaron as obras das novas instalacións do recinto feiral a Fomento de Construcciónes y Contratas (FCC), que concursou cun proxecto redactado por Unión Fenosa Ingeniería. A contratación foi por 4.816,8 millóns das antigas pesetas, cun prazo de realización de 26 meses. O entón alcalde de Silleda, Juan Salgueiro, recibe o encargo da Fundación de negociar cos propietarios dos terreos a valoración dos predios para a ampliación do recinto nun total de 400.000 metros cadrados.

Obras dos dous primeiros pavillóns (1994)

As negociacións cos titulares afectados prolónganse durante meses e, aínda con elas sen pechar, a comezos de setembro, o Padroado dou luz verde para o inicio das obras no recinto. O acordo de expropiación chegou a finais de novembro, xa cos traballos de movemento de terras en marcha. A Xunta de Galicia aprobara un mes antes a construción do recinto, actuación declarada de interese social e que requeríu incluso a modificación do Plan Xeral de Ordenación Muncipal de Silleda.

Manter a independencia

No medio destes avances dados pola Fundación, o colectivo Amigos da Feira seguíu preservando a súa identidade e o seu peso como propiciador de todo o proxecto feiral e así o manifestou expresamente o seu presidente, José Maril, nunha asamblea celebrada en xuño dese ano, 1992. “Manteñamos a independencia da Asociación”, defendeu entón Maril, segundo recolle a publicación ‘25 anos. Feira Internacional Semana Verde de Galicia’ editada polo colectivo e escrita por Armando Vázquez.

Tal e como detalla o libro, ante as dúbidas manifestadas por unha parte dos socios sobre o futuro da feira vendo o novo rumbo que collía a mans da Fundación, Maril tranquilizou aos integrantes recordándolle o peso do colectivo dende os inicios. Por certo que naquela asamblea do segundo trimestre do ano Amigos da Feira aprobou un orzamento de 40 millóns de pesetas para aquel exercizo.

A Asociación tiña previsto realizar ampliación nas súas instalacións e diversas melloras, planificacións que tiveron que mudar co anuncio do inicio das obras de construción do novo recinto.

Novos sectores

As expectativas estaban postas nas novas instalacións, pero a actividade feiral tiña que continuar e así se fixo, afianzándose na liña de abrir fronteiras e a novos sectores máis alá do agrogandeiro. Así foi como en outubro de 1992 se celebrou o primeiro Salón de Turismo, Deportes e Desenvolvemento Rural (Turisport), un espazo no que concurriron 176 empresas (54 delas estranxeiras) e que foi evolucionando ata hoxe, que aínda segue convocándose, coincidindo coa Semana Verde, baixo o nome de Turexpo. Ao ano seguinte organizouse tamén a terceira edición do Salón da Enerxía.

Durante os tres anos que duraron as obras de construción do novo recinto a actividade feiral non se detivo. As feiras continuaron celebrándose ao tempo que foron amosando a evolución duns traballos que deixaban evidenciar que a fisonomía e a entidade da Semana Verde estaba a mudar, e moito.

Tres anos de obras

Entre 1993 e 1995 xestouse a gran infraestructura da feira, a que hoxe coñecemos. En febreiro de 1993 a Xunta de Galicia comunica a ampliación de 1.500 millóns de pesetas no orzamento do novo recinto, para obras complementarias, como viais, sistemas informáticos ou telecomunicacións.

En outubro de 1993 quedou rematado xa o primeiro dos novos pavillóns, coincidindo coa celebración da segunda feira de Turismo. Un mes máis tarde, faría o propio a segunda nave, canda o desenvolvemento do mencionado Salón da Enerxía. Cada un dos pabillóns contaba cunha superficie de preto de 11.000 metros cadrados.

Na fin dese ano, as vellas naves da feira foron subastadas e desapareceron tamén as carpas que ata o momento se dispoñían para albergar os eventos. Así foi como a edición de 1994 da Semana Verde xa estaba operativo preto do 80% das novas instalacións.

A feira estreou dous pavillóns e os seus departamentos comerciais e almacéns, os espazos cubertos destinados a exposición e subasta de gando e a área dedicada a actividades deportivas, cun ring de 150 por 60 metros con gradas con capacidade para 2.000 espectadores, iso si, pendentes daquela de ser cubertas.

En 1995 a feira cumpríu a maioría de idade, publicitándose xa como Feira Internacional Semana Verde de Galicia. Na inauguración da súa décimo oitava edición, as novas instalacións feirais estaban prácticamente rematadas, pois tan só quedaba a posta a punto dalgúns viais, como o emblemático paseo central de columnas, así como a ampliación das zonas de aparcadoiro. Foi unha edición de récord en canto a público e expositores, superándose por primeira vez o milleiro de firmas asisentes.

Unha inauguración ‘real’

A visita do entón Rei de España, Juan Carlos I, un ano despóis, supuxo todo un acontecemento en Silleda. A presenza de tan alta institución para inaugurar as instalación feirais e o certame, o 29 de maio de 1996 foi un evento sen precedentes na historia da entidade e de Silleda, que mantén na retina as imaxes daquel día histórico no que a presenza do máximo representante do Estado veu refrendar a importancia do recinto, que se converteu no maior parque de exposicións do ámbito rural a nivel internacional. Hoxe segue a ser o maior do noroeste peninsular. 

Inauguración da feira de 1996,coa presenza do Rei

Deixa unha resposta