Blanca Paz Muíños
Cúmprese medio ano do cambio de goberno na Deputación de Pontevedra. O dezao Luis López, do PP, recolleu o bastón de mando desta Admi- nistración o 6 de xullo de 2023, tendendo a man ao equipo saínte, forma- do por PSOE e BNG. Seis meses despois, repasa o arranque de mandato e avanza as liñas de actua- ción futuras.
Tres cargos públicos en dous anos: alcalde de Rodeiro, delegado provincial da Xunta de Galicia e presidente da Deputación. En que lle axuda esta bagaxe no que agora lle ocupa?
Coñecer o funcionamento da administración autonómica pero, sobre todo, da local é fundamental para dirixir unha institución como a Deputación. Son un municipalista convencido e sempre digo que para tomar unha decisión poño a chaqueta de alcalde, porque vivín en primeira persoa as dificultades de gobernar nun concello, pequeno e do rural, con poucos recursos e moito traballo.
Cales son as liñas diferenciais desta nova Deputación?
A principal liña que nos diferencia é que temos convertido aos concellos en protagonistas da nosa acción política. Somos municipalistas e témolo demostrado na aprobación dos orzamentos para 2024, nos que se plasma á perfección este compromiso, cos 66 millóns de euros que irán parar directamente aos 61 concellos. Tamén incrementamos un 20% o orzamento de Cultura e un 19% o de Deporte, dous eixos estratéxicos. Outras das nosas liñas diferenciais serán a aposta decidida polo Turismo, cunha suba de preto do 2% no orzamento do 2024.
Que proxectos ten para os concellos do interior?
Este ano os concellos beneficiaranse de 48,2 millóns de euros do Plan +Provincia, o maior plan de obras e servizos da historia da Deputación, que medra un 9,5% con respecto a 2023, e que conta cunha liña nova para que os gobernos locais poidan redactar proxectos transformadores. Será unha auténtica panca de transformación. Ademais, temos creado un servizo novo, de Reto Demográfico, que vai abordar cuestións que nos preocupan como é o despoboamento, sobre todo do interior. Dende el impulsaranse iniciativas como o ‘Hub’ para loitar contra a fenda dixital e a soidade non desexada. Tamén programas de emprendemento, a través do Viveiro de Lalín.
A chamada Galicia Central abrangue municipios das catro provincias. Ve posibilidade de establecer sinerxías entre as deputacións galegas?
O mellor que podemos facer para impulsar e promover a Galicia Central é tender pontes e sumar sinerxías entre concellos, deputacións e outras institucións. Do traballo conxunto sempre saen boas ideas e, desde logo, desde a Deputación de Pontevedra estamos abertos a colaborar.
Falando de sinerxías. En que medida a Deputación colaborará coa actividade agrogandeira e da economía local en xeral que ampara a Semana Verde e o seu recinto feiral en Silleda?
Imos apostar polo sector primario, pois é un dos motores económicos. O orzamento de Medio Ambiente, dende o que se canalizan axudas, por exemplo, a cooperativas agrogandeiras da provincia, crece ata os preto de 5 millóns de euros. O orzamento para a Finca Mouriscade sobe un 16,5%, xa que é a nosa vontade seguir apostando por este centro punteiro en investigación agrogandeira. No que respecta á Semana Verde, somos membros da súa Fundación e traballaremos, como estamos a facer cos concellos, coa cidadanía e con todas as administracións e entidades, tendendo pontes, sumando sinerxías e impulsando conxuntamente esta provincia.
Vouno meter nun apreto: que lugar da provincia escollería para vivir?
Temos a sorte de ter unha provincia que na que calquera lugar é ideal. Dito isto, Rodeiro é o lugar que me viu nacer, o que me recorda as vivencias da miña infancia e xuventude, pero hoxe en día vivo en Vilagarcía, onde medran os meus fillos.
E que lugar para perderse?
Para perderse e tamén para encontrarse con un mesmo, algo tan importante nestes tempos que vivimos, ben vale calquera recuncho desta marabillosa provincia.