O maior Museo do Xoguete e da Marioneta de Galicia está en Lalín 

Noelia Cortizo Salgueiro (texto) - Daniel G. Alén (fotos)
O pazo de Liñares acolle o Museo do Xoguete e da Marioneta e outras exposicións permanentes
O pazo de Liñares acolle o Museo do Xoguete e da Marioneta e outras exposicións permanentes

O pazo de Liñares propiedade do Concello de Lalín, unha histórica e monumental edificación do século XVII que pertenceu aos Loriga Taboada, coa denominación de Espazo Liñares, alberga nas súas amplas instalacións dende hai pouco máis de dous anos o Museo do Xoguete – Colección A. Chaves, que vén sendo contemplado con eloxios polos milleiros de visitantes que por aquí pasaron dende entón. Para principios do vindeiro ano 2024, está prevista a inauguración do Museo Galego da Marioneta, que xa se pode visitar, formando ambos o Museo do Xoguete e da Marioneta, sendo na actualidade, o maior museo deste tipo en Galicia e un dos maiores de España, culminando así o proxecto Imaxina–Viaxa pola imaxinación e a ilusión, patrocinado polo Concello de Lalín

Non son as únicas exposicións permanentes que acubilla este pazo de Liñares, xa que o fillo ilustre de Lalín, o aviador Xoaquín Loriga Taboada (1895 – Madrid,1927), que aquí naceu hai máis de cen anos, conta cunha sala dedicada a perpetuar a súa memoria. O xeólogo holandés Jan Dirk Hilgen, moi vencellado a Lalín e comarca polos seus traballos e o legado que deixou neste municipio, ten aquí unha exposición cos seus aparellos, mapas, publicacións, libros e documentos. En parte do soto do edificio, móstrase unha exposición de obxectos arqueolóxicos atopados na provincia de Pontevedra, cedidos polo Museo de Pontevedra, que ten aquí un obradoiro para investigar e valorar os materiais arqueolóxicos dos xacementos da provincia e no andar superior do pazo, ten a súa sede o Seminario de Estudos de Deza.

Liñares, o pazo onde viven os monecos e as marionetas

No pazo de Liñares, situado na parroquia de Prado a uns 6 quilómetros da vila,  conviven en boa harmonía, monecos e marionetas, xoguetes e monicreques, para ser contemplados por cativos e maiores. O Museo do Xoguete – Colección A. Chaves, está composto por máis de mil pezas cedidas polo coleccionista cambadés afincado en Vigo, Antonio Manuel Chaves Cuíñas, que se mostran organizadas por temas en catro salas. Son xoguetes de todas as épocas e procedencias, que compoñen un dos máis relevantes museos de España na súa temática e un reclamo turístico para Lalín e comarca ao tempo que incrementa a extensa oferta cultural dezá.

Axiña se vai inaugurar a exposición das marionetas, boa parte dela xa instalada e aberta ao público, con pezas propiedade do Concello de Lalín, feitas por encargo, e outras cedidas en depósito polas máis recoñecidas compañías deste sector en Galicia de cuxa montaxe se encarga o artista lalinense, Inacio Vilariño. Na exposición teñen lugar relevante os Xigantes e Cabezudos de Laxeiro, que forman A familia da Romea, construídos polo artesán lalinense Luchi Iglesias, inspirándose nos cadros do célebre pintor dezao e tamén se poden apreciar os traxes e máscaras dos Cacharelos, singulares personaxes do Entroido e do San Xoán, tamén inspirados na obra de Laxeiro e vinculados ao barrio lalinense da Cacharela, que aquí se exhiben ao carón dos máis tradicionais Papamoscas de Santiso e os xigantes e cabezudos de Botos, que animaban as festas das parroquias dezás ao longo do pasado século.

O pazo de Liñares está aberto ao público de martes a sábado de 11 a 14 horas pola mañá e de 17 a 20 horas pola tarde, días e horas en que poden ollarse estas e outras exposicións de balde, non sendo precisa a reservas agás os grupos, que cómpre avisaren chamando ao teléfono 986 181 423.

Xosé Manuel Ogando, actor e director teatral, fai de guía das exposicións
Xosé Manuel Ogando, actor e director teatral, fai de guía das exposicións
Unha das salas do xoguete ten como figura central á célebre moneca Mariquita Pérez
Unha das salas do xoguete ten como figura central á célebre moneca Mariquita Pérez
Nun lugar relevante está A familia da Romea, inspirada nos cadros do célebre pintor Laxeiro
Nun lugar relevante está A familia da Romea, inspirada nos cadros do célebre pintor Laxeiro