Patrimonio da Galicia Central: ARZÚA

Noelia Cortizo Salgueiro (texto) - Daniel G. Alén (fotos)
Arzúa, Camiño Francés a Compostela

O Concello de Arzúa está situado na área central de Galiza. Linda co concello de Santiso e coa provincia de Pontevedra da que a separa o río Ulla. Ao norte Arzúa fai fronteira con Boimorto, ao leste con Melide e por poñente cos municipios de Touro e O Pino.

O crecemento de Arzúa como vila produciuse no século XI ao abrigo da ruta de peregrinación, pero distintos restos arqueolóxicos e documentos demostran que o seu nacemento como núcleo de poboación e a súa importancia son moi anteriores ao Medievo. No Códice Calixtino cítase a parroquia arzuá de Castañeda (Castaniolla), lugar no que se atopaban os fornos de cal para a construción da catedral compostelá, pero ademais, nese mesmo documento, fálase de Vilanova, nome co que naquela época se designaba á vila de Arzúa.

Durante o período de maior efervescencia xacobea, Arzúa converteuse en señorío do Arcebispado Compostelán, que lle concedía foros e dereitos que administraba directamente o municipio arzuán. A mediados do século XIV, a vila foi amurallada. Tamén tivo unha grande importancia durante as loitas entre liberais e realistas no século XIX. No seu territorio levaron a cabo diversas accións con ánimo de restaurar o absolutismo monárquico.

Actualmente, Arzúa susténtase en tres valores: sustentabilidade, proximidade e personalidade. Sustentabilidade porque a oferta turística respecta o medio ambiente e todas as súas propostas enfócanse á convivencia co mesmo. A proximidade xa que se enmarca nun espazo de atracción de visitantes, moito fomentado pola proximidade con Compostela. E personalidade porque o Camiño de Santiago permítelle coñecer o mundo, escoitar as diferentes culturas que pasan pola vila.

Como veremos nesta reportaxe, Arzúa ofrécelle ao visitante a posibilidade de coñecer a pegada que a cultura romana e, en especial, a cultura xacobea, deixaron no seu territorio. Polo terreo arzuán repártense multitude de capelas e igrexas nas que aínda se conserva parte da súa antiga fábrica románica e dos retablos que ornamentan os seus altares.

Terra de augas

A paisaxe de Arzúa está marcada polo curso dos seus ríos e regados. Destacan os ríos Tambre e Ulla, que determinan o contorno arzuán. A área norte do concello está marcada polo río Tambre e as zonas central e sur sinaladas polo Ulla e os seus afluentes, principalmente os ríos Boente, Iso e Brandeso.

O Encoro de Portodemouros é un dos enclaves turísticos da vila. Data do ano 1968 , momento no que se constrúe tamén a central hidroeléctrica, ambos propiedade de Unión Fenosa. Localízase no río Ulla, entre os concello de Arzúa (A Coruña) e de Vila de Cruces (Pontevedra). O máis destacado desta edificación é o uso de escollos, en vez de formigón, no muro da presa, cunha altura de 91 metros. O encoro ten capacidade para 297 hectómetros cúbicos, cunha cota máxima de 252 e unha mínima de 220. Unha das consecuencias negativas do encoro, a nivel histórico-artístico, foi a desaparición de varias aldeas e, xunto a estas, a perda de numerosos bens do patrimonio cultural. Este feito provocou grandes cambios na vida cotiá da veciñanza.

Na actualidade atopamos nas inmediacións do encoro unha área recreativa e unha praia fluvial. Dispón ademais dun réxime especial de pesca. O encoro e a súa contorna ofrece un espazo ideal para os deportes náuticos, o sendeirismo e rutas en bicicleta.

Fervenza das Hortas. Donbodán
Fervenza das Hortas. Donbodán

A fervenza das Hortas é un límite natural co municipio de Touro e un dos principais atractivos de Arzúa. Consta de dúas caídas de auga, en gneis mesturados con cuarcita, duns 30 metros de altura. Na súa parte alta atópase o muíño dos Agra, sito no lado de Touro. Tamén é coñecida polo nome de Fervenza de Santa Marta , debido a unha lenda que ten asociada.

Outro espazo natural de augas é a praia fluvial de Ribadiso, que conta con diversas zonas de lecer: un merendeiro e barbacoas, as pistas polideportivas, o bar ou o parque infantil. Un gran número de pontellas por enriba do río crean unha fermosa paisaxe.

Hai dous accesos ao río, un consiste nunhas escaleiras e outro nun semicírculo de terra e herba en pendente, pechado por un pequeno muro de cachotaría. A praia fluvial é un dos puntos de referencia incluídos dentro da Ruta “Val do Iso”, promovida polo Concello de Arzúa.

Patrimonio arquitectónico

Arzúa ofrécelle ao visitante a posibilidade de coñecer a pegada que a cultura romana e, en especial, a cultura xacobea deixaron no seu territorio, xa que pola vila transcorren os Camiños Francés, do Norte e Primitivo. Este feito provoca que se repartan multitude de capelas e igrexas nas que aínda se conserva parte da súa antiga fábrica románica e os retablos que ornan os seus altares proceden, cando menos, do século XVIII.

Tamén ten unha paisaxe rica en construcións típicas da zona, pazos, casas señoriais e, como non, edificios destinados a pousada de peregrinos. O rico patrimonio etnográfico tamén conta con reloxos de sol, fontes, fornos, lagares e adegas, lavadoiros, pombais e cemiterios.

Á beira do transcurso do Camiño de Santiago levantouse no século XIV un convento de monxes agostiños do que hoxe só se conserva a súa capela, a capela da Madanela, que, aínda que na maior parte é de cachotaría popular, mantén elementos de cantería que revelan a súa orixe románica.

Outras das capelas que cómpre salientar son a da Mota, situada na carballeira que acolle a festa homónima; a da Fontesanta, que ten como principal trazo a destacar é a carencia de campanario e que tamén acolle unha romaría durante o mes de agosto e a de San Paio de Burres, que a mandou levantar no século XVII don Domingo de Cea á súa volta de Cuba. Esta última é de planta rectangular e ten un soportal pequeno de mestura entre pedra e madeira e un retablo maior de estilo rococó.

Se falamos de igrexas, as máis antigas son as de San Pedro de Mella, levantada no século XIII e pertencente ao románico rural, e a de Boente. Santiago de Boente refíxose no século pasado sobre a edificación levantada no XII e da que se conservan aínda dous capiteis incrustados no exterior do muro da cabeceira. No exterior ten tres reloxos, dous deles mecánicos realizados en cerámica e un terceiro de sol.

A pegada xacobea apréciase de xeito claro en Ribadiso. O que fora un hospital de peregrinos restaurouse para habilitalo agora coma albergue e na mesma aldea segue en pé unha ponte románica, construída no século XII, composta por un único arco de medio punto e realizada en cantería de granito.

No territorio arzuán abondan tamén as casas grandes, como a casa forte de Orxal (século XVII) en Calvos de Socamiño, e os pazos. Un dos mellor conservados é o de Brandeso (1554), onde Ramón María del Valle Inclán situou o seu romance entre Concha e Bradomín, na novela ”Sonata de otoño”. Tamén teñen interese os pazos de Outeiro (en Boente), de Santo Estevo do Campo (en Campo), de Sedor (en Castañeda) hoxe habilitado como hostal de turismo rural, o pazo de Castañeda, o de Magulán (en Lema), o de Ardáns (en Pantiñobre) ou o pazo de Rosende (en Calvos de Socamiño).

Outro elemento salientable en canto á arquitectura é o Castro de Curbín, localizado no monte de A Roda. Conserva a súa fisionomía castrexa, coa forma circular da muralla e o espazo do foxo. O castro data do século VI a.c., finais da Idade de Bronce. A forma do castro está remarcada cun valado de madeira. Actualmente é utilizado como lugar de esparexemento cunha carballeira e un merendeiro.

A Fonte Santa é un espazo con historia e lendas. Muíño, capela, fonte e río conforman a paraxe onde parece que o tempo se detivo para dármonos a coñecer a antigüidade. A capela, confundida no medio da carballeira, xunto coa fonte e o muíño conforman un contorno onde as prácticas pagás e cristiás de milagres e curacións están sempre presentes. Segundo contan os ditos populares a fonte deixou de deitar a súa auga cando alguén quixo facer negocio cobrándolla a quen a precisaban para que lles dera a saúde e lles quitara a enfermidade. Á fonte atribúenselle toda clase de milagres e virtudes curativas. As súas augas son sanadoras das queimaduras, dan ganas de comer e quitan as penas. Tamén conta a tradición que os peregrinos que quedaban eivados, por causa das chagas que se formaban nos seus pés, acudían a lavalos á fonte e de contado acadaban a curación e podían seguir o camiño aos poucos días.

 

Pazo de Brandeso
Pazo de Brandeso
Fonte Santa
Fonte Santa
Santa María de Maroxo
Santa María de Maroxo
Capela da Mota
Capela da Mota

Rutas pola natureza

Arzúa é lugar de paso de varios Camiños. En concreto, o Camiño Francés cruza o concello de leste a oeste. Entra en Arzúa pola parroquia de Boente, onde a Fonte da Saleta recibe aos peregrinos e segue na parroquia de A Castañeda. O documento xacobeo destaca que neste lugar se atopaban os fornos para o cal empregado na construción da catedral compostelá. Eran os propios peregrinos os que, como un xeito de penitencia, levaban ata Castañeda a pedra caliza que eles mesmos recollían á altura de Triacastela. Logo séguese en dirección ao río Iso e, cruzando a ponte medieval, chégase a Ribadiso, o lugar no que se atopa un dos albergues cos que conta o concello. O albergue de Ribadiso inaugurouse en 1993 e é o froito da rehabilitación do antigo hospital de peregrinos onde durante séculos un hospitaleiro atendía con toda caridade os camiñantes, segundo un documento do ano 1523.

Outro caso idéntico é o do albergue que se atopa na vila de Arzúa, a carón da capela da Madalena e construído no que foi, no século XV, o hospital de peregrinos do convento dos frades agostiños. Estes súmanse a outros de carácter privado.

Fóra xa do Camiño de Santiago, en Arzúa tamén se pode gozar da Ruta Encoro Portodemouros. Percorre o Concello de Arzúa, de Sur a Norte, enlazando co Concello de Touro ao inicio, co Camiño Francés de Santiago nun punto intermedio, e co Camiño do Norte a Santiago na parte final. Denominouse Ruta do Encoro de Portodemouros porque pasa xunto ao ramal de acceso á central hidroeléctrica, para posteriormente bordear o encoro ao longo de 5 km. Ata chegar ao camiño de acceso á illa artificial orixinada por monte rodeado polas augas represadas. A ruta pódese dividir en dous grandes tramos: Tramo Fervenza-Ribadiso, onde enlaza co Camiño Francés, e tramo Ribadiso-A Paínza, onde enlaza co Camiño do Norte de Santiago.

Outra opción é a ruta da Fervenza das Hortas, cunha distancia de 19,8 km. Comeza xunto ao río Iso na Fonte Santa, os seus fitos máis destacados son O Torrente de Maroxo, que remata no couto do mesmo nome e que ofrece un espectacular panorama da vila de Arzúa. A continuación pásase polo Enredo do Abelleiro, un interesante museo temático sobre o mel e a apicultura. O roteiro finaliza na Fervenza das Hortas, un dos límites naturais entre os concellos de Arzúa e Touro.

 

Museos

Outra opción que ofrece Arzúa é unha variedade de museos, que abranguen a Tenda-Museo do Coiro, Museo etnográfico A Paínza, Centro de divulgación do Queixo e Mel e O enredo do Abelleiro.

O Museo do coiro é unha fábrica de obxectos confeccionados con coiro, que dispón dunha tenda. Inaugurouse como museo en decembro de 2022. Pola súa banda, o Museo Etnográfico A Paínza está localizado na casa principal, co conxunto de turismo rural de A Paínza, de vivendas antigas construídas en 1780. Iniciou a súa actividade no ano 2001.

Finalmente destácase O Enredo do Abelleiro, que conta coa posibilidade de dúas visitas: interior e exterior. No interior hai unha galería fotográfica que mostra a vida e experiencia das abellas. A elaboración do mel pasa por tres fases que se ven nas salas de extracción, decantación e envasado. Dispón ademais de laboratorio e unha aula para conferencias. No exterior vense dous apiarios, un moderno e outro antigo. Tamén teñen unha pequena edificación con instrumentos de apicultura de antano así como a evolución deste oficio ata os nosos días. Este museo foi fundado en 1994.

O queixo, o produto estrela

A calidade e riqueza da gastronomía de Arzúa, como crisol das culturas que se funden no Camiño, convértena nun dos concellos galegos máis famosos pola súa gastronomía. Aínda que é coñecida fundamentalmente polos seus queixos, sobre todo polo de Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa, ten unha oferta moito máis ampla grazas á calidade das súas carnes, a súa repostaría innovadora, o mel ou a variedade da súa horta.

O queixo de Arzúa é, sen dúbida, o maior referente dentro e fóra das fronteiras da vila. Elaborado con leite natural e enteiro de vaca, conta desde 1989 coa denominación de Produto Galego de Calidade. Nos anos 80 introdúcense na comarca de Arzúa as primeiras cubas de aceiro, pasteurizadoras, fermentos lácticos e presoiros industriais. Isto permitiu controlar mellor o proceso de produción, aumentando a calidade do queixo.

 

Monumento as Queixeiras
Monumento as Queixeiras

Denominación de Orixe

O queixo, foi recoñecido en 1995 como Denominación de Orixe Protexida, para aqueles producidos segundo un determinado método e orixinarios (leite e produción) nos concellos da Área xeográfica da D.O.P. Arzúa-Ulloa: Arzúa, Boimorto, Curtis, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, O Pino, Santiso, Sobrado, Toques, Touro, Vedra e Vilasantar (na provincia da Coruña); Antas de Ulla, Carballedo, Chantada, Friol, Guntín, Monterroso, Palas de Rei, Portomarín e Taboada (na provincia de Lugo) e Agolada, A Estrada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces (na provincia de Pontevedra).

Ten unha presentación en bloques lenticulares, con bordes redondeados de entre 100 e 260 mm de diámetro e entre 50 e 120 mm de alto. As pezas pesan entre 0,5 e 3,5 Kg. De codia fina e elástica, sen fisuras, de cor de amarelo pálido a amarelo escuro, brillante e limpa. Moitas veces vai cinguido cunha cinta de tela. O seu sabor é único: láctico, lixeiramente ácido e pouco salgado, a manteiga e iogur. A medida que madura aparecen sabores máis doces, a manteiga e a froitos secos. Ten unha textura untuosa, de pasta con poucos ollos e irregularmente distribuídos.

Como característica para a súa conservación, hai que ter en conta que este queixo segue madurando co tempo, polo que non se recomenda gardalo envolto en ‘film’ transparente ou papel de aluminio, xa que precisa respirar. Aconséllase gardalo nun lugar libre de cheiros fortes e a unha temperatura constante de uns 8-10ºC. Cómpre deixalo a temperatura ambiente un par de horas antes de degustalo, para poder apreciar mellor os seus aromas, sabores e texturas.

Como produto estrela conta coa súa propia feira, que neste 2024 chega a súa 49 edición. O festexo adoita ser na primeira fin de semana de marzo, no vindeiro ano será os días 1, 2 e 3 de marzo. Conta cunha ampla programación de eventos durante a fin de semana na que se atopa un festival de música e numerosas actividades culturais e gastronómicas, ademais de congregar aos produtores na vila. Así mesmo, entorno a cita celébranse varios concursos coma o de tapas ou da elaboración de carteis, que fan a cita máis atractiva e participativa. En definitiva, o folclore e a gastronomía únense para potenciar o queixo de Arzúa.