A Asociación Feiral encara os 50 anos

Blanca Paz Muíños
Cartel da primeira feira (1978)

A Asociación Feiral Semana Verde camiña cara ao seu 50 aniversario, que cumprirá en 2028. Neste boletín iniciamos un repaso pola súa historia a través de varias reportaxes que se irán publicando en sucesivos números co fin de recordar o nacemento desta entidade, impulsada por e para o pobo, a súa evolución e as súas perspectivas de futuro.

Para realizar este repaso, botamos man de testemuñas vivas que participaron nos inicios do colectivo e no seu proceso de transformación, así como de diferentes publicacións editadas ao longo deste medio século de vida que recompilan acontecementos e reflexións sobre a historia da asociación e do movemento feiral que situou a Silleda como referente.

Corría o outono do ano 1978 cando un grupo de veciños, en gran parte animados polo auxe da produción porcina na zona e conscientes da necesidade de cambiar o esquema da comercialización, impulsou a que se denominou ‘1ª Feira Exposición Agropecuaria’, un evento que incluíu a celebración dunha ‘Festa Gastronómica do Cochinillo’ como excusa para a exaltación do porcino, un sector con moita puxanza na localidade e na súa contorna.

O sector porcino, vendo o que estaba a acontecer no mercado avícola, con produtores limitados polas condicións dos matadoiros e con prezos impostos, decatouse da necesidade de romper o sistema e facerse dono non só da produción, senón tamén da comercialización.

Os gandeiros locais regalaron as pezas para cociñar na cita, que se organizou collendo exemplos aplicables da preparación dos leitóns en terras de Castela. Un reputado asador de Arévalo trasladouse a Silleda para cociñar os bacoriños, que se asaron nas panadarías locais e se serviron con axuda das relixiosas e do alumnado do colexio local. O éxito de público foi tal que as autoridades mesmo tiveron que ceder os  seus asentos aos visitantes.

Exposición de maquinaria na feira (1978)

Mérito de todo un pobo

O programa daquela primeira cita rezaba textualmente: “Si muchas razones han hecho justificables cosas, Silleda no haría justicia si como comarca esencialmente agrícola-ganadera, no exaltara la esencia de su propia pujanza económica y la de los hombres que la hacen posible”. Con toda a boa vontade e ambición, ninguén entón imaxinaba a trascendencia daquel primeiro paso.

A comisión organizadora daquela feira primixenia contou, na parte de ‘Desenvolvemento, propaganda e gastronomía’ con: Manuel Rolán Martínez, Juan José Salgueiro Montouto, José Ramón Castro Frade, María Gutiérrez Melero, José Fernández Viéitez, Luis Arturo García Arias e Manuel Vázquez Barcala. Do equipo de ‘Festexos’ encargáronse Teófilo García Rilova, Ernesto Rodríguez López e César González Ferreiro.

En representación do ‘Porcino’ traballaron naquela inicial comisión Rogelio Ejea de Prado, Alfonso Lareo Cortizo e Daniel Sánchez Ocampo. Avícola e vacún, por suposto, tamén tiveron cabida no equipo programador. No primeiro caso, da man de Antonio Caramés Pérez e José Sanmartín Gómez. No segundo, de Manuel Arceo Romeo, José Manuel García Madriñán, José Fernández Bernárdez e Jesús Taboada Leira. Do apartado de ‘Maquinaria’ encargáronse David García Rilova, Juan Manuel Mourón Conde e Manuel Gómez López. Dos postos feirais, Casimiro Fernández Otero (alcalde de Silleda) e Fernando Garrido Valenzuela.

A comisión organizadora da primeira feira e o seu comité executivo estaban presididos por Juan Micó Jornet (director da oficina local de Extensión Agraria) e na vicepresidencia, José Rico Lenza (xefe provincial de Sanidade Animal), José Maril Sánchez e David García Rilova, mentres que Ernesto Rodríguez López traballou como tesoureiro. A presidencia de honra ocupárona Casimiro Fernández Otero e José García García (senador).

A feira celebrouse durante tres días, sábado 21, domingo 22 e luns 23 de outubro. A entrada ao improvisado recinto habilitouse na que máis tarde foi bautizada como Avenida Recinto Feiral, a carón do colexio público, e os postos expositivos distribuíronse nos terreos máis próximos, que na altura albergaban o campo de fútbol, entre outros. Un viño e a amenización do grupo folclórico ‘Cantigas e Agarimos’ serviron de inauguración ás 13.00 horas, seguida da apertura dos postos nos que se presetaron innovacións tecnolóxicas e gando bovino e porcino da comarca.

Vista xeral do recinto feiral (1985)

Outra comercialización

Nun momento no que a mecanización estaba dando os primeiros pasos en Galicia, o apartado de maquinaria foi dos que máis expectación xerou, seguido do concurso de gando, no que participaron uns 150 exemplares de vacún de raza frisona e de porcino selecto e que se celebrou no mediodía da segunda xornada de feira. Aquel domingo tamén houbo unha misa de campaña solemnizada a cargo do Orfeón Cantigas e Agarimos, con sesión de canto e baile posterior e previa á degustación do bacoriño. Pola tarde, programouse unha charla de temática agropecuaria. Na derradeira xornada os postos estiveron abertos ao público durante todo o día e foron entregados os premios do concurso de gando.

Quedou patente nesa primeira experiencia que os produtores buscaban e camiñaban cara  outra forma de comercialización. Precisábano. Había que dar o salto e afastarse das vellas fórmulas de oferta e demanda das feiras tradicionais. As granxas de porcino viron que aqueles eventos eran unha oportunidade de romper o sistema e, dunha vez por todas, rebelarse fronte aos maioristas. Eles porían os prezos e venderían directamente: tomarían as rendas da produción e da comercialización, cuestión que derivaría na creación dunha lonxa agropecuaria da que  falaremos con detemento máis adiante.

Concurso de raza Frisona (1987)

O papel da entidade

A  festa gastronómica do bacoriño repetiuse noutras tres ou catro ocasións, a modo de reclamo para atraer público, pero foi esmorecendo ao tempo que ía gañando máis peso e profesionalizándose a actividade expositiva. Aquel comité organizador inicial, coñecido como “os tolos da feira” seguiu traballando con visión de futuro e deu lugar ao grupo coñecido como “os amigos da feira”. Acordaron agruparse nunha asociación enfocada a afianzar o certame e así o formalizaron nunha reunión que tivo lugar o 9 de novembro de 1978 entre o comité organizador e un cento de simpatizantes da feira, na que se expuxeron as contas do certame que viña de celebrarse.

Ese mesmo día, elixiron unha nova xunta directiva, conformada polas mesmas persoas que encabezaban o comité organizador. Pouco tempo despois, Juan Micó, que estivera ausente durante a celebración da feira por motivos de saúde, renunciou á presidencia, que foi asumida por José Maril, quen xa exercera de presidente en funcións en ausencia de  Micó.

A comezos de 1979 a asemblea aprobou a constitución da asociación co nome Amigos da Feira e a tramitación oficial dos seus estatutos, de ámbito local. Segundo estes recollen no seu artigo 3, os fins da asociación son: “a promoción de actividades agropecuarias e sociais no ámbito do seu territorio e calquera outra actividade que teña por obxectivo a promoción da cultura, do deporte e do nivel de vida do ámbito rural”. Dende ese ano, 1979, e durante os sucesivos, sumouse ao equipo organizativo da feira o profesor Manuel Mosquera, inicialmente ocupándose do apartado de gastronomía (da promoción do prato de bacoriño) e, sucesivamente, dos postos de alimentación que acudían á feira, coma os polbeiros.

Entrada principal (1987)

Lonxa, colectividade e queixaría

Nesa liña de traballo marcada a nivel estatutario, dous anos despois da súa constitución formal, Amigos da Feira contribuíu ao nacemento dunha grande iniciativa: o 21 de abril de 1981 inaugurouse a Lonxa Agropecuaria, hoxe un referente estatal. Xa un ano antes, a asociación puxo de manifesto a necesidade de creación deste sistema de contratación ante a carencia de mercados adecuados para responder ás necesidades do sector. A lonxa foi unha xestión impulsada polos gandeiros de porcino e o colectivo feiral achegou o espazo para materializala.

Tamén baixo o acubillo da asociación xorden unha vintena de agrupacións de ámbito agro-gandeiro, coma S.I.L.A (Silleda-Lalín, de gando vacún), a A.D.S (Asociación de Defensa Sanitaria) porcina, a Asociación para o Control de Rendementos, que máis tarde pasaría a ser AFRICOR Pontevedra, ou COGAL (Cunicultores de Galicia), por citar só algunhas. Tratábase de mudar  os esquemas de comercialización. As granxas, nomeadamente do sector porcino nos seus inicios, eran unha oportunidade para rompelo e comezar a producir e vender directamente, sen intermediarios.

Tamén dende os seus comezos, Amigos da Feira apostou pola formación. A finais de 1986, baixo a dirección do mencionado Manuel Mosquera, inaugurou o Centro de Estudos Agrarios, unha especie de escola de capacitación na que se impartiron centos de cursos coa asistencia de miles de alumnos e alumnas. Asemade, o colectivo impulsou a denominada Escola Taller, con módulos de albanelaría, fontanaría ou xardinaría e instaurou o Día do Agricultor ou a Casa de Oficios.

O colectivo xestiona, dende 1987 e ata a actualidade, as instalacións dunha queixaría artesanal, da que tamén se ocupou de primeira man Manuel Mosquera. Con ela, Amigos da Feira quería amosarlle aos gandeiros e gandeiras de leite da zona a oportunidade de aprender a pechar o ciclo de produción, unha dinámica que tamén impulsou a través dos concursos morfolóxicos. A día de hoxe, a queixaría traballa en réxime de alugueiro unha firma que elabora para toda Galicia dende o mesmo edificio que alberga a sede da entidade feiral e a súa tenda.

O apoio á cultura, como a intervención na refundación da Banda de Música de Silleda, a organización de exposicións plásticas ou a edición do seu boletín informativo (dende o 1 de novembro de 1985), son algunhas outras actividades nas que se involucrou nos seus inicios Amigos da Feira, que tamén aos comezos instaurou unha festa para conmemorar o Día do Socio.

O Rei recibe en audencia á Asociación Feiral (1989)

O paso a asociación

O proxecto feiral foi medrando e transcorrida unha década escapaba ao ámbito comarcal. Comezaba a ter peso internacional. Amigos da Feira, consciente da necesidade de expansión e de máis espazo e infraestruturas, renovou estatutos para facilitar a xestión das novas feiras, adaptadas aos novos tempos coa intendencia que requerían. Foi nese momento, en marzo de 1989, cando modifica o seu capital social e pasa a denominarse Asociación Feiral Semana Verde, con nova imaxe corporativa e cambio de situación xurídica e económica. Neste tempo, a entidade mercou 64.000 metros cadrados de terreo para ampliar o recinto.

Neste punto, é importante destacar tamén a xenerosidade dos veciños de Silleda que cederon propiedades súas á Asociación para poder satisfacer a crecente demanda de expositores. Foi o caso de: Germán Couto Lázara e a súa viúva, María Elisa Lázara Sanmartín (popularmente coñecida como María de Fampa), Manuel Pérez Fernández, Carmen Conde Castro e os irmáns Carballo Fernández.

Un ano despois, o 2 de maio de 1990, o entón conselleiro de Industria, Juan Fernádez, fixo pública a intención da Xunta de Galicia de ampliar e mellorar as instalacións feirais cun investimento de ata 1.000 millóns de pesetas, e suxire a posibilidade de que o certame se acolla a un novo réxime xurídico. Nace así a Fundación Semana Verde de Galicia e ábrese unha nova etapa na que afondaremos na vindeira entrega. 

 

A audiencia co rei, un recoñecemento

O 30 de xaneiro de 1989, un grupo de representantes de Amigos da Feira foi recibido polo rei Juan Carlos de Borbón no Palacio de la Zarzuela. Aquel encontro foi un recoñecemento ás persoas que, desinteresadamente, e restando tempo das súas vidas profesionais e persoais, se dedicaron en corpo e alma a levantar o proxecto antedito. Na imaxe pode verse, de esquerda a dereita a Domingo Aller Rodríguez (que foi presidente de S.I.L.A.), Manuel Arceo Romeo, Manuel Mosquera Fernández, José Ramón Castro Frade, José Maril Sánchez, o monarca Juan Carlos de Borbón, María Elisa Lázara, Antonio García Frade (tesoureiro do colectivo naquel momento), Argimira Sánchez Balado (máis coñecida como ‘Cachita’, ama de chaves e traballadora incansable a prol do colectivo), a persoa que xestionou o encontro co rei, que circunstancialmente realizou labores de prensa, José Luís Rodríguez Barreiro (actual presidente da Asociación Feiral Semana Verde) e Luis González Abal (membro da directiva de Amigos da Feira e con posterioridade traballador da Semana Verde).

 

Deixa unha resposta