Blanca Paz Muíños

Se por algo se caracteriza a presenza da Asociación Feiral Semana Verde de Galicia na cita por excelencia en Silleda, a Semana Verde, é por servir de escaparate dos produtos locais e de proximidade. Na pasada edición, celebrada na primavera de 2024, foi especialmente significativa a presenza do selo artesán, ao amparo do convenio que o colectivo silledense viña de subscribir coa Asoaciación Galega de Operadores Artesanais de Alimentación e de Pensos (Agoaap).
Cumprindo con ese acordo, Agoaap contou no stand da Asociación Feiral cunha vitrina refrixerada dende a que amosou produtos achegados polos seus corenta asociados en toda Galicia.
Doces e cooperativas
O recuncho do colectivo silledense serviu de escaparate para os doces de As Camposeiras, que dende Oleiros enviaron marmeladas con froita e verdura de quilómetro cero; Caurelor, tamén con marmeladas, pero da Serra do Courel; Bombones Moreno, que con chocolate tradicional elabora produtos pensandos para persoas con alerxias e tolerancias alimentarias; Casa Baltar, co seu singular doce de leite, Galletas Xianas (Taboada-Lugo); Mamá Teresa, con doces artesáns de Arzúa; Melanger Pastelería, obradoiro de Betanzos; Sacrapastas, cunha receita orixinal dende 1986; Torta de Sarria, de améndoas e castañas; Xearte Brigitte, xeado artesán con máis de 500 sabores; e Xeou, xeados feitos co seu propio leite, con venda ao longo do Camiño de Santiago.
Houbo tamén representación de cooperativas baixo o selo de Agoaap, con Factoría do Lume, primeira marca especializada en salsas e produtos picantes en Galicia; Campo Capela, de pequenas granxas en réxime semi-extensivo que elaboran lácteos artesáns de leite cru; e Milhulloa, dedicada a prantas medicinais e aromáticas ecolóxicas.
Leite e carne
Na vitrina de Agoaap abondaron os queixos e derivados lácteos: A Meixoeira, con queixo artesán de cabra; Airas Moniz, tres socios novos e emprendedores; Bisqato, con queixos de leite crú con leite ecolóxico de pastoreo de Guitiriz; Condado Paradanta, co seu requeixo das Neves; Daniverto, queixo San Simón da Costa; Gandería Quintián, que dende O Páramo produce leite pasteurizado e queixos artesáns moldeados manualmente; Kalelói, con iogur e kéfir producido en Lalín; O Rexo, con queixo feito con leite de pastoreo; e Queixos Castelo, con Denominación de Orixe Protexida O Cebreiro.
Non faltou o mel, a cargo de Abella Meiga, empresa familiar dos ancares lucenses con catro décadas de historia; Conde Santo, dos bosques da montaña de Ourense á costa da mariña lucense, con indicación xeográfica protexida; e O Poder las Flores, de Alfoz.
En conservas, puidéronse probar Mareterra, que dende Esgos combinan os sabores do mar e da terra, e Nela Gourmet, con conservas vexetais e cosmética natural. Non faltaron tampouco os aceites, da man de Aceiroga, do val do Quiroga, e Aceites Figueiredo, de Ribas de Sil. Pola súa parte, os silledenses Trasdeza Natur amosaron as súas froitas e hortalizas deshidratadas.
Representando aos sector cárnico, Agoaap promocionou Ánades Galicia, dedicada á cría de patos en Vilardevós; Cárnicas Mosquera, dende o seu obradoiro de Vila de Cruces; Embutidos Suarna (Navia de Suarna); Jamones González, empresa centenaria de O Corgo; e Traloagro, con Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega.
Tampouco faltaron as cervexas, con presenza de Cervexa Menduíña e Toupiña e as sidras, con Don Pedro Leivas, lagar de sidra das terras altas de Riotorto-Lugo, e Rabiosa, sidra ecolóxica estradense.

Apostas propias
Cunha tradición de anos, outros produtores volveron ir da man da Asociación Feiral na última Semana Verde. É o caso de Avipor Silleda, empresa trasdezá que é xa un referente na produción de ovos tanto de galiñas campeiras como das criadas en xaulas, actividade que completa coa produción porcina.
Confitería Tábora, unha marca tamén emblema da localidade tampoco faltou cos seus melindres tradicionais, de castaña e de améndoa, nin coas súas galletas de mateiga denominadas Galeguillas Mantecadas.
Tamén da casa foron os chourizos afumados elaborados por Adrián Carniceiros, firma con establecemento na localidade, dedicada á venda de produtos cárnicos e os seus derivados que levan a calidade como bandeira.
Repetiron, un ano máis, os aceites Alma Meiga, As Besadas, e Terras Gigurras, representando ao ouro líquido máis galego en todas as súas versións. A primeira, dende terras de Valdeorras e O Ribeiro, procesa as variedades autóctonas Brava e Mansa galegas e Arbequina, de colleita propia. As Besadas elabora aceite virxe extra con oliva cen por cen recollida na localidade pontevedresa de A Estrada, cunha edición moi limitada que voa nos mercados. Pola súa parte, Terras Gigurras, provinte de Quiroga e Valdeorras, elabora, ademais do ouro líquido, produtos cosméticos que demostran a versatilidade da súa materia prima.
De novo, o stand feiral da Asociación, acolleu o selo Shitake de Trives, coa súa variedade de formatos para desfrutar dos cogumelos da área do macizo central ourensá. En pó, ao natural, en confitura ou en paté son as propostas desta firma que afianza a súa presenza entre os consumidores.
Houbo oco merecido para os tés de Pazo Quinteiro da Cruz, firma tamén coñecida polas súas camelias e polo seu viño albariño, froito das terras de Ribadumia, en pleno val do Salnés. As conservas Porto Muíños tampouco fallaron. Mexilóns con algas en escabeche branco, chimichurri de algas de producción ecolóxica son algunas das propostas desta firma con sede en Cerceda.
Outro clásico foron as chantadinas galletas mariñeiras Daveiga, petiscos duradeiros para comer soas ou acompañando salgados ou doces, que levan anos camiñando da man da Asociación Feiral no salón de alimentación da Semana Verde.
Entre as marcas que volveron apostar por amosarse dende o recuncho do colectivo tamén estivo a repostería artesá Torta de Sarria, por segundo ano consecutivo, e xa mencionada anteriormente como integrante da vitrina de Agoaap. Repetiu, como vén facendo dende hai anos, o mel Fernando Pájaro, que dende Lalín produce de xeito familiar este doce, no seu caso, multifloral, especialmente de castiñeiro, carpaza e silva.

Novidades
As Martietas de Fío e Avoa Makika foron novidades no stand da Asociación Feiral na última edición. Ambas, propostas para adozar o padal. As primeiras son galletas artesáns de fariña de trigo, ovo, zume e reladura de naranxa. Con un toque final de doce e salgado, provocado polo azucre moreno e o sal, son totalmente naturais e elabóranse en Bergondo, aínda que están inspiradas nunha receita tradicional dunha avoa de Ourol que se remonta tres xeracións atrás.
Pola súa parte, detrás de Avoa Makika está unha redondelá que prepara marmeladas de diversas froitas e tamén de cabaza con leite de coco ou castaña, por citar algunas, seguindo o estilo caseiro e saudable, con pouco azucre, limón e sen aditivos. Para elaboralas emprega produto de temporada e suministrado por agricultores de proximidade, o que lle confire un extra de calidade ás súas propostas.
A Asociación Ferial xa traballa de cara a organizar súa presenza na próxima Semana Verde, que este ano celebrará a súa 47ª edición do 5 ó 8 de xuño. Na anterior, pasaron polo recinto case 81.000 visitantes. Foi a maior feira dos últimos 17 anos a nivel expositivo.

