Sara Bouso Caldeira, do CEIP Plurilingüe San Rosendo (Mondoñedo), gañadora do Iº concurso ‘As Feiras Tradicionais Galegas’

JAVI CASAL

A principios do mes de maio a Asociación Feiral Semana Verde de Galicia daba a coñecer o nome da gañadora da primeira edición do concurso ‘As Feiras Tradicionais Galegas’. Trátase de Sara Bouso Caldeira, alumna de 2º da ESO do IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo. O seu texto foi o mellor valorado polos membros do xurado. Tamén resultaron galardoados os traballos presentados por Fernando Seco Sánchez e por Matías Díaz Otero, que levaron o segundo e o terceiro premio, respectivamente. Os dous mozos tamén son estudantes do centro educativo do municipio pertencente á provincia de Lugo.

A obra gañadora, que se pode ler de xeito íntegro nas páxinas 4 e 5 deste boletín, leva por título ‘As feiras antigas’. A súa autora entrevista a Maruxa, que a través das súas respostas achega unha radiografía do que supuña traballar nas feiras galegas hai varias décadas. Durante a entrevista, Maruxa, ademais de contar numerosas anécdotas, tamén explica como viviu o feito de ser muller neste tipo de encontros, deixando claro que eran precisamente as mulleres as que movían a actividade. Ademais, tamén conta que entrou nese mundo desde moi nova, xa que a súa familia se dedicaba á venda de produtos como queixos, manteiga e ovos, ademais de pezas de roupa que arranxaba a súa tía.

Os desprazamentos a pé ou en carros de bois ou o ambiente que se vivía nas feiras son outras das cuestións sobre as que pregunta a gañadora do certame, que plasma á perfección os obxectivos que se buscan acadar a través da convocatoria do concurso. Entre eles, destaca a intención de incentivar as relación entre as distintas xeracións mediante a conversa, así como fomentar entre a rapazada e a mocidade o gusto polas actividades literarias, ao tempo que se pretende poñer en valor a importancia do medio rural.

Con respecto ao resto dos premiados, o segundo galardón foi para a entrevista que Fernando Seco titula como ‘ Desprazabámonos andando (…) con vacas bravas do monte, correndo de noite detrás para non perdelas’. Neste caso, o protagonista é o seu avó, que detalla o funcionamento das feiras galegas na súa época e explica a importancia que tiñan estes eventos. Por último, a terceira obra mellor valorada polo xurado foi ‘Lembranzas dun tempo que xa non volta’, de Matías Díaz Otero. O mozo entrevista á súa avoa, que achega unha visión dos recordos de ten de cando acudía ás feiras que se celebraban na Mariña lucense e que eran grandes acontecementos, máis semellantes a unha romaría que a unha actividade comercial en canto a trascendencia social.

A autora do primeiro premio e os autores do segundo e do terceiro recibirán 500, 300 e 200 euros en metálico, respectivamente. Ademais, no caso do primeiro galardón, este inclúe tamén unha excursión didáctica para toda o grupo ao que pertence a gañadora, que se realizará ao Mosteiro de Carboeiro, así como á Semana Verde e ao Museo do Campo e a Mecanización. No caso dos dous finalistas, quedan convidados, coas súas familias e unha representación do centro, a visitar a feira da Semana Verde e o Museo. A entrega de premios á gañadora do certame e aos finalistas terá lugar o vindeiro 5 de xuño, coincidindo co acto de inauguración da feira internacional, que este ano chega á súa 47ª edición, consolidada xa como a gran cita de referencia no país. 

Outros dos premios que se leva a gañadora do concurso, xunto aos seus compañeiros e compañeiras de clase, é unha comida que estará coordinada por Culinaria. Será un menú composto con especialidades típicas das festas gastronómicas de Silleda.

 

Deixa unha resposta