Lucía Fernández, a nova presidenta da Banda de Chantada, ten 26 anos. Fisioterapeuta,o seu instrumento é o clarinete. Comezou na escola de música da banda con 5 anos, e aos 8 comezou o Grao Elemental no conservatorio de música de Lalín e, posteriormente, fixo os 6 anos de Grao Profesional.
Como será esta nova etapa da banda con esta directiva que presides?
A nova directiva vai tentar seguir a liña mantida polas anteriores directivas, con proxectos variados. Queremos que se abran novas portas para outras novidades e traer cousas interesantes á vila, sempre facendo unha chamada á participación da xente.
Como se financia a banda?
Temos diferentes fontes. Recibimos unha aportación do Concello de Chantada en forma de convenio colaborativo: a banda comprométese a estar presente en varias datas no ano (Corpus, Pascua, Feira do Viño, Festas de Chantada, etc….) e o concello, en correspondencia, apórtalle financiamento. Con el, a banda asegúrase poder dispor dun director profesional , ademais de cubrir gastos de transporte ou a compra de novo instrumental ou material. Por outra parte, están as achegas das diferentes festas tradicionais que realizamos ao longo do ano na xeografía galega, contratados por comisións de festas. Outra fonte de ingresos son os nosos socios colaboradores e protectores. Moitos deles consideran un petisco a súa colaboración, pero é de gran axuda para a economía da banda.
Cantos músicos integran a banda?
Actualmente somos unhas 40 persoas en activo. Segundo a época do ano, o número pode aumentar, xa que hai moitos compañeiros que habitualmente residen fóra da vila. Polos grandes eventos, coma as festas patronais ou a Feira do Viño, alcánzanse os números máis altos.
Cal é o proceso formativo ata que un músico debuta en público?
Non existe un proceso estandarizado e xeral xa que a música non depende da idade da persoa, senón da súa capacidade nos diferentes ámbitos sensoriais e participativos. O proceso máis común é o comezo a idades temperás, entre os 4 e os 8 anos, con actividades lúdicas, con xogos musicais e ritmos corporais. Logo disto, xa se pasa ao instrumento correspondente, coa incorporación á banda aos 10/12 anos.

Coa súa formación na banda, algúns encamiñaron o seu futuro para vivir da música?
Así é. Grazas a comezar a idades temperás e mostrar a música coma un futuro, moitos puideron escoller a dedicación de maxisterio musical, produción de espectáculos, orquestras sinfónicas, bandas profesionais…
Podemos falar de dúas bandas nunha: a das festas populares e a dos concertos no auditorio ou na igrexa?
É unha agrupación única con diferentes perfís, que se adaptan a cada proposta. A banda de pasarrúas forma e camiña coma un exército, tocando marchas e pasodobres con toda a seriedade; a banda de concerto interpreta cunha concentración sublime pezas de grande dificultade. A acústica de cada lugar é única: o lugar que máis nos respeta é o auditorio. No punto contrario, as igrexas e a praza do Cantón son lugares un pouco complexos: a primeira pola absoluta resonancia dos materiais, e a segunda polas condicións climáticas.
Este ano cúmprense os cento sesenta anos da súa fundación, que destacarías dos actos desta celebración?
Celebramos este 160 aniversario con moita ilusión. Dentro da programación anual imos abarcar diferentes temáticas. Empezamos a temporada en xaneiro e seguímola en marzo coa feira do viño e en abril co concerto de música sacra, que foi moi aclamado polo público, co acompañamento de narrador e cantantes. O próximo concerto que temos é o de socios, que imos enfocar a música latina e titulamos “Caribe sinfónico”. En agosto imos embarcarnos cara a música tradicional, para nas festas patronais celebrar o XXXIV Festival de Bandas de Música. En outubro teremos o chamado “Banda FM”, que será unha experiencia radiofónica en directo onde combinaremos música e numerosas sorpresas. Finalmente, pecharemos o ciclo co noso concerto especial 160 aniversario en Santa Icía.