A Asociación presume dos produtos artesanais e de proximidade na última cita da Semana Verde

Noelia Cortizo Salgueiro

Cada vez son máis as persoas adeptas a consumir produtos de proximidade, porque son garantía de calidade e do bo facer. Por iso, e con esa premisa, a Asociación Feiral Semana Verde volveu á cita por excelencia de Silleda, a Semana Verde de 2025, para conquistar os padais das persoas que se achegaron ata o seu posto.

Na zona dedicada aos produtos da terra puideron atoparse elaboracións moi diversas, todas elas unidas polo compromiso coa calidade, a proximidade e o coidado polo proceso artesanal. As propostas abrangueron desde aceites premium, conservas vexetais, galletaría tradicional, queixos, mel e sidra, ata produtos gourmet de nova creación.

Aceites e produtos do agro

Un dos sectores con maior presenza foi o do aceite galego, que continua a expandirse con variedade e recoñecemento. Alma Meiga participou con aceite de alta calidade, moi valorado polo público pola súa intensidade aromática e carácter propio. Tamén se incorporou Terras Gigurras, que ademais do seu aceite presentou mosto, produto cada vez máis demandado polos consumidores interesados na alimentación natural.

Pola súa banda, Aviporsilleda achegou ovos de produción local, reafirmando o interese crecente polos alimentos de proximidade procedentes de granxas familiares galegas.

Conservas, algas e produtos vexetais

Outros dos produtos máis  solicitados foron os de Porto Muíños Conservas e produtos elaborados cun manexo sustentable dos recursos mariños.

Desde as terras de Trives chegou Shiitake de Trives, que presentou distintas variedades de shiitake fresco e procesado, ademais de grelos, ampliando a oferta vexetal e poñendo en valor a agricultura de montaña.

Galletaría, repostaría e delicatessen

No ámbito doce destacou un ano máis Tabora, da casa, que levou as súas coñecidas rosquillas e as “galeguiñas”, un produto xa emblemático dentro da feira. Xunto a eles, Martietas de Fío presentou a súa liña de galletas artesás, que destacan polo emprego de ingredientes naturais e polo coidado na súa elaboración.

Tamén estivo presente Feitizos de Sabor, unha marca que continúa medrando grazas á súa oferta de produto gourmet galego, combinando tradición e innovación en elaboracións moi apreciadas polos visitantes.

Mel, sidra e bebidas tradicionais

Entre os produtos máis ligados á identidade galega non faltou o mel. Mel Pájaro, procedente da contorna de Lalín, levou diferentes variedades do seu mel recoñecido pola súa pureza e sabor característico.

No campo das bebidas destacou Sidra Peroja, que volveu presentar a súa sidra elaborada con variedades autóctonas, consolidándose como unha das referencias dentro do renacer da sidra galega.

Vista do stand da Asociacón Feiral

Bodegas Lodeiros SL, pola súa banda, levou o seu tradicional vermut, un produto que acadou unha notable repercusión no mercado polos seus matices equilibrados e pola fidelidade á receita familiar.

Panadaría e queixos

Daveiga participou coa súa gama de Mariñeiras, un produto xa presente nos fogares galegos e moi apreciado pola súa versatilidade.

Completando a oferta, a feira contou cun espazo dedicado aos Queixos Semana Verde, unha selección especial de queixos galegos de diferentes denominacións e procedencias, que resultaron ser un dos grandes atractivos do posto.

Innovación e a tradición

Todos estes participantes contribuíron a crear un mosaico de sabores, texturas e propostas que reflicten o bo momento que vive a artesanía alimentaria galega. A combinación entre tradición e innovación, acompañada por un público cada vez máis interesado nos produtos de quilómetro cero, fixo que a edición deste ano consolidase a feira como un punto de encontro imprescindible para produtores e consumidores.

Algúns dos produtos presentes no noso stand

Deixa unha resposta