As Aldeas de Nadal encheron de xente Lalín

Daniel González Alén

Dende uns anos a esta parte, son moitas as localidades de Galicia que coa chegada do Nadal pugnan por ter a máis abundante e espectacular iluminación, a árbore do Nadal de maiores dimensións, o máis rechamante belén artístico, vivente ou electrónico, todo co ánimo de atraer o maior número de visitantes. Nesta disputada carreira, o Concello de Lalín optou, hai agora sete anos, pola orixinal iniciativa das Aldeas de Nadal, que xa é un referente no Nadal de Galicia, ao que xa lle están saíndo copias e competidores noutras cidades e vilas da nosa comunidade.

A primeiros de decembro inauguráronse en Lalín as Aldeas de Nadal, un verdadeiro parque temático que conxuga as tradicionais celebracións lúdicas e relixiosas do pobo de Lalín, co máis típico e propio folclore destas terras de Deza, enchendo a vila de visitantes, familias enteiras con crianzas, as máis delas chegadas de todos os puntos de Galicia, que gozan e mesmo se meten dentro das casiñas que forman estes orixinais núcleos.

Malia chuvia das primeiras xornadas as Aldeas recibiron milleiros de visitas

As Aldeas de Nadal contaron este ano con sete poboados con case un cento de casiñas, construídas por artesáns locais e patrocinadas por empresas e negocios no municipio. A Aldea de Papá Noel, na praza da Igrexa, era a maior de todas e polo seu emprazamento foi a máis visitada. Preto desta estaba a Aldea das Estrelas, homenaxe aos fillos ilustres de Lalín: o astrónomo Ramón M. Aller, o matemático Rodríguez, o aviador Loriga e o pintor Laxeiro. Na praza da Vila instalouse a Aldea da Música, que xunto ás casiñas, ten un carrusel e barracas das festas. No parque de Loriga estaba a Aldea dos Trasnos; e na praza da Torre a do Apalpador. Pechaban a oferta a Aldea dos Reis Magos, instalada a carón da Biblioteca Municipal; e, este ano, o Taller de Papá Noel cunha grande árbore do Nadal feita en madeira, fronte ao Concello. Un tren turístico e un autobús clásico serviron para visitalas todas e ao tempo facer un percorrido pola vila.

Este ano, ademais dun maior alumeamento nas prazas e rúas da vila, tamén houbo un Mercado do Nadal, na céntrica rúa Loriga, cunha vintena de postos doutros tantos artesáns de toda Galicia, onde se puideron ver e mercar artigos de artesanía e produtos ecolóxicos que tamén aquí se podían degustar.

Ademais das Aldeas de Nadal, propios e visitantes podían ollar os corenta escaparates e as vinte fachadas máxicas que decoraban os comercios e os negocios da hostalaría; e tamén a primeiros de decembro comezaron as numerosas actividades programadas que remataron o 6 de xaneiro de 2026.

En Lalín, que presume de ser o quilómetro cero de Galicia, é doado aparcar e de xeito gratuíto tamén, e coas Aldeas de Nadal, a capital de Deza, énchese acotío de xente.

O Taller e a Árbore de Papá Noel,eran novidade este ano

Deixa unha resposta