Entrega dos premios da primeira edición do Concurso ‘As Feiras Tradicionais Galegas’

Texto: Noelia Cortizo Salgueiro
Autoridades e gañadores do concurso durante a entrega de premios celebrada no inicio da Semana Verde

Con motivo da inauguración da 47ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a Asociación Feiral Semana Verde entregou os premios do seu primeiro concurso ‘As Feiras Tradicionais Galegas’. No acto estiveron presentes representantes do Concello de Silleda, da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, ademais das firmas patrocinadoras do certame (Culinaria, Autocares Rías Baixas, Fundación Roberto Rivas, Casa do Patrón e O Enredo do Abelleiro).

O acto celebrouse no Museo do Campo e da Mecanización, trala visita que os gañadores e os seus compañeiros de clase, todos alumnos e alumnas do Instituto Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo, realizaron ás instalacións e, previamente, ao Mosteiro de Carboeiro.

Gañadores

O xurado estivo composto polo profesor Matías Da Torre, o profesor e historiador Xoán Carlos García Porral, pola xornalista e escritora Ana Cabaleiro, e como secretaria a xornalista Blanca Paz. Foi este equipo o que outorgou o premio  a estudante de segundo da ESO Sara Bouso Caldeira recolleu o seu premio, consistente nun vale de 500 euros para canxear por compras por Internet e nun obradoiro no Museo Casa do Patrón de Doade para que ela e os seus compañeiros de clase gocen o próximo curso.

O gañador do segundo premio, Fernando Seco Sánchez, estudante de cuarto da ESO nun puido acudir ao acto, polo que foi a súa mestra Aurita a que recolleu o premio no seu nome, consistente nun vale de 300 euros para compras por Internet e un obradoiro para el e para o centro no Enredo do Abelleiro, o museo do mel de Arzúa.

O terceiro premiado, Matías Díaz Otero, de segundo da ESO, recolleu o seu vale de 200 euros para compras por Internet e un pase para unha visita guiada ao Museo do Campo e da Mecanización para el e os seus compañeiros.

Durante o estudo das diferentes propostas presentadas tívose en conta a orixinalidade, a creatividade, a redacción lingüística, a transmisión do patrimonio etnógráfico, a contextualización histórica e social das feiras e outros moitos factores que foron os determinantes de que o xurado emitise ese fallo que, de xeito inédito recaeu no mesmo centro educativo de Mondoñedo.

Visita do alumnado do centro ganador ao Mosteiro de Carboeiro

A importancia dos Patrocinadores

O presidente da Asociación Feiral Semana Verde, José Luís Rodríguez, agradeceu a colaboración e implicación das distintas administracións públicas e empresas que apoiaron esta primeira edición como as mencionadas anteriormente, ademais de Autocares Rías Baixas, Fundación Roberto Rivas, Coren e Distri Conecta, S.L. O certame nace con vocación de permanencia e que busca manter vivas as orixes e tradicións das feiras e trasladar ás novas xeracións as súa importancia a través do intercambio interxeracional de experiencias e saberes.

Ao acto de entrega asistiron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a deputada provincial Belén Cachafeiro, a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, o director a Fundación Semana Verde, Ricardo Durán, e o coordinador de negocio Agro de Abanca, Alberto Silva. Entre o público, tamén estiveron presentes a tenente de alcaldesa silledense, Mónica Conde, e o concelleiro de cultura de Mondoñedo, Alberto García, entre outros moitos representantes da vida política, social e cultural dezá.

Ao remate da entrega de premios, estudantes, profesorado e autoridades desfrutaron doutra parte do premio do certame, a degustación de produtos típicos de Silleda como empanada, tortilla e lacón, preparado pola firma local Culinaria. Trala sobremesa, o grupo de estudantes visitou a feira, coincidindo co momento da súa inauguración

Visita ao Museo do Campo e da Mecanización

Próxima edición

A finalidade deste tamén é incentivar as relacións entre as distintas xeracións, ademais de pór en valor o medio rural, as terras de interior do país e a historia da Semana verde.

Por iso, a organización do Concurso está a traballar na próxima edición, que terá un funcionamento similar á pasada. Polo que se recolerán traballos de estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), que se centren nunha entrevista interxeracional en estilo directo, escrita en galego e cun mínimo de 4.000 caracteres con espazo e un máximo de 5.000. A temática transversal son As Feiras Tradicionais Galegas.

As bases do concurso poden consultarse en: www.afeiral.com.

 

 

Deixa unha resposta