A Feira do Viño de Chantada, 40 anos latindo

Noelia Cortizo Salgueiro

Se algo destaca en Chantada é a súa Feira do Viño, un referente nas festividades do interior galego que representa o corazón do Concello e que xa leva 40 anos latindo. Actualmente, segue a ser unha das citas vinícolas máis temperás do ano, que atrae a milleiros de persoas a degustar os caldos das bodegas da zona. Conta cunha ampla programación na que se inclúen dende catas comentadas, postos de vendas das bodegas e actuacións musicais.

Esta festividade xa ten historia. A primeira edición da Feira do Viño de Chantada data do 12 de marzo de 1983 e no 2023 celebrou os seus 40 anos de vida. Xurdiu como resposta ao espírito de cambio que sofre o sector vinícola do sur da provincia de Lugo. Así mesmo, a finais dos anos 90 acada un despegue definitivo, impulsado pola creación da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Hoxe en día pódese dicir que xa está plenamente asentada como unha das citas máis importantes de Galicia. Ademais, esta Feira destaca por englobar festividade e profesionalidade nun mesmo evento, no que se mostra o traballo que fan os produtores vitivinícolas en Chantada, así como a influencia que teñen na paisaxe da Ribeira Sacra, declarada Ben de Interese Cultural. Tamén ten unha característica fundamental que a diferenza do resto de eventos, fai unha aposta pola tradicional cata popular, na que o propio público decide cales son os mellores viños en cada edición.

Nunha fin de semana, a festa apodérase do municipio de Chantada e acolle a milleiros de persoas que se achegan a gozar dos viños e da festa. Durante a celebración, ademais do viño, a música tamén é protagonista coas charangas e orquestras de verbena e, por suposto, coas agrupacións tradicionais. A gastronomía tamén xoga un papel fundamental, posto que se poden degustar os produtos típicos de Galicia, como o polbo, a empanada ou a carne ao caldeiro. Cabe destacar que é unha fin de semana para todas as idades, xa que a cativada conta con actividades como obradoiros ou a ocioteca na que poden gozar e aprender.

Esta festividade co paso dos anos foise profesionalizando e dende hai 3 edicións conta cun Túnel do Viño, un espazo no que os profesionais do sector vitivinícola poden compartir coñecementos, técnicas, ferramentas e establecer alianzas. Nestas edicións tivo un grande éxito e seguirá sendo unha cita de relevancia na programación dos vindeiros anos.

Feira do Viño
Feira do Viño

Patrimonio da Humanidade

A comarca chantadina e a Ribeira Sacra atesouran grandes valores para converterse en Patrimonio da Humanidade, camiño no que están a traballar dende diferentes entidades e no que seguirán afondando ata logralo. É de destaque a grande evolución que tiveron os caldos, que hai 30 anos foron recoñecidos como Viños da Terra, antes de acadar a Indicación Xeográfica Protexida.

Xa que logo, se algo destaca nesta zona é o gran valor que ten a vitivinicultura no tecido empresarial galego e na súa economía circular, cunha cada vez maior proxección no estranxeiro para colocar os viños da Ribeira Sacra dentro da lista máis exclusivas a nivel internacional. A profesionalización do sector tamén se demostrou no paso dos 40 anos e déixase notar na propia Feira, onde os produtores fan mostra do seu bo facer na elaboración destes caldos.

Ribeira de Chantada (Daniel G. Alén)
Ribeira de Chantada (Daniel G. Alén)