AGOAAP na Artesanía Alimentaria de Galicia

Agoaap

A asociación sen fin de lucro, AGOAAP (Asociación Galega de Operadoras Artesanais de Alimentación e Pensos) nace no ano 2021 en Lalín con 11 socios fundacionais para unir as empresas artesás galegas, e a día de hoxe xa conta con 40 empresas de todo o territorio galego. Os seus principais obxectivos son, primeiramente, potenciar a produción, transformación, distribución e comercialización das operadoras de alimentación artesanal e defender os lexítimos intereses diante das administracións. Tamén, velar polos dereitos das persoas a alimentarse mediante alimentos que sexan asumibles economicamente, sans e seguros, nutritivos e saborosos e que sexan producidos, transportados, transformados e distribuídos con prácticas e métodos respectuosos co medio ambiente e en circuítos de proximidade.

Outras das pretensións de AGOAAP é defender o carácter familiar e o lexítimos intereses das operadoras diante das administracións, desenvolver e difundir en colaboración coa administración autonómica e central as guías sectoriais previstas no regulamento 852/2004 e colaborar coas distintas administracións no desenvolvemento de lexislación específica, formación técnica e xurídica e divulgación de prácticas tradicionais e artesás entre a cidadanía e as operadoras de alimentación para que estas últimas se acollan á categoría de operadoras artesás de alimentación.

Igualmente, o colectivo traballa por velar porque as distintas administracións apliquen a lexislación alimentaria con criterios de honestidade, transparencia, equidade, modernidade, respecto ao medio ambiente. En definitiva, fomentar e educar á cidadanía en seguridade alimentaria e nunha correcta alimentación baseándose nos principios anteriormente expostos é outro dos obxectivos.

Entre as actuacións de AGOAAP, pódense destacar dúas vías. Unha primeira, educativa, mediante obradoiros, actividades ou charlas para crianzas e maiores en colexios ou mercados de artesanía alimentaria, así como encontros con DO, IXP e/ou GDR, para pór en conexión intereses conxuntos entre produtoras. Unha segunda vía é de produción, a través da colaboración xunto co Agacal, Artesanía de Galicia ou Concellos interesados, en mercados orientados a este tipo de produción. (Mercados MercaDelicaDeza de Lalín, Mercado de Artesanía Alimentaria de Coristanco, Mercado de Nadal de Lugo, etc.)

Unha nova iniciativa trata da realización dunha páxina web (agoaap.org), onde se poden atopar as empresas asociadas, ver as actividades promovidas ou por promover, e información sobre o selo de Artesanía Alimentaria.

Ademais, a asociación AGOAAP en colaboración con AGACAL e a Consellería de Sanidade, acaba de redactar a primeira guía de boas prácticas do sector cervexeiro artesán, que se atopa en proceso de aprobación e validación pola Consellería de Sanidade.

Alimentación e cosmética centraron as propostas que elixiron levar da man da Asociación arredor dunha vintena de marcas de proximidade, con produtos que poden mercarse na tenda da entidade feiral durante todo o ano. 

Os inicios

O comezo do camiño da Artesanía Alimentaria en Galicia foi no ano 2019,  coa publicación no DOGA do Decreto 174/2019, que sentou as bases do novo selo de calidade. Coa publicación das primeiras normas técnicas na Orde do 16 de febreiro do 2022 comezaron a poder inscribirse os artesáns de Galicia. Nesta Orde publicáronse as seguintes normas técnicas relativas ao queixo, o iogur, o requeixo, os xeados, os derivados cárnicos (embutidos, salgaduras, afumados, adobados, conservas cárnicas e patés), a sidra, a cervexa, as conservas vexetais (inclúe as marmeladas), os produtos desecados de orixe vexetal, o mel, os produtos de confeitería, pastelaría, bolaría e repostería, o chocolate e derivados de cacao, as infusións e condimentos e  aceite de oliva.

Para a inscrición do rexistro de artesáns hai que cubrir os procedementos MR400A e MR400B e pagar unha taxa.

Neste ano 2024,  publicaranse sobre 10 novas normas técnicas, entre as que destacan as de conservas de peixe, empanadas, augardentes e licores,  vinagres, zumes, etc.

Para máis información, contacta con AGOAAP mediante o mail info@agoaap.org, o número de teléfono 636 793 390, o a conta de Instagram #agoaap

Deixa unha resposta