DANIEL GONZÁLEZ ALÉN / FOTOS:CONCELLO DE LALÍN
Foron moitos os veciños que, o 10 de outubro de 2024, acudiron á inauguración do Centro Integral de Saúde (C.I.S.) de Lalín e Comarca de Deza, que abriu unha nova e esperada etapa no eido sanitario, cunha moderna infraestrutura que marca xa o presente e o futuro deste amplo territorio da Galicia central. O acto estivo presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o alcalde de Lalín, José Crespo Iglesias, aos que acompañaron os conselleiros de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue; e de Educación, o lalinense Román Rodríguez; o presidente da Deputación Pontevedra, Luís López; o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera; membros da Corporación local e autoridades municipais dos seis concellos dezaos.
O novo CIS, o maior investimento da historia de Lalín e comarca en materia sanitaria, senta as bases para un futuro hospital de día, dará servizo á veciñanza dos preto de 40.000 veciños dos concellos de Lalín, Agolada, Rodeiro e Dozón, e asistencia especializada aos de Silleda e Vila de Cruces, sendo o segundo centro integrado que funciona en Galicia, despois do de Lugo capital.
As obras do novo Centro Integral de Saúde (CIS) de Lalín comezaban alá polo mes de maio de 2021. Tres anos despois, e cun investimento que ascendeu a 14 millóns de euros (dos cales 13,5 foron financiados pola Xunta de Galicia e a cantidade restante polo Concello de Lalín, para a urbanización), son xa unha realidade.

O novo complexo ocupa unha parcela duns 15.000 m2 no Alto de Vales, un terzo deles destinados a un edificio principal de catro andares, dos cales tres se destinan ao centro de saúde e outro ao PAC. Ademais de albergar o centro de saúde básico de atención primeira, o edificio incorpora programas específicos, en amplos espazos e modernas dotacións de mobiliario, permitindo ampliacións para programa de cirurxía menor ambulatoria e a creación de novos servizos hospitalarios como cardioloxía e rehabilitación cardíaca. De forma inmediata, haberá servizos de atención hospitalaria como oftalmoloxía, xinecoloxía, saúde mental, traumatoloxía, rehabilitación e atención á muller. Unha das principais apostas do CIS será o uso das novas tecnoloxías, cunha área específica de telemedicina, que lle permitirá ao centro lalinense estar vencellado ao CHUS e mesmo aos domicilios dos doentes, algo que sen dúbida repercutirá na comodidade e o benestar de toda a cidadanía.
Procúrase, en definitiva, «que esta grande infraestrutura conte coas máximas prestacións para os veciños de toda a comarca, de xeito que se eviten moitas viaxes a Santiago por atencións menores ou procesos que se poden atender de forma ambulatoria”, indicaba na inauguración o alcalde lalinense.
Este CIS comezou a xestarse hai vinte anos, coa idea de dotar os concellos dezaos dun Hospital Comarcal, que remataría sendo este Centro Integral de Saúde, mediante un convenio asinado polo SERGAS e o Concello de Lalín en 2018, coa posterior participación de distintos equipos técnicos, sanitarios e políticos.
Nova ambulancia de Soporte Vital Avanzado (SVA)
Outro importante avance para Lalín e Deza en materia sanitaria foi a entrada en servizo dunha nova ambulancia de SVA (Soporte Vital Avanzado) con persoal especializado permanente, logo de tela solicitada dende hai anos, pasando con este o recurso asistencial a ter o dobre de servizos dos existentes e, ao tempo, máis cualificados. Esta nova ambulancia funciona na práctica como unha “sanitarizada”, en comunicación constante coa central de coordinación do 061, permitindo atender as urxencias e emerxencias sanitarias de toda a comarca, mellorando os tempos de asistencia e reforzando os recursos sanitarios de toda a veciñanza dezá. Lalín é o primeiro concello do rural galego en dispoñer deste recurso asistencial de última xeración que teñen unicamente as cidades da Coruña, Vigo, Pontevedra e Santiago de Compostela.
