Sabino Pérez, catro décadas organizando que o penso chegue a tempo

NUDESA

O encargado de loxística e produción da empresa Nudesa, Sabino Pérez relata a sua traxectoria.                                       

Como chegaches a Nudesa?

Empecei a estudar mecánica naval e durante as prácticas, estiven ano e medio embarcado en Mauritania. No mar gañábase ben, pero era unha vida dura porque estabas lonxe da casa moito tempo. En 1987, con 25 anos, ofrecéronme traballar en Nudesa. Ía ser só un verán de apoio no almacén da fábrica, cando aínda estaba en Lalín, pero o verán rematou… e eu quedei.

Pasei por distintos postos: moenda, ensacado e carga de camións, traballando xunto a Darío, o xefe de fábrica naquel momento, de quen aprendín moitísimo. De feito, logo estivemos os dous como encargados, un en cada turno. Cando a fábrica se trasladou a Silleda, dividímonos: Darío quedou de encargado de fábrica e produción e eu de loxística e produción.

Gustouche o cambio á loxística?

Si, dende o primeiro momento. Era algo novo, pero os meus sete anos de experiencia en fábrica axudáronme moito. En loxística non só organizamos o transporte do penso, tamén coordinamos a produción co persoal da fábrica e organizamos os camións que van ao porto buscar materia prima e  servir o penso.

Garantir que sempre haxa materia prima suficiente, que o penso estea fabricado e que chegue a tempo a cada cliente é un reto diario.

Ao principio eramos dúas persoas; hoxe, con dúas fábricas, somos seis. Podemos servir arredor dun millón de quilos de penso ao día, o que implica organizar o traballo duns 60 camioneiros.

Que é o que máis che gusta e o que menos do teu traballo?

Sempre me gustou a xeografía, así que me resultou fácil aprender as localización das granxas —e iso que son máis de 2.000—. Hoxe en día non só sei onde están, senón tamén como se accede, que tipo de camión pode entrar, como son os silos, etc. Fun moitas veces descargar penso cos camioneiros; foi a mellor maneira de entender o meu traballo.

O que menos me gusta é a falta de rutina e as urxencias. Ás veces tes o día perfectamente organizado e chaman clientes que esqueceron pedir penso e están cos silos baleiros. Que os animais coman é a prioridade, así que sexa como sexa, o penso sérvese. Se hai que vir un domingo a fabricar, vense.

Isto é posible grazas á implicación de todo o persoal e dos camioneiros, que entenden perfectamente o que supón este traballo e nunca nos fallan.

Sabino Pérez nas instalacións de Nudesa

Que che aportou traballar en Nudesa e que cres que achegas ti?

Nudesa deume un traballo que me gusta, e iso vale moito. Ademais, permitiume coñecer a moitísima xente e moitos lugares, algo que persoalmente me enriquece.

Creo que aporto os meus coñecementos, pero tamén a miña forma de ser: son tranquilo, con gran capacidade de traballo e sei xestionar o estrés. É moi raro verme enfadado, e iso axuda neste entorno.

Que valores destacarías desta empresa?

Nudesa é unha empresa sólida e responsable. Sempre me sentín coidado e valorado. Aquí hai ganas de facer ben as cousas e moito compañeirismo. Cando se fala da familia Nudesa, é unha realidade: así nos sentimos.

Algunha anécdota?

Hai moitas. Lembro cando enviamos un contedor de penso a Cuba hai uns 25 anos, ou un día que houbo unha gran nevada, os camións non podían circular e tivemos que servir as urxencias en sacos, cargados nun vello Land Rover comprado ao pai de Manuel Ángel “O Xeitoso”, o noso distribuidor de Santiso; ou cando na aldea de Guillar tivemos que ir porta por porta ata dar co cliente que pedira o penso.

Máis recentemente, o día do apagón: tivemos sorte de que a luz se fose ás 12:00, cando xa tiñamos servida boa parte do penso, pero non podiamos fabricar, cargar camións, nin comunicármonos cos clientes. Moitos viñeron por sacos. Foi un día de moita incerteza, preocupados polos animais.

Quédache pouco tempo para xubilarte, tes ganas?

Botarei de menos aos meus compañeiros, iso está claro, pero si, teño ganas de xubilarme. Aínda que desfrutei moito da miña vida laboral en Nudesa, teño outros proxectos en mente: a miña parella é do Perú e queremos pasar parte do ano alí.

Nudesa está a piques de cumprir 50 anos, ¿como a imaxinas dentro doutros 50?

A saber, pero faríame ilusión que houbese unha terceira fábrica.

 

Deixa unha resposta