Manuel Figueiras F.
Un dos sectores máis dinámicos da nosa cultura é a música. A proliferación de grupos e cantantes novos que fan unha relectura da música tradicional adaptándoa a este tempo é unha aposta polo seu futuro. A banda de Chantada tamén é un exemplo de adaptación ao presente, con concertos íntegros en Youtube. Sen deixar de ser banda popular, é diversa no seu repertorio e os seus concertos: tanto acompaña a procesión do Corpus como dá un concerto de música sacra, interpreta “Puenteareas” e unha canción do Mago de Oz.
É uha das máis antigas de Galicia. Foi creada no ano 1865 polos irmáns Ferraias, Manuel e Antonio, que xuntaron un pequeno grupo familiar de músicos. Deles saíron os acordes da Muiñeira de Chantada, que tocaron nunha festa na parroquia do Convento, onde a escoitaron os gaiteiros de Soutelo de Montes, que a incluíron no seu primeiro disco de pizarra en 1928. Agora, a muiñeira máis universal pecha todos os concertos da banda.

En tantos anos de historia tivo épocas complicadas, con moitos cambios de director e integrantes. Ata que a finais dos setenta, o filántropo Faustino Fernández ¨Vilaseco¨apóiaa economicamente e encárgalle a Jesús Vázquez Lorenzo a tarefa de reconstruíla cando tiña quince compoñentes. Dende aquela evolucionou e consolidouse como unha banda de referencia con varios directores, nalgúns casos músicos dela, ata o actual, Carlos Timiraos. Con actuacións dende Barcelona a Tenerife e dende Vilagarcía a Lugo, recibiu un Premio Martín Códax e mostra nos seus concertos unha abondosa variedade de estilos: ópera, zarzuela, música tradicional galega,latina, sacra…
Cada ano, logo do Concerto de Reis, co que agasallan aos maiores da residencia DomusVI, comezan o ciclo anual co concerto da Feira do Viño. Segue o Concerto do Socio e en agosto os concertos especiais das Noites á luz da lúa , nas que poden soar cancións do pop-rock español ou cumbias, con cantantes convidados como Emilio Rúa, e en plenas festas patronais o Festival de Bandas de Música, que vai pola súa 34ª edición, con outras dúas bandas convidadas. En outubro é o Outono musical Lourdes Vázquez Ledo, que xa leva dez edicións, polo que pasaron Abraham Cupeiro ou Pablo Carpintero. E rematan o ciclo anual coa celebración do concerto de Santa Icía.
