Silleda lanza o seu primeiro Plan Municipal de Voluntariado cunha resposta cidadá cada vez maior

Concello de Silleda

Un proxecto transversal e pioneiro que aposta pola cidadanía activa e solidaria

O Concello de Silleda vén de dar un paso adiante na promoción da participación cidadá coa posta en marcha do primeiro Plan Municipal de Voluntariado, unha ferramenta pioneira no municipio que busca canalizar e reforzar a colaboración altruísta da veciñanza. Esta iniciativa nace co obxectivo de construír unha comunidade máis cohesionada, solidaria e participativa, e está concibida como un plan transversal no que se implican todos os departamentos municipais, (Benestar Social, Medio Ambiente e Transición Ecolóxica, Cultura ou Deportes) .

O Plan non só regula e ordena a acción voluntaria, senón que tamén pretende ser un instrumento dinámico e vivo, que se adapte ás necesidades do municipio e ás inquedanzas da cidadanía. A través da creación dunha bolsa de persoas voluntarias, da formación específica e do contacto directo coas asociacións, o Concello quere facer da acción voluntaria un motor de cambio e de mellora social.

“Queremos dar visibilidade ao voluntariado e recoñecer o seu valor transformador. Este plan é unha oportunidade para conectar ás persoas e construír unha Silleda máis inclusiva, participativa e comprometida”, sinala a alcaldesa, Paula Fernández.

Persoas voluntarias do Programa Colonias felinas

Voluntariado en acción: primeiros proxectos que xa están a dar froitos

A resposta cidadá non se fixo esperar. En apenas uns meses desde a súa presentación, o Plan xa está a dar resultados moi positivos en diferentes ámbitos. A implicación da veciñanza confirma que había unha necesidade latente de espazos onde colaborar e poñer en valor o compromiso coa comunidade.

Colonias felinas: 14 persoas voluntarias ao coidado dos animais

Un dos programas máis destacados é o de xestión das colonias felinas, que se desenvolve segundo o método CER/CEVR (Captura, Esterilización, Vacinación e Retorno). O obxectivo é controlar de maneira ética e sostible a poboación de gatos que viven na rúa, ao tempo que se garante o seu benestar.

Neste momento, 14 persoas están rexistradas como colaboradoras autorizadas, encargándose de alimentar, coidar e controlar estas colonias repartidas polo termo municipal. O Concello proporciona os medios técnicos —gaiolas, penso seco, formación— e realiza un seguimento da actividade.

“A implicación da veciñanza está a ser exemplar. Sen a súa colaboración sería imposible xestionar as colonias con garantías sanitarias e respecto polos animais”, sinalan desde o departamento responsable​.

Programa Anduriña: linguas para a integración

Outro exemplo do éxito deste plan é a reactivación do Programa Anduriña, unha iniciativa para facilitar a integración da poboación inmigrante mediante clases de español e galego. A gran novidade desta edición é que as clases están impartidas por persoas voluntarias, algo que permite reforzar os lazos sociais entre veciños e veciñas de diferentes orixes.

As sesións celébranse na Casa da Xuventude e están dirixidas tanto a persoas adultas como a nenos e nenas. No caso do alumnado infantil, existe colaboración cos centros educativos, que derivan aos estudantes que precisan apoio lingüístico. As clases son totalmente gratuítas e abertas á cidadanía​.

“A lingua é clave para a integración. Grazas ás persoas voluntarias podemos ofrecer un espazo de aprendizaxe e encontro para moitas familias”, destaca Ángela Troitiño, concelleira de Benestar.

Soidade non desexada no Nadal: campaña de acompañamento emocional

No marco do Plan de Saúde Mental 2024-2025, outra iniciativa pioneira, o Concello puxo en marcha unha campaña de voluntariado social no Nadal para combater a soidade non desexada, especialmente entre persoas maiores ou en situación de vulnerabilidade.

A iniciativa, pioneira en Silleda, consiste na creación dunha rede de acompañamento con encontros presenciais e “Espazos de Conversa” moderados por profesionais. As persoas voluntarias reciben unha formación previa en habilidades emocionais para garantir un acompañamento respectuoso e empático​.

 

Programa Anduriña para persoas inmigrantes

Formación, difusión e sensibilización: eixos fundamentais do Plan

Ademais da organización da acción voluntaria, o Plan establece eixos estratéxicos como a formación específica das persoas voluntarias, a sensibilización social, a promoción de actividades interxeracionais e o reforzo da rede asociativa local.

Nos vindeiros meses está prevista a realización de sesións informativas campañas de difusión e encontros co tecido asociativo para dar a coñecer as vantaxes do voluntariado. O Plan tamén contempla un sistema de avaliación continua que permitirá adaptar os programas e ampliar liñas de actuación segundo as necesidades detectadas.

Así mesmo, o Concello de Silleda tamén está a tramitar a sinatura de convenios cas Universidades galegas a fin de que as tarefas de voluntariado outorguen créditos ás persoas mozas estudantes nestes centros.

Un modelo replicable: cara unha Silleda máis cohesionada

A posta en marcha deste Plan Municipal de Voluntariado marca un antes e un despois no xeito de entender a participación cidadá no municipio. Co respaldo da veciñanza e a colaboración entre departamentos, o Concello de Silleda está a construír un modelo de voluntariado próximo, útil, accesible e replicable, baseado na confianza mutua, a corresponsabilidade e o ben común.

“Este é só o comezo. Queremos que cada vez máis persoas vexan o voluntariado como unha maneira de mellorar o seu entorno, facer comunidade e tamén crecer a nivel persoal”, conclúe a alcaldesa.

Deixa unha resposta