Concello de Monforte
Monforte de Lemos, cidade encadrada no corazón da Ribeira Sacra, da que é capital, creceu arredor do vello baluarte militar e do conxunto monumental do monte de San Vicente, símbolo do señorío dos Condes de Lemos, e no que hoxe se ubica o Parador Nacional de Turismo.
Sede do Condado de Lemos, cuxo conde actual é o Duque de Alba, recibiu en 1885 da man do rei Alfonso XII o título de cidade. O seu casco histórico foi declarado Ben de Interese Cultural como Conxunto Histórico Artístico en 1973.
Monforte atesoura un importante patrimonio histórico e cultural entre o que se atopan destacadas edificacións e valiosas obras de arte. Personaxes ilustres protagonizan a súa historia, que tamén está presente nas súas murallas, palacios e conventos, nos seus museos, prazas e pontes.
En Monforte pódense visitar museos de gran interese, entre os que destacan a Pinacoteca da Fundación Colexio Nosa Señora da Antigua (tamén coñecido como o ‘Escorial galego’ ou ‘Escolapios’) que alberga sendos cadros do Greco e do pintor italiano Andrea do Sarto, e o Museo das Nais Clarisas, catalogado como un dos mellores museos de España de arte sacra e arte italiana do século XVI.
Fóra do núcleo urbano está o Museo do Pazo de Tor, que pertence á Deputación Provincial de Lugo e que é un magnífico exemplo de como era a vida señorial galega no século XVIII.
Na historia de Monforte ten unha importante pegada o ferrocarril e a cidade é sede do Museo do Ferrocarril de Galicia, un dos mellores de España na súa temática e nel pódense ver pezas ferroviarias que son auténticas xoias do patrimonio ferroviario de España, como un exemplar das míticas locomotoras de vapor “Mikado”.
Sendo capital da Ribeira Sacra, non pode faltar un espazo expositivo dedicado á produción vitivinícola baixo o amparo da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. No Centro do Viño da Ribeira Sacra, pódese facer un percorrido polo cultivo das vides en terrazas e gozar dos excelentes caldos, tanto de viños novos como en barrica de carballo.
Monforte é parada obrigada na visita á Ribeira Sacra, un territorio ligado á paisaxe a á auga preto de entrar a formar parte do catálogo de lugares Patrimonio da Humanidade recoñecidos pola UNESCO, o que sen dúbida será un fito que posicionará a esta zona a nivel mundial.
Monforte e a Ribeira Sacra son paisaxe, son viticultura heroica (a inclinación das ladeiras dos viñedos nalgunhas zonas alcanza o 80%), son viños de excelente calidade, son rica e variada gastronomía, son románico e son Camiño de Santiago, a través do paso do Camiño de Inverno por estas terras.
Oferta cultural
A variada oferta lúdica da cidade complétase con múltiples eventos ao longo de todo o ano, entre os que destacan o Festival do Viño da Ribeira Sacra, que se celebra no mes de xullo, ou a Feira Medieval en Semana Santa, visitada por milleiros de persoas durante a fin de semana de Resurrección, e que agarda pola declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia.
Sen esquecer as Festas Patronais que se celebran no mes de agosto, as cales son un referente no sur da provincia de Lugo, pola calidade do seu programa de concertos musicais e a espectacularidade dos seus fogos artificiais.
É este un completo e amplo abano de posibilidades que fai de Monforte de Lemos un dos destinos turísticos máis demandados en Galicia na actualidade. Visitar esta cidade galega é, a fin de contas, un plan que non se pode eludir.

