Irene López Lago
-Avoa, como xa che dixen o outro día, teño que facer un traballo para o colexio sobre como eran as feiras antigamente en Galicia. De seguro que eran moi diferentes ás de agora.
Pero …de cando? Porque eu pódoche dicir de cando era nova, porque outra cousa…
-Si, si, xustamente diso, dese tempo é de cando necesitamos a información.
-Vale, veña, empeza. Pregunta o que queiras que eu teño cabeza para moitas cousas e seiche dicir o que queiras, que eu terei a miña idade pero aínda teño a cabeza ben posta e moi boa memoria.
-Ben,pois von1 empezar preguntando algo polo que teño moita curiosidade.
En que medio de transporte se ía ás feiras, xa que non había coches?
-Andando! Ou crías que era como agora, que colles o coche e podes ir se queres a Madrid? Non, filla, non. Había que ir andando que antes non había estradas. A única que había en Seoane era ata a casa Rubén, que é moi moi pouco para ti, porque tu2 ves estradas en toda a aldea, pero daquela non había máis. Se tiñas burro, ías en burro, ou se tiñas cabalo, ías en cabalo e, se non, ías andando.
-Cales eran as cousas que vendían nas feiras?
-Vendíanse todo tipo de animais porque era moi importante comprar animais: vacas, ovellas, cochos…As rapazas de Quiroga, en temporada de uvas, traían uvas ou, en temporada de figos, traían figos; porque antes non había a mesma comida todo o ano como agora.
-Falando un pouco deste tema, que se vendía máis, alimentos ou animais?
-De todo, vendíase de todo, pero máis animais, porque eran moito máis importantes, comida…comías a que tiñas na casa, porque antes non había supermercados para comprar.Tíñala que botar, se non non comías. Entón, como xa tiñas a comida na casa, pois non tiñas que comprala na feira.
-E como sabías cando había unha feira?
-Porque era na propia aldea. Cada quince días sempre había feiras, así que eu non ía a outras aldeas porque, total, eu tiña a feira aquí, entón non me facia falta ir a outra.
-Quero saber como ías vestida para as feiras?
-Co mellor que tiña. Mira.Tu tiñas un vestido bon3 todo o ano e levábalo á feira, á misa e aos enterros. A todos os lados. O vestido bon era o vestido bon.
-Que era o que máis comprabas ou o que máis che gustaba comprar cando ias ás feiras?
-Eu de todo. Eu compraba aceite, azucre, sopa, arroz, bacallau, sardiñas e viño. Nas casas con cartos había sempre viño e aguardente das feiras. Só o podía permitir quen tiña cartos; quen non, non compraba, claro, porque como eran outros tempos…
-Persoalmente, coñeces a alguén que vendera nas feiras?
-Todos, todos os do aldea vendían porque necesitabas cartos para poder vivir e comprar cousas, e comer. Tamén comprabas os animais para crialos tu ou para revendelos e gañar máis cartos. Eu mesmo vendía cochos. Acórdome dun rapaz (aínda que agora é un señor), de Quiroga, que sempre andaba onde o meu posto porque eu lle gustaba, e preguntáballe meu pai que facía sempre onda min e el respondia que era para comprar cochos, o mui4 mentireiro. Unha vez, había tanta xente que vendín vinte cochos, para que vexas!
-E ata que hora tiñas que estar na feira?
-Ata pronto, ata pronto… Non como agora, que saídes desde pola mañá ata pola mañá do día seguinte. Non, nós tiñamos que ir cedo para a casa porque ao día seguinte había que traballar na casa e no monte. Entón, tu ías comprar, logo andabas coas amigas pola aldea, dabas paseos (se non tiñas que vender, claro está) e tamén íamos á misa, xa que antes había que ir, non como agora…
O día de feira non eran só para vender e xa. Tamén había un baile, no que é agora o bar Anduriña, o de Rosario. Alí facían bailes e iamos os novos pasar o tempo. Despois volvías traballar outra vez ata a hora de ir para a casa durmir porque, como che digo, había que traballar ao día seguinte.
–Ai ho! Daba para moito o día! Agora xa non é así. Eu acórdome que , cando era pequena, aínda había feira en Seoane e había moita variedade de cousas, tamén xoguetes. Pero non vendía a xente da aldea, era xente de fóra. Ademais, agora xa non hai feira en Seoane e temos que ir a Pedrafita ou ao Cebreiro. Penso que era moito mellor cando se facía en Seoane pero…que se lle vai facer!
Moitas grazas, avoa, por contarme todas estas historias tan interesantes sobre as feiras.
-Nada muller,cando queiras,tu vés e pregúntasme calquera cousa e eu respóndoche.
1 Variante dialectal do Courel por “ vou”
2 Variante dialectal do Courel por “ ti”
3 Variante dialectal do oaurel por “bo”
4 Variante dialectal do Courel por “moi”

