Alex Ameijeiras Grille
Esta entrevista nace dunha sobremesa familiar acompañado por un familiar moi próximo, que vén sendo dunha pequeña aldea de Carballo, Vilela. O meu obxectivo é informavos, a través do seu testemuño directo, sobre cal era a verdadeira importancia que posuía a feira de Santa Comba. Malia que el habitaba nunha vila de Carballo, a influencia de Santa Comba como capital gandeira atraía a veciños de todas as comarcas pretas a experimentar esta incrible experiencia. A través desta conversa informal, queremos dar a entender as diferenzas que pode haber entre a feira de décadas pasadas a que estamos a poder gozar hoxe en día, analizando a perda da esencia do rural e como se están a transformar os espazos de intercambio.
Quero que me contes unha cousa que me dá intriga porque eu non puiden nin valorar nin sentir, xa sabemos que es de aquí ao lado de Carballo, pero que nunca perdiches unha feira de Santa Comba, Como lembras as feiras de antes alí?
Ai, meu neno! Para nós Santa Comba era o sitio onde se remexía o carto. En Carballo había un moi bo mercado, non cho nego, tamén é moito máis grande que a terra Xalleira, pero se querías ver un bo gando e tratos de homes tiñas que ir a esa terra. Eu lembro de ir cando ao avó, sendo eu un mozo. Iamos na noite pecha, cun frío que se che poñían os pelos de punta, soamente para levar os animais por camiños que hoxe en día non se ven por culpa da abundancia da louza. A viaxe era moi longa, pero sempre ías rindo, porque sabías que alí ía estar todo o mundo.
Había algunha dificultade para chegar alí? Porque agora imos co coche aparcámolo e xa estamos, pero antes teño oído que chegar aló co gando non era cousa fácil.
Era a loucura máxima, rapaz. Cando te ías adentrando pouco a pouco empezabas a escoitar o ruxerruxe das vacas, e o mellor de todo sen dúbida o cheirume a polbo dende o lonxe. Había que andar con mil ollos postos nos animais, para que non che marcharan entre a xente que non sería a primeira vez que sucedería iso. O feiral era un espazo esperanzador. Había tratantes que xa che tiñan o ollo posto e nada máis verte xa che viñan a tentar o trato. Tamén había unha cousa que me facía moita graza, había moita xente que me coñecía e ao verme dicíame, “Que traes hoxe, Carballés” Esa era a autenticidade desta terra, destacaba a relación que podías obter malia non ser do mesmo lugar que eles.
Falando deses tratos que dixeches, daquela facíanse as cousas de palabra?
Efectivamente, da palabra e non facía falta máis. Ti dabas a man e iso era sagrado. O que faltaba á verdade unha vez, xa non era benvido no mercado, xa que as noticias corrían coma o lume. Despois de pechar o prezo íamos á taberna, era un momento de relax despois de tanta tensión releando o prezo e vendo que pouco a pouco a carteira ía baixando. Isto creaba unha comunidade moi grande de xente.
Agora que pasaron os anos e que de vez en cando pasas a dar unha volta, como sentes que é a feira hoxe en día? Cres que mellorou ou que empeorou?
Vouche ser claro e directo, e non é porque un se vaia facendo vello, pero para min a feira non é nin a metade cá que fora nas décadas pasadas. Está peor, agora ves moito coche, moita xente con présa e moito destes postos que veñen de China, non é nada en contra deles, pero é dicir, postos que non teñen sentido coa esencia Xalleira e o rural desta zona. Antes o mercado era o noso sustento de cada mes. Hoxe imos de paseo, por costume, esa é a miña sensación e tamén o que penso da maioría da xente.
O gando desapareceu en gran parte. Ver a feira tan limpa e baleira de animais, sería algo impensable na miña época de mocidade. Antes Santa Comba era o corazón do gando, e agora parece o mercado dunha cidade sen darlle importancia ao importante, a gandería.
Entón nótase que cambiou moito a forma de relacionarse, non?
Totalmente. Antes parabas a falar con calquera. Coñecías a xente de Mazaricos, aos de Negreira, aos de Zas… Mentres que hoxe vas pola rúa e ves xente co teléfono ou coa cabeza mirando os pés. Xa non se ve a alegría de xuntarse arredor de calquera cousa que viras, falando da vida, quen casara, quen morrera ou outros temas que tiñan importancia. En fin, perdeuse a alma da feira para obter unha comodidade máxima, e obviamente saímos perdendo.
Que consello lle dás a xente nova coma min, para que non se esqueza de todo isto?
O consello é moi claro, e é que perdades a vergoña á hora de preguntar á xente vella. Se non gardades vós estas historias, cando nós faltemos, Santa Comba será outro lugar sen ningunha relevancia. Temos que valorar o que temos aquí, do que podemos gozar. E a próxima vez que vaias á feira, deixa o coche lonxe, camiña un anaco e escoita os ruídos ao achegarte ao mercado. Aí é onde está a nosa realidade.
Grazas por todo, tomo nota e espero conservar a alma da terra xalleira nos días de feira.
Moitas grazas de verdade, faime moita ilusión volver a aqueles momentos de gozo.

