Noelia Cortizo Salgueiro
Non todos os Camiños de Santiago están escritos, aínda quedan moitos por descubrir. Pero un dos que dende hai uns anos xa se está a percorrer é a Ruta Ignacio Taverneiro, que atravesa o municipio da Estrada e fai que este sexa un punto de peregrinación. Trátase dun percorrido polo interior da provincia de Pontevedra, salpicado de decenas de lugares de gran interese cultural e natural, nada masificado, e que che vai permitir gozar do recollemento interior e regresar ás antigas peregrinacións.
Os seus comezos
Remontándose ao ano 2000, en Codeseda comezaron a investigar rutas que pasaban pola vila. Foi no 2004 cando teñen constancia dos primeiros peregrinos, posto que deixaron unha mensaxe na páxina web de Codeseda Viva. Cabe puntualizar que estas persoas non facían ningunha ruta, soamente buscaban unha alternativa aos camiños convencionais. Continuaron traballando e no 2016, as investigación centráronas no desenvolvemento do Camiño da Geira e dos Arrieiros. Dende ese ano, ata o 2021 estiveron centrados nesta ruta e logo xa se puxeron mans a obra para profundar no Camiño Ignacio Taverneiro.
No 2021 xa tiñan todo o percorrido establecido e sinalado, e trouxeron a 100 peregrinos de Madrid, da parroquia de San Jorge. A partir de entón, nos anos seguintes seguiron levando grupos e xa no 2024, coa axuda de Turismo Rías Baixas, pintaron a sinalización de novo. Foi neste mesmo ano cando comezaron a promocionalo para que comezasen a vir peregrinos “tradicionais”, os que van con mochila en solitario ou grupo reducidos.
Non está recoñecido como un Camiño certificado pola Igrexa, mais xa iniciaron o procedemento para que sexa certificada. Aínda así, os peregrinos poden obter a súa Compostela, que virá selada como “outros camiños”.
Percorrido
Son 130 km dende Salvaterra do Miño. A primeira das etapas que recollen é duns 16 quilómetros e chega ata Ponteareas; na segunda, chégase a Moscoso, pasando por Pazos de Borbén, e nesta a lonxitude é de 23 quilómetros. A terceira delas transcorre por Ponte Caldelas e finaliza en Carballedo tras 24,5 quilómetros. A cuarta pasa por Pedre e finaliza en Codeseda, logo de 25,5 quilómetros. A seguinte, que percorre o núcleo urbano da Estrada e finaliza en Couso/Pontevea ten unha distancia de 23 quilómetros. Finalmente, só 16 quilómetros separan esta vila de Santiago de Compostela, que é o final da etapa e da Ruta.
Segundo relatan, ao longo de toda o roteiro, os romeiros poderán atopar diferentes servizos e no final das etapas, contan con albergues. Ben é certo, segundo o que detallan, que ata hai uns días, ao finalizar en Moscoso, os peregrinos debían trasladarse ata Redondela para durmir, xa que non había aloxamento. Neste mes de abril abriu un aloxamento, que ofrece servizo.
Patrimonio da ruta
No interior da fortaleza de Salvaterra de Miño, a carón da igrexa, álzase un cruceiro que ten labrada no reverso a Virxe Peregrina, que a ben seguro era uns dos primeiros lugares que visitaban os peregrinos que desembarcaban no peirao. Este cruceiro na actualidade está considerado como o punto de inicio da ruta.
O primeiro tramo que percorren os peregrinos ten como base unha calzada romana, algo que ocorre noutros moitos lugares nos que os camiños medievais coinciden cos trazados destas calzadas. Neste tramo tamén se poden ver 12 igrexas (unha delas de Santiago e dúas de San Roque), nove petos de ánimas (elementos moi vinculados aos camiños), varias pontes medievais, diversa toponimia viaria (como A Portela) e outros moitos elementos relacionados coa cultura xacobea.
En Codeseda o Camiño de Ignacio Taverneiro xúntase co Camiño da Geira e dos Arrieiros (CGA), polo que transitaban os peregrinos e tamén os transportistas medievais do viño da zona do Ribeiro, e teñen un trazado común ata Santiago de Compostela.
En definitiva, durante toda a ruta hai moita natureza, simboloxía do camiño e patrimonio pouco coñecido.
Datos rexistrados
En canto ás cifras, no ano 2022 teñen rexistro de 92 romeiros, pero no 2025 a cifra subiu ata os 386 peregrinos que foron camiñando e 16 en cabalo. Así mesmo, indican que no que vai de 2026, xa andan polos 300.
En canto ás nacionalidades, pasaron por esta ruta xente de España, Portugal, Australia, Hungría, Italia, Brasil, Eslovenia e Perú.
O valor das rutas alternativas
O proxecto de investigación e promoción do Camiño de Ignacio Taverneiro non busca situalo, en ningún aspecto, ao nivel doutros camiños moi consolidados, como poden ser o Francés ou o Portugués Central. A intención é simplemente documentar e recuperar a historia desta ruta, da que non hai dúbida que antigamente tamén foi percorrida por peregrinos.
As investigacións sobre cantos foron e cando pasaron son laboriosas e, tal e como pasou noutras moitas rutas, van levar varios anos de traballos.
Nestes tempos nos que as cidades están masificadas, o rural colle máis valor. Por iso, estes itinerarioss se presentan para un perfil de peregrino que xa realizou outros Camiños máis coñecidos e quere unha alternativa máis tranquila, entre natureza, patrimonio minimalista e moita conversa coa xente da contorna.
En definitiva, o valor destes percorridos non é patrimonio, senón o contacto coa natureza e coa xente das vilas polas que transcorre. A finalidade é establecer conexións con xente de moitos puntos do mundo coa xente de aquí. Son experiencias máis humanas e que tamén impulsa á xente a involucrarse para coidar os seus territorios. Son rutas para os que coidan do noso.

