Lalín aproveitará a eclipse total para potenciar o astroturismo                                  

Daniel González Alén

O 12 de agosto de 2026, Lalín será punto clave para observar a primeira eclipse solar total do século, un fenómeno histórico ao non rexistrarse un similar na Península dende 1912, evento que aproveitará para potenciar o chamado astroturismo, con actividades que terán como escenario principal o coñecido como Altar do Sol na parroquia de Alperiz. No contorno deste monumento megalítico, que os habitantes da prehistoria construíron orientado en liña cos equinoccios de inverno e verán, instalaranse pantallas xigantes para a súa retransmisión simultánea coas imaxes que tamén se filmarán dende outro dos puntos claves para ollar este fenómeno astronómico, a Praia das Catedrais de Ribadeo, co relato científico do profesor e director emérito do Observatorio de Santiago, Xosé Anxo Docobo. Ambas as dúas zonas van destacar como destino de astroturismo nesa data, para o que contan co apoio da Axencia de Turismo de Galicia e a Fundación Starlight, que ten no concello de Lalín un dos puntos de destino de referencia en Galicia.

En Alperiz, haberá un aparcamento para o público que queira asistir en directo a este excepcional fenómeno astronómico, que na súa fase de eclipse total comezara ás 20,30 horas e terá unha duración duns 20 segundos en Lalín e 1,45 minutos en Ribadeo. Nun recinto con palco habilitado para o efecto, en Alperiz ofreceranse actividades divulgativas e actuacións musicais que continuarán ata despois da media noite, se as condicións meteorolóxicas o permiten, coa observación da choiva das estrelas Perseidas, que tamén asomarán no firmamento nesa xornada de verán. Quen teña interese tamén poderá seguilo polas retransmisións das cadeas de televisión e canles da internet, que dispoñerán as cámaras precisas en Lalín e Ribadeo.

O Altar do Sol en Alperiz, lugar sinalado para a histórica eclipse de agosto

Preámbulos da histórica xornada

Co título “Galicia, porta de entrada da eclipse”, a Axencia de Turismo da Xunta de Galicia organizou o pasado mes de abril unha xornada de divulgación científica e turística no Edificio Sociocultural de Lalín, reafirmando a aposta polo astroturismo como motor económico e cultural. O evento contou coa presenza do alcalde de Lalín, Xosé Crespo; do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; do presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; e da concelleira de Turismo, Begoña Blanco. Durante a xornada, destacouse que Galicia será un dos lugares do mundo con mellor visibilidade do fenómeno, posicionando a nosa autonomía como un destino de calidade e ofrecéronse claves prácticas para gozar da eclipse con seguridade. O profesor Xosé Anxo Docobo, que interviu na xornada, subliñou a tradición astronómica de Lalín, lembrando as figuras ilustres de Xosé Rodríguez o “Matemático de Bermés” e de Ramón Mª Aller Ulloa, e repasando fitos astronómicos relacionados coa eclipse. Tamén no mesmo mes de abril, os alcaldes de Lalín, Xosé Crespo, e de Ribadeo, Daniel Veiga, xunto ao profesor emérito Xosé Anxo Docobo, ofreceron unha rolda de prensa no Observatorio de Santiago para anunciar o evento aos medios de comunicación.

Nos días previos á eclipse, por parte do Concello de Lalín, ofrecerase ampla información e un programa detallado das actividades e instrucións para gozar da histórica xornada.

O profesor Docobo cos alcaldes de Lalín e Ribadeo, que compartirán a retransmisión do evento astronómico

Deixa unha resposta