Noelia Cortizo Salgueiro
A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA conta dende o pasado 10 de febreiro cun pavillón máis para albergar as reses que acoden cada martes a este mercado, mellorando así a operatividade dos seus usuarios. Unha incorporación que permite á Central contar cunha capacidade máxima de 2.111 reses, o que supón un 44 % máis das prazas dispoñibles ata ese momento, tendo en conta que estas eran 1.465 tras o reaxuste acordado recentemente con compradores do mercado.
Esta capacidade máxima está establecida para empregar en sesións de gran concorrencia, posteriores ás semanas nas que está fixado cos compradores de becerros de recría non celebrar as poxas correspondentes a esta categoría. Nunha semana ordinaria a capacidade é de 1.950 animais.
Esta habilitación dun dos pavillóns do recinto para a Central ofrece numerosas vantaxes. Así, en canto a becerros de recría, as súas prazas aumentan de 701 a 805. Respecto a vacún maior, supón que ás 440 prazas individuais habituais se engadiran corraletas para un máximo de 120 vacas procedentes de granxas de estabulación libre, cuxo manexo é máis complexo, respondendo así a unha petición dos gandeiros. Ademais, permitiu sumar corraletas para outros 36 exemplares destinadas a situacións especiais.
Por outra banda, hai máis espazo para os becerros carniceiros, os cales pasaron a ocupar o novo pavillón e aumentan as prazas de 220 a 339. Comparten agora espazo cos becerros pasteiros, que ata agora estaban cos de recría, incrementando o seu máximo de 104 a 160. Unha separación que permite aos compradores unha mellor valoración deste pasteiros, cuxo crecemento en asistencia ven sendo considerable neste mercado nos últimos dous anos.
Un pavillón preto dos xa existentes
O pavillón habilitado para incorporarse á Central Agropecuaria é o número cinco do recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA. Moi próximo aos dous que xa se viñan empregando para o mercado, dispón de corraletas para acoller 339 becerros carniceiros e 160 becerros pasteiros, un total de 499 animais.
Así mesmo, dispón de catro peiraos de carga de diferentes alturas no seu exterior, con canalización de gando a través de mangas e portas direccionables cara ao exterior.
Visita do conselleiro de Presidencia ás instalacións
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou o pasado 3 de marzo este pavillón, sobre o que, explicou, permite dar resposta ás sesións de maior afluencia. Nesta liña, incidiu en que se ofrecen solución ás melloras solicitadas polos compradores no que se refire precisamente á ampliación da superficie para contar con máis animais.
Continúan os récords no mercado
Nos primeiros meses do ano a Central seguiu a rexistrar marcas nas súas cotizacións. Así, por tres veces superou o prezo máximo pagado por una vaca neste mercado. Se ben o récord da categoría de Vacún Maior, e da Central, se sitúa nos 10.498€ acadados o 8 de outubro de 2024 por un boi de raza mestiza, en canto ás femias desta categoría o maior prezo situouse o 5 maio en 10.393€, pagados por unha vaca de raza Rubia Galega nacida en setembro de 2014. Un elevado prezo que converte tamén a esta vaca no cuarto exemplar da categoría e da Central con maior cotización, tras tres bois, de 10.498€ (o récord), 10.469€ e 10.461€.
Tamén na categoría de becerros carniceiros se acadou un prezo máximo, cun macho mestizo etiqueta Ternera Gallega nacido en marzo de 2025, o cal rexistrou o maior prezo do mercado na súa categoría ao ser adquirido por 3.246€.
Sumáronse outras marcas, como o prezo medio máis alto da Central na categoría de Vacún Maior, que logo de superarse en diversas ocasións se situou en 2.628,31€.

